A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. SLG e FRUGA esixen un cambio de rumbo na Delegación do Goberno tralo erro de prohibir os mercados alimentarios

SLG e FRUGA esixen un cambio de rumbo na Delegación do Goberno tralo erro de prohibir os mercados alimentarios

8 de Maio do 2020

Delegación do Goberno

Tras as críticas realizadas onte, 7 de maio, polo SLG e a FRUGA contra a prohibición dos mercados alimentarios de proximidade por parte da Delegación do Goberno en Galiza, pedindo a dimisión do delegado, Javier Losada; hoxe, 8 de maio, asistimos abraiados á publicación dun tweet onde sen informa, dende o máximo representante da Moncloa na nosa terra, que: Atendiendo al permiso de la Xunta sobre mercados, dentro del compromiso de cogobernanza y consultada la Abogacía del Estado, se entiende que aquellos dedicados a venta de alimentos y productos de primera necesidad pueden celebrarse, respetando las medidas de seguridad sanitaria”.

Para empezar, non facía falta consultarlle nada á Avogacía do Estado porque a nosa equipa xurídica xa argumentou polo miúdo contra a arbitrariedade de teimar nunha prohibición que contraviña directrices europeas para facer fronte á pandemia do Covid19 e contradicía o propio decreto do estado de alarma. Sen ir máis lonxe, todo ese argumentario xurídico foi rexistrado na Delegación do Goberno, polo que oficialmente debería ter coñecemento del o señor Javier Losada, da mesma maneira que debería saber que a norma publicada pola Consellaría de Medio Rural a semana pasada xa explicaba que o que se autorizaba eran, precisa e unicamente, mercados “dedicados á venda de alimentos e produtos de primeira necesidade (...) respectando as medidas de seguridade sanitaria”.

Así que non, non facía falta consultarlle nada á Avogacía do Estado. Dende hai semanas, a Delegación do Goberno coñecía que non existían fundamentos xurídicos para porfiar contra vento e marea nunha interpretación arbitraria, discriminatoria e excesivamente restritiva do estado de alarma na Galiza. Dende hai semanas, a Delegación do Goberno coñecía que noutras comunidades como Baleares, Navarra, Euskadi e Cataluña se autorizaron eses mesmos mercados alimentarios de produtos labregos sen que os seus homólogos teimasen en prohibilos como aquí.

Porén, a Delegación do Goberno porfiou en manter a prohibición, demostrando o seu absoluto desprezo e descoñecemento da realidade socio-económica galega e causando unhas perdas económicas millonarias a miles de familias labregas que, por desgraza, acabarase traducindo no peche e ruína de incontables proxectos agrogandeiros.

Por iso, dende o SLG e a FRUGA esiximos un cambio de actitude radical da Delegación do Goberno. O mundo rural e os sectores agrogandeiros da Galiza non poden estar sometidos á arbitrariedade dunha institución que, en vez de ditar normas claras, se limita a informar dun tema tan transcendental como o levantamento da prohibición dos mercados alimentarios a través dun tweet, ao tempo que as súas subdelegacións en Galiza seguen interpretando a normativa do estado de alarma cunha arbitrariedade temeraria en cada provincia.

A teimosía en seguir prohibindo os mercados esta semana, despois de que os autorizase a Xunta, creou e crea unha enorme confusión, está obrigando a cancelar eventos xa organizados por avisos telefónicos das subdelegacións a última hora e atrasa aínda máis un proceso complexo no que os concellos deben garantir a celebración destes eventos coas máximas garantías sanitarias.

Para tentar paliar os efectos desastrosos da neglixencia e da arbitrariedade da Delegación do Goberno, dende o SLG e a FRUGA instamos a que emita un comunicado aclarando dunha vez por todas o que se pode e o que non se pode facer con respecto aos mercados alimentarios de proximidade, remitíndose sempre á norma publicada pola Consellaría de Medio Rural ao respecto. Tamén lle pedimos á Consellaría de Medio Rural que realice unha campaña publicitaria para promover a compra de alimentos labregos a través da venda directa de cara a que o sector vaia recuperando unha normalidade que nunca se debeu ver truncada ao estar protexida a circulación e venda de produtos de primeira necesidade dende o primeiro día do estado de alarma.

Tweet Delegación do Goberno