A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. O SLG interpela ao Concello de Vilalba sobre o Feirón e polas normas contraditorias nas feiras semanais

O SLG interpela ao Concello de Vilalba sobre o Feirón e polas normas contraditorias nas feiras semanais

16 de Maio do 2020

Concello de Vilalba

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar unha instancia dirixida ao Concello de Vilalba (podes descargar o documento orixinal na icona que atoparás no remate desta páxina) para que aclare se a reapertura das feiras semanais inclúe tamén o Feirón mensual, que debería celebrarse o vindeiro martes 19 de maio. Ademais, en vista de como se reabriron as feiras semanais, mesturando diferentes normativas e creando unha grande confusión entre as persoas que participan nelas, tamén lle pediu que aclare os criterios de participación por parte dos produtores e produtoras que poden vender.

En Vilalba reabríronse os mercados semanais o 15 de maio, informando á veciñanza cun bando municipal datado o 12 de maio. Tanto este bando, como as mensaxes difundidas polo concello sobre este tema, foron contraditorias e están a xerar unha grande confusión. O caso é que no mercado de onte, houbo postos de labregos e labregas con rexistro no Sevedi (Sección de Venda Directa) e vendedoras de planta -que son os que autoriza a normativa da Consellaría de Medio Rural que regula estes mercados- mesturados con postos de vendedores de froita (non produtores) e de produtos transformados non rexistrados no Sevedi, polo que entendemos que o Concello de Vilalba mesturou a normativa da Xunta coa normativa do Estado de maneira incorrecta e xerando unha grande confusión e incerteza entre os produtores e produtoras.

Por iso, no escrito presentado, dende o SLG lle pedimos ao consistorio vilalbés que aclare se os mercados no concello vanse ater unicamente a aquelas actividades e produtos recollidos no regulamento do Sevedi ou se, pola contra, se autorizará a presenza doutro tipo de produtores e produtos non recollidos no Sevedi (como queixos, animais vivos, carne e derivados cárnicos, ou outros produtos perecedoiros que non sexan alimentos).

En canto ao Feirón, dende o SLG preguntamos se, en caso de celebrarse, vai ser necesaria ou non unha inscrición previa para poder participar e, en caso afirmativo, que modelo de solicitude se utilizará, así como os lugares, prazos e vías de presentación e documentación necesarios para acompañar a solicitude.

Outra das nosas preguntas incide en se será preciso acreditar a posesión do carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios para a compra de plantón, medida que, por outra banda, consideramos discriminatoria para todas aquelas persoas que practican outro tipo de agricultura de autoconsumo, mais respectuosa co medio e coa saúde.

APOIOS PARA REACTIVAR A ECONOMÍA LABREGA

Por outra banda, sabendo que o goberno municipal está a traballar nun paquete de medidas para reducir taxas e impostos a particulares e empresas, en fase de estudo, pedímoslle que abra este plan á participación dos diferentes axentes sociais e sectores para facer achegas. En concreto, polo que compete ao Sindicato Labrego Galego, pedímoslle que nos trasladen as propostas especificas que se contemplan neste paquete de medidas para os sectores agrogandeiro e forestal.

Para o SLG, este paquete de medidas de apoio municipal no pode deixar de lado un sector económico, o labrego, que representa máis do 11% das afiliacións á Seguridade Social no municipio e que xestiona máis do 90% da superficie municipal dedicada a usos agrogandeiros e forestais. En especial, pedimos apoio para produtoras que, pola emerxencia sanitaria, non puideron acceder aos seus puntos de venda habituais, vendo así reducidos os seus ingresos económicos e, nalgúns casos, perigar a continuidade dos seus proxectos por non atopar saída ás producións.

Finalmente, dende o SLG solicitamos do Concello de Vilalba unha campaña para promover e poñer en valor estes mercados de produtos labregos e as granxas que venden neles, con discriminación positiva cara ás mulleres, xa que son estas as que maioritariamente acceden a este tipo de mercados e son titulares de pequenas granxas labregas que manteñen o noso rural vivo e produtivo.

Ficheiro adxunto