A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG en Xenebra para traballar pola Declaración Internacional dos Dereitos dos Labregos e das Labregas

O SLG en Xenebra para traballar pola Declaración Internacional dos Dereitos dos Labregos e das Labregas

29 de Marzo do 2014

Grupo de traballo da ECVC

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, vén a participar, entre o 26 e 27 de marzo, nun seminario en Xenebra (Suíza) no que a Coordinadora Europea da Vía Campesina (da que o SLG é membro) planificou as accións a levar a cabo para que a ONU aprobe unha Declaración Internacional sobre os Dereitos dos Labregos e das Labregas.



Botando a vista atrás, este seminario trazou a estratexia para afrontar a última etapa dunha carreira de fondo iniciada no ano 2000, cando a Vía Campesina elaborou un primeiro proxecto de Declaración que lle presentou ao Comité Asesor do Consello de Dereitos Humanos da ONU. A partir de aí, o Consello ordenou a realización de varios estudos ao respecto até que, no ano 2012, presentou un texto final que incluía nos seus eixes un proxecto de Declaración Internacional moi semellante ao realizado pola Vía Campesina. O documento avogaba na súa conclusión pola necesidade deste instrumento xurídico. Deste xeito, en setembro de 2012, o Consello de Dereitos Humanos votou unha resolución que fixou a creación dun grupo intergobernamental de traballo encargado de redactar a Declaración da ONU sobre os Dereitos dos Labregos e das Labregas. Este grupo intergobernamental tivo a súa primeira xuntanza en xullo de 2013.

Tanto na votación de setembro de 2012 como na sesión de xullo de 2013, os países europeos amosaron fortes reticencias ao respecto. Precisamente, este foi o motivo fundamental do seminario da Coordinadora Europea da Vía Campesina. Durante dous días, as organizacións que integramos a ECVC debatemos para deseñar unha estratexia de accións e alianzas para que a Declaración Internacional dos Dereitos dos Labregos e das Labregas vaia para adiante, por riba dos atrancos interesados de moitos gobernos de países comunitarios, e coa vista posta na vindeira sesión do Consello de Dereitos Humanos da ONU, que se celebrará en xuño de 2014 e na que se votará se o proceso ten continuidade cun segundo Grupo Intergobernamental de Traballo previsto para novembro deste mesmo ano, en caso de votación positiva.

Grupo traballo ECVC Representantes das organizacións da Coordinadora Europea da Vía Campesina que se reuniron en Xenebra o 26 e o 27 de marzo. Isabel Vilalba Seivane está no centro da imaxe.