A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. O SLG pide a Medio Rural axudas para apoiar as granxas galegas desasistidas polo Estado na crise do Covid

O SLG pide a Medio Rural axudas para apoiar as granxas galegas desasistidas polo Estado na crise do Covid

14 de Maio do 2020

Axudas de minimis

Dende a declaración do estado de alarma, o sector alimentario estivo en activo para garantir o abastecemento de alimentos para a cidadanía. Dentro del, as granxas galegas tamén continuaron coa súa actividade. Porén, boa parte delas atópanse completamente desasistidas porque ou ben non se contempla ningunha axuda dende o Estado para compensar as perdas económicas que están a sufrir a causa das restricións, ou ben as que se articulan resultan insuficientes para as nosas explotacións.

De seguirmos así, con miles de granxas en serios apuros económicos e sen ningún tipo de apoio ou axuda pública para apoialas, poderiamos asistir nos vindeiros meses ao peche de moitos proxectos agrogandeiros por serlles imposible continuar coa súa actividade nas actuais condicións. Ademais, Galiza ten unha grande dependencia alimentaria do exterior, sendo importadora neta de produtos agrogandeiros, polo que non podemos permitirnos o luxo de pechar máis granxas.

As granxas multifuncionais e as que venden ao sector Horeca, contra as cordas

Neste momento, están tendo dificultades todos os sectores que facían venda directa e os que comercializaban a través do canal HORECA (hoteis, restaurantes e comidas preparadas). Na maioría dos casos combinaban varias formas de venda (cestas a domicilio, venda na propia finca, feiras, restaurantes, bares, hoteis, pequenas tendas, Internet...) e, dependendo da canle que predomine, están tendo máis ou menos problemas. En moitos casos, cesaron a actividade comercial por completo ao pechárselles todas as vías de saída da súa produción (mercados, feiras, bares, restaurantes e hoteis).

Ademais, moitos proxectos labregos son multifuncionais e teñen producións diversificadas (froita, horta, mel, patacas, vides, algún animal...). Estes casos, moi frecuentes na Galiza, quedarían fóra de todas as liñas de axuda contempladas até agora, xa que se están a convocar para explotacións cunha única orientación produtiva e con límites por abaixo (número mínimo de animais, por exemplo) ao que moitas explotacións non chegan.

Cómpren axudas para ovino, caprino, bovino de carne, horta, pequenas industrias transformadoras, viño, pataca, planta e flor cortada

Visto que o Ministerio de Agricultura, agora mesmo, só puxo fondos para os sectores ovino e cabrún, pero nunha liña de axudas que non se adapta á realidade galega; que as medidas postas en marcha pola Comisión Europea van beneficiar pouco a Galiza; e á espera de ver como se poden redistribuír os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) para afrontar a crise do Covid19, é necesario que a Consellaría de Medio Rural formule outras posibilidades de apoio a través das axudas de minimis.

As axudas de mínimis son aquelas que non alteran a libre competencia no entorno comunitario. Son pequenas axudas que pode conceder un estado membro sen a obriga de comunicarllo a Comisión Europea. Actualmente, ampliouse a contía das axudas de mínimis para o sector agrícola pasando de 25.000 € (durante tres periodos fiscais) a 100.000 €. Outra vía para crear axudas nos sectores agrícola e forestal serían subvencións estatais suxeitas ao Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión Europea.

No Estado temos numerosos exemplos de que as comunidades poden crear as súas propias liñas de axudas. En Navarra, pagan 3 € por ovella e financian o almacenamento privado de canais de año. Tamén pagan por hectárea de remolacha azucreira. En 2017, A Rioxa deu axudas de mínimis pola seca (3 € por cabra e ovella e 15 € por vaca nutriz). En 2019, Castela e León, creou axudas de mínimis para garantir o subministro de auga ás granxas extensivas. En Castela A Mancha, para paliar os danos producidos por aves necrófagas en gando doméstico. En Cataluña, para o transporte de xurros e diversos investimentos asociados á súa xestión.

A crise actual e o desamparo que sofren as nosas granxas coas liñas de axudas que está creando o Ministerio de Agricultura, fan necesario que a Consellaría de Medio Rural tome as rendas na Galiza e cree liñas de axuda adaptadas á nosa realidade. Dende o Sindicato Labrego Galego, cremos que deberían ser as seguintes:

  1. Explotacións de horta, de planta ou mixtas, que fan venda directa (mercados e/ou restauración) e que habitualmente non cobran axudas. En extensión son moi pequenas, polo que calquera cobro por hectárea non vai servir. Precisan unha axuda de minimis por persoa como compensación ao peche dos mercados e da restauración.

  2. Explotacións de ovino e cabrún. Sector moi afectado polo peche das súas canles de venda normais. Non esperan que mellore a comercialización polas restricións que posiblemente seguirán existindo para os actos nos que se acostuma consumir esta carne. As axudas publicadas no BOE van ter uns efectos cativos na Galiza, xa que os nosos rabaños son pequenos e porque, segundo os datos das axudas acopladas, só hai 173 explotacións de ovino e 23 de cabrún en toda Galiza que cobren as axudas asociadas voluntarias de ovino e cabrún. Polo tanto, na convocatoria que faga Galiza, debe rebaixarse o límite inferior de máis de 50 (ovino) e 30 (cabrún) femias reprodutoras para adaptarse á realidade da nosa terra. Tamén se debería pagar pagar máis polos primeiros animais ou pagar por activo. En Navarra xa se estableceu unha axuda de minimis para este sector.

  3. Explotacións de carne bovina. No sector calculan que caeu o prezo un 30%, baixada que se fixo máis acusada no vacún maior. Estamos a falar de granxas que xa viñan tendo unha escasa rendibilidade, polo que calquera variación mínima no prezo fai que perigue a súa existencia. Posiblemente, neste caso tarde máis en recuperarse o prezo e o mercado. Sería conveniente, polo tanto, estudar a posibilidade de crear unha axuda de mínimis tamén para este sector, baseada nas perdas sufridas nos becerros vendidos dende marzo até que remate o estado de alarma.

  4. Pequenas industrias transformadoras (adegas, queixerías, etc.) que non entran na distribución dos supermercados. As canles de venda pecháronse por completo. O primeiro mes foi, en moitos casos, de facturación cero. Algunhas están tentando outras formas de comercialización agora, pero pensamos que hai que evitar o seu peche. Cómpre establecer unha axuda directa se non queremos que a pequena transformación desapareza.

  5. Pequenas explotacións agrícolas non alimentarias, como as de flor cortada, planta, etc. que viron anuladas as súas vendas e, polo tanto, tamén precisarán axudas específicas.

  6. Pataca e sector vitivinícola: O SLG xa reclamou axudas específicas para estas producións, ao borde do colapso pola paralización de grandes continxentes de viños nas adegas e de pataca nos almacéns polo peche do canal Horeca. Consultar: PATACA e VIÑO

Ademais, tal e como solicitamos con anterioridade dende o Sindicato Labrego Galego, as axudas deben vir apoiadas por outras medidas de reforzo como campañas publicitarias para promover o consumo de produtos galegos, intensificar a compra pública de alimentos para fornecer institucións como hospitais ou residencias, ampliar Mercarproximidade ao pequeno comercio ou presionar a todos os concellos de Galiza para que abran os seus mercados alimentarios de proximidade, unha actividade comercial fundamental para miles de familias que pode volver activarse dende o 4 de maio.