A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. Impago das axudas correspondentes aos efectos do furacán Klaus no 2009 e redución das subvencións pra seguros agrarios no presente ano 2010

Impago das axudas correspondentes aos efectos do furacán Klaus no 2009 e redución das subvencións pra seguros agrarios no presente ano 2010

19 de Xaneiro do 2010

axudas

Os graves efectos causados polo temporal do pasado 14 de xaneiro están a deixar ao descuberto a falla de responsabilidade coa que o Goberno galego pretende facer fronte ás numerosas perdas que o tecido produtivo da Galiza sofre, sobor de todo no inverno, debido ás condicións climáticas propias da nosa terra.

Nestes días, nos que ficou xa clara a ineficiencia na coordenación das labouras de prevención esixidas por un temporal que chegou a acadar rachas de vento de até 160 kilómetros por hora, do contacto coas afiliadas e afiliados o SLG está a ter noticia de explotacións que, ademais das perdas ocasionadas por este temporal, teñen pendente o pago das subvencións concedidas polos efectos do fenómeno de cicloxénese explosiva, Klaus, acaecido no pasado ano por estas datas.

 

A este ritmo de pago escandaloso, dende o Sindicato Labrego Galego vémonos na situación de non só ter que esixir á CMR a inmediata apertura dunha liña de axudas directas para a compensación dos danos deste último temporal, senón que ademais reclamámoslle que ingrese xa ás explotacións a contías económicas que lles tiña que ter feito efectivas fai case un ano por mor do Klaus.

 

Este desleixamento por parte da Administración en materia de cobertura de danos vinculados a fenómenos meteorolóxicos no agro galego, entronca tamén cun problema que o Sindicato Labrego leva tempo denunciando e que vese potenciado logo de acontecementos meteorolóxicos coma os recentes: a contratación dos seguros agrarios.

 

Primeiramente, os seguros agrarios ofertados ás produtoras e produtores galegos non se axeitan ás necesidades dos cultivos e actividade gandeira do noroeste peninsular. Isto é así porque Agroseguro, o organismo público estatal que xestiona os seguros agrarios, baseou o deseño das condicións das súas pólizas nas características da horticultura mediterránea, onde se concentran as meirandes extensións de produción en invernadoiro de todo o Estado español.

 

Isto conleva que para as labregas e labregos da Galiza non sexa interesante a contratación destes seguros, xa que, por exemplo, cobren a perda dos cultivos e o plástico, máis non as estruturas, xusto a parte que debido ao vento adoita ficar máis danada nas explotacións galegas.

 

Ademais de non resultarnos útiles na súa oferta, estes seguros esixen unhas condición de mantemento dos invernadoiros que non nos son rentábeis, posto que pouco teñen que ver co contexto galego. Por exemplo, esixen mudar os plásticos cada pouco tempo, cousa que na Galiza non é necesario ao non ter un nivel de irradiación solar tan alta como a do mediterráneo ou o sur do estado.

 

Dende o SLG temos claro que os seguros agrarios non son unha prioridade para a Consellaría á hora establecelos coma medida para mitigar as perdas económicas no agro.

 

Na última Mesa Territorial de Seguros Agrarios* celebrada o pasado mes de decembro na Consellaría do Medio Rural, esta anunciou a redución de case dous millóns de euros na subvención á contratación de seguros no presente ano 2010, é dicir, aproximadamente un 17% menos da contía estipulada no pasado ano.

 

Ademais, e argumentando o seu interese por apoiar exclusivamente ás explotacións industriais, esta redución, no canto de progresiva, está plantexada coma lineal, o cal significa que tanto explotacións pequenas coma grandes verán reducidas as súas subvencións en igual contía -aproximadamente 12€-, supoñéndolle polo tanto unha porcentaxe maior de redución a aquelas granxas menos dimensionadas, e favorecendo ás máis grandes.

 

 

 

* Formada polo Ministerio do Medio Rural, a Consellaría do Medio Rural, Agroseguro, o Consorcio de Seguros Agrarios, as cooperativas e os sindicatos agrarios.