A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG pide aos partidos políticos un posicionamento claro sobre o Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU

O SLG pide aos partidos políticos un posicionamento claro sobre o Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU

21 de Maio do 2014

Negociacións TTIP

Co gallo das Eleccións ao Parlamento Europeo, o Sindicato Labrego Galego diríxese ás forzas políticas que concorren aos comicios para que adopten unha posición clara respecto ao posible acordo de libre comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos (Transatlantic Trade and Investment Partnership ou TTIP).

Resulta rechamante que un tratado desta envergadura se estea a negociar no máis absoluto segredo sen informar de nada aos sectores económicos que sufrirían un maior impacto de ir cara a adiante. Entre tódolos sectores que serían agredidos pola liberalización das relacións comerciais entrambos bloques, a agricultura sería o máis damnificado, xa que as taxas arancelarias que protexen aos produtos agrícolas europeos son as máis altas na UE, cunha media do 14'6%. Isto é así porque os sectores agrarios, amais do importante peso económico que teñen, son vitais para a UE polo seu rol como fornecedores de alimentos, de estruturación do territorio e de distribución xeográfica do traballo e da riqueza. Mais todo iso e moito máis semella que pretende sacrificarse nas aras do libre comercio. Vexamos como:

  • Competencia desigual: Nos Estados Unidos, as granxas predominantes son de tipo industrial e o seu tamaño medio é 13 veces superior á media europea. De feito, hai 2 millóns de granxas nos EEUU fronte aos 13 millóns cos que conta a UE. Ademais de ser máis pequenas, as explotacións europeas teñen unha normativa medioambiental e sanitaria moito máis estrita. En resume, as granxas norteamericanas, moito máis grandes e concentradas, comercializando a través de grandes corporacións, sen ter que cumprir as mesmas normativas sanitarias e ambientais, e sen os aranceis que agora protexen as nosas producións, varrerían, literalmente, centos de miles de explotacións e sectores produtivos enteiros na Unión Europea.

  • Transxénicos: Agora mesmo, na Unión Europea é obrigatorio informar na etiquetaxe dos alimentos e pensos se conteñen transxénicos ou non, e cada OXM ten que pasar un test de seguridade e ser aprobado pola Autoridade de Seguridade Alimentaria. De ir para adiante o tratado, a UE estaría obrigada a eliminar as poucas barreiras de seguridade que temos para equipararse ás normas dos EEUU, onde os OXMs non deben ser supervisados, non teñen que realizar ningún test de seguridade e nin sequera é obrigatorio informar na etiquetaxe dos alimentos da súa presenza.

  • Carne tratada con hormonas e cloro: Nos Estados Unidos, as vacas producen até un 10% máis de leite que as súas curmás europeas grazas á Somatotropina Bovina Recombinante, unha hormona transxénica de Monsanto relacionada co cancro de mama, de próstata e de colon nas persoas. En canto á produción de carne, hai autorizadas 6 hormonas esteroides coas que os becerros engordan até un 15% máis. Cos porcos acontece outro tanto pero cunha droga chamada Ractopamina que fai aumentar a súa masa muscular e que está prohibida en 150 países, incluída a UE. En canto aos polos, desinféctanse con cloro antes de comercializarse. Estas carnes con hormonas ou cloro están, agora mesmo, prohibidas na Unión Europea. De ir cara a adiante o acordo, Europa debería eliminar tamén as prohibicións a este modelo produtivo tan insán e perigoso para a seguridade alimentaria.

  • Seguridade alimentaria: Na Unión Europea, existe un principio de precaución que esixe probas científicas dos produtos antes de ser comercializados. Ademais, a Lei Reach permite á Axencia Europea de Químicos poñer restricións na produción, comercialización e uso destes produtos para protexer a saúde pública e o medio ambiente. Pola contra, nos EEUU as normas sobre químicos son máis laxas e seguen comercializando uns 30.000 produtos asociados a doenzas e enfermidades como cancro de mama e testicular, infertilidade masculina, diabete e obesidade.

  • Minaría salvaxe: Unha das grandes preocupacións dos colectivos que loitamos contra a minaría salvaxe é a creba hidráulica, máis coñecida como fracking, unha técnica consistente na inxección de produtos químicos a presión no subsolo para fender a rocha el liberar o gas ou o petróleo que almacenan e extraelos. O fracking está expresamente prohibido en Francia, Holanda, Bulgaria, Irlanda do Norte, Cataluña, A Rioxa, Navarra e Cantabria polos enormes riscos ambientais que entraña, especialmente para as augas subterráneas, que adoitan a ser contaminadas e vólvense inservibles para consumo humano e animal ou para regar cultivos, e porque pode provocar terremotos. Ademais, a explotación por fracking esixe o acaparamento de grandes extensións de terra para as empresas, que implicaría a expulsión de labregos e labregas en vastas áreas. A pesares diso, o Estado Español legalizou esta técnica de extracción e simplificou os trámites para conceder licenzas. O fracking é unha práctica habitual que vén de vello nos Estados Unidos, onde as empresas do sector ven Europa como un xacemento virxe sen explotar.

Se o ATCI prospera, á Unión Europea non lle vai quedar máis remedio que ceder en todo o devandito e moito máis, como a liberalización e privatización de servizos públicos, a perda de dereitos laborais, o alongamento das patentes privadas sobre medicamentos, etc. A cidadanía galega non pode obviar que este tratado destruiría o escaso tecido económico que aínda sobrevive no noso medio rural, desertizando e desestruturando aínda máis o noso campo, deixando sen medio de vida a miles de familias, e eliminando a nosa capacidade de producir alimentos e principios básicos de seguridade alimentaria. O secretismo co que se están a levar a cabo as negociacións deste tratado non pode ser escusa para que os partidos políticos non teñan esta cuestión como unha das prioritarias na súa axenda. Estando como estamos nunha campaña electoral ao Parlamento Europeo, dende o SLG pedimos que tódalas forzas políticas concorrentes se pronuncien sobre o TTIP; rexeiten calquera concesión que poña en risco a nosa agricultura, o noso medio rural ou a nosa seguridade alimentaria; e esixan mecanismos de transparencia e participación cidadá nas negociacións de calquera acordo comercial entre a Unión Europea e terceiros países.

TTIP