A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. Máis de 700 organizacións do Estado advertimos que a agricultura a pequena escala segue á espera de respostas

Máis de 700 organizacións do Estado advertimos que a agricultura a pequena escala segue á espera de respostas

27 de Abril do 2020

Mercado San Agustín

Máis de 700 organizacións de todo o Estado seguen demandando ao Goberno e aos diferentes Ministerios implicados (Agricultura, Pesca e Alimentación, Consumo e Sanidade) a toma de medidas en consideración dos impactos da crise do COVID-19, na produción agroalimentaria de pequena escala e do ámbito agroecolóxico para unha resposta adecuada, coordinada e urxente, e instan a unha difusión maioritaria a través das redes cos cancelos #SOSCampesinado #SOSCampesiñado

Ante o peche xeralizado dos mercados non sedentarios de proximidade que supuxo o estado de alarma fronte á pandemia do COVID-19, o pasado 30 de marzo un cento de organizacións, entre as que se atopaban varias plataformas de ámbito estatal, remitimos unha carta ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación con oito propostas para protexer a produción alimentaria a pequena escala e a agroecoloxía. Unha semana máis tarde, a mesma petición enviouse tamén ao Ministerio de Consumo e ao Ministerio de Sanidade, ao recibirse resposta de Agricultura alegando que as demandas presentadas eran competencia deste último. Como resultado a esta acción de reenvío, tivemos resposta de ambos ministerios. Por un lado, Sanidade contestou comunicando que trasladaba as peticións ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, alegando que os mercados non sedentarios eran competencia de este Órgano e, por outro, Consumo emprazounos a unha reunión que tivo lugar ol pasado vernes 17 de abril. Nesta xuntanza demostrouse sintonía e boa disposición para axudarnos a conseguir as nosas demandas pero, a pesares de todo, até o día de hoxe, non tivemos resultado algún.

Na sociedade civil, porén, a resposta está a ser moi diferente. A carta ao Ministerio de Agricultura xa foi apoiada por 700 entidades e mobilizou colectivos que, desde os seus territorios, realizaron diversas campañas e peticións a consellerías, concellos, etc. Algúns xa comezaron a autorizar mercados non sedentarios (Barcelona, Comunidade Autónoma Vasca ou País Valencià). Ante a falta de resposta clara do goberno central, facemos un novo chamamento social para reclamar solucións concretas a todos os problemas derivados do estado de alarma para a pequena agricultura e para o cumprimento do Dereito á Alimentación baseado en produtos sans, nutritivos, sustentables e sen tóxicos. As organizacións asinantes da proposta aportamos solucións concretas e posibles de aplicar no contexto de crise sanitaria, polo que consideramos incomprensible a falta de respostas. Continuaremos coa incidencia e a visibilidade, xa que máis alá do estado de alarma, algunhas cuestións poden converterse en permanentes e non podemos permitir que se revertan certas medidas.

Así, queremos suliñar que é fundamental:

  1. Dar resposta e mitigar o brutal impacto económico que está provocando esta crise nas economías labregas con medidas económicas e fiscais.

  2. Que as diversas administracións aposten polas producións locais na compra pública de alimentos para fornecer hospitais, centros de maiores, comedores sociais, comedores escolares ou bancos de alimentos.

  3. Recoñecer a produción de pequena escala e os espazos de autoabastecemento como esenciais para as nosas comunidades.

  4. Conseguir a coordinación entre administracións (interministeriais, interautonómicas e locais) para non xerar confusión, dispersión e ineficiencia na toma de medidas.

Esta urxencia, como tantas outras, atoparanos unidas a todas as organizacións que traballamos en favor dos nosos territorios e en favor do dereito a unha alimentación sa e sustentable, onde a pequena produción agroecolóxica está na vangarda. Consideramos fundamental que a agroecoloxía e a soberanía alimentaria sexan a aposta para o escenario de transición ecosocial polo que temos que camiñar, agora máis que nunca.

As organizacións asinantes instamos a toda a cidadanía e colectivos a sumarse a unha difusión maioritaria a través das redes sociais, para facernos escoitar #SOSCampesinado #SOSNekazariak #SOSCampesiñado #SOSPagesia.

Pode consultarse a carta ao Ministerio de Agricultura e o listado de entidades que asinaron a petición AQUÍ