A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG reafírmase na defensa das nosas sementes no 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega

O SLG reafírmase na defensa das nosas sementes no 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega

16 de Abril do 2014

17 de abril de 2014

O Sindicato Labrego Galego, como integrante da Coordinadora Europea da Vía Campesina, súmase ás mensaxes reivindicativas deste 17 de abril -Día Internacional da Loita Labrega- centradas na defensa do dereito a poder cultivar, reproducir e intercambiar as nosas propias sementes.

Esta cuestión está de actualidade pola tentativa da Comisión Europea de roubarnos este dereito a través da súa mercantilización e privatización. Polo de agora, a cidadanía e os labregos e labregas acadaron que o Parlamento Europeo rexeitase a nova normativa para sementes da Comisión o pasado 11 de marzo. Mais a guerra segue aberta, pois non só a Comisión Europea vai seguir coa súa tentativa de privatizar as nosas sementes, a través da revisión da normativa inicial, senón que o tratado comercial entre Estados Unidos e a UE que se está a negociar ás agachadas da cidadanía (ATCI-Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos) podería acelerar o proceso.

Dende o Sindicato Labrego Galego reivindicamos o recoñecemento do dereito dos labregos e labregas a producir e intercambiar as súas propias sementes. Pola contra, a nova lexislación que pretende aprobar a Comisión Europea restrinxe moito a comercialización e intercambio das variedades non rexistradas de sementes (denominadas “heteroxéneas” na nova norma) como as que se veñen utilizando tradicionalmente dende tempo inmemorial nas nosas bisbarras. A pretensión da industria é poñer tódolos atrancos posibles ás sementes non rexistradas e impoñer as variedades patentadas para facer negocio; o problema é que, de facerse isto, as variedades patentadas acabarían impoñéndose ao cabo do tempo, o cal provocaría unha perda irreversible no noso patrimonio agrícola e alimentario.

Outro dos perigos do novo regulamento é a privatización do control público do mercado das sementes, que se pretende substituír por estruturas privadas pertencentes ás empresas do sector; ou o establecemento de normas de produción e comercialización inaccesibles para os labregos e labregas ou para o cultivo ecolóxico de sementes.

Tamén perigarían experiencias como a da Rede Galega de Sementes, un movemento xurdido hai varios anos na Galiza que traballa na busca e recuperación das variedades tradicionais e que promove o intercambio desinteresado das mesmas entre as persoas que queiran utilizalas, así como actividades formativas nas que se ensina a reproducilas e conservalas.

Neste 17 de abril, dende o Sindicato Labrego Galego nos comprometemos a seguir firmes na defensa das nosas sementes fomentando o seu cultivo, intercambio e conservación, como dereito inalienable dos labregos e labregas, parte irrenunciable da nosa cultura e piar esencial da nosa loita pola soberanía alimentaria de Galiza.

Cartaz 17 de abril