A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG defenderá en Bruxelas solucións ao veto ruso de alimentos baseadas na soberanía alimentaria

O SLG defenderá en Bruxelas solucións ao veto ruso de alimentos baseadas na soberanía alimentaria

27 de Agosto do 2014

Conflito Rusia UE

Trala xuntanza mantida o 25 de agosto entre o Ministerio de Agricultura e as organizacións agrarias en Madrid para tratar a crise provocada polo veto de Rusia a varios produtos alimentarios da Unión Europea, dende o Sindicato Labrego Galego non podemos máis que expresar a nosa decepción pola falla de medidas que garantan a estabilidade dos principais sectores agrogandeiros galegos afectados e a previsión de novas crises semellantes que se poidan producir no futuro.

En efecto, agora mesmo só se prevé unha axuda de 125 millóns de euros para compensar as perdas da produción de determinadas froitas e hortalizas, unha cifra a todas luces insuficiente. De todos xeitos, resulta indignante que non se fagan previsións para afrontar a máis que probable crise á que se van ver abocados dous dos principais sectores gandeiros galegos por mor deste veto: o lácteo e o porcino, así como outros como o da carne de tenreira ou o avícola.

No caso do sector lácteo, Galiza ten o 56% das explotacións leiteiras do Estado, ao tempo que España é netamente importadora de lácteos, sendo os seus principais provedores Francia, Portugal e Alemaña. Precisamente, a crise podería producirse se Francia e Alemaña, que tamén son os principais vendedores de lácteos a Rusia, introducen os excedentes xerados pola crise no propio mercado comunitario afundindo os prezos (en total, a UE exportou 2.200.000 toneladas de produtos lácteos a Rusia en 2013). Debemos ter en conta que o sector lácteo galego leva todo o ano 2014 acumulando baixadas no prezo do leite, que se agudizaron en abril, co comezo da nova campaña, e continuaron no verán, unha época na que os prezos non adoitan a baixar, motivo que nos leva a pensar que é agora o conflito diplomático con Rusia o que está a forzar as novas caídas de valor. Actualmente, o prezo medio para o litro de leite está en 36 céntimos, de novo por baixo dos custes de produción, polo que as explotacións galegas xa non teñen marxe para encaixar novas baixadas. Isto debería obrigar ás autoridades comunitarias a tomar medidas de mercado urxentes que estabilicen os prezos, e mesmo botar man dos 427 millóns de euros da reserva de crise da Política Agraria Común para compensar as perdas que xa están a sufrir as explotacións, pois non se pode tolerar que sexan elas as que custeen o conflito de Rusia coas súas rendas.

En canto ao sector porcino, Rusia é o segundo mellor cliente da Unión Europea despois de China, cunhas compras de 370.000 toneladas por uns 1.000 millóns de euros en 2013. Do mesmo xeito que co leite, o sector porcino ten un grande peso na Galiza, onde traballan un terzo das explotacións do Estado (28.140 que representan o 32%) e ocupando o primeiro posto en número de granxas e o quinto en produción. Este sector estaba a vivir unha tímida recuperación en canto a prezos e custes nos últimos meses tras varios anos de crise, polo que o veto ruso pode supor tamén un lastre se as autoridades comunitarias e estatais non evitan que os excedentes xerados pola crise inunden o mercado comunitario.

Dende o Sindicato Labrego Galego defendemos que se apliquen medidas de urxencia, principalmente a través da retirada pública dos excedentes de leite e carne que se produzan por mor do veto ruso, do mesmo xeito que se está a facer coas froitas e as hortalizas. “Débese valorar a posibilidade”, explica Isabel Vilalba, “de impulsar a transformación de produtos perecedoiros que permita a súa conservación, de traballar para garantir a accesibilidade dos grupos empobrecidos e excluídos da sociedade a unha alimentación suficiente e equilibrada e, en todo caso, estudar a posibilidade de diferentes saídas dos produtos vetados en distintos mercados, respectando sempre a soberanía alimentaria dos diferentes pobos”. Respecto disto último, dende o SLG estamos totalmente en contra de que a Unión Europea elimine os excedentes xerados polo veto ruso a través de restitucións (axudas á exportación), pois colocar os nosos produtos agroalimentarios en terceiros países afundiría os prezos e arruinaría as súas explotacións, precisamente o que nós queremos evitar que aconteza na Unión Europea.

O primeiro foro no que defenderá esta posición o Sindicato Labrego Galego será o Consello Consultivo do Leite da Unión Europea, que se celebrará en Bruxelas o vindeiro mércores, 3 de setembro, para tratar esta crise e no que participará a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane. Neste foro, a secretaria xeral do SLG incidirá en que “os máis de 2 millóns de toneladas de excedentes non poden utilizarse para inundar o mercado comunitario e producir un afundimento dos prezos e un desaxuste total entre a oferta e a demanda. A estratexia xeopolítica e as decisións gobernamentais non poden ter como consecuencia a ruína dos sectores agrogandeiros e das explotacións labregas, que nada teñen que ver coa crise na Ucraína nin co intervencionismo da Unión Europea no conflito”.

Soberanía alimentaria: unha solución a largo prazo que evitaría crises como a actual.

A longo prazo, e dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina, seguiremos defendendo unha política agraria europea baseada na soberanía alimentaria, que oriente as producións agrogandeiras a fornecer os mercados interiores e non cara á exportación, e que estea baseada nunha distribución produtiva en pequenas e medianas granxas familiares que estruturen o territorio, garantan un medio rural vivo e xeren postos de traballo e riqueza. A crise con Rusia volve demostrar que un modelo agroalimentario baseado na soberanía alimentaria garante un medio rural moito máis forte fronte a eventualidades coma o veto ruso; fronte ao actual modelo orientado ao lucro dunhas grandes e poucas industrias multinacionais con capacidade para exportar, modelo que nos fai extremadamente vulnerables como se está a comprobar na actualidade por mor de conflitos diplomáticos ou variacións no prezo do petróleo, que é peza chave nas exportacións (respecto disto último, cómpre non esquecer que Galiza xoga con grande desavantaxe no negocio exportador, pois estamos no extremo occidental de Europa, o que encarece calquera intercambio co exterior respecto doutros países, e temos un dos prezos máis caros no gasóleo antes de impostos no Estado e na Unión Europea).

Neste senso, non está de máis lembrar os absurdos da política exportadora da Unión Europea. Un estudio realizado por Veterinarios sen Fronteiras baixo o título “Alimentos quilométricos” revela que o Estado Español importa cada día 330 toneladas de carne de polo ao tempo que exporta 205.000; que se lle mercan a Francia 1'3 millóns de quilos diarios de patacas mentres lle vendemos 275.000 a Portugal e 72.000 ao Reino Unido. Algo semellante acontece con dous dos principais produtos afectados polo veto ruso: o leite e a carne de porcino. Mentres que Galiza e o Estado Español teñen déficit na produción de leite (non cubrimos a nosa propia demanda interna), co porcino vivimos unha realidade na que as grandes beneficiarias seguen a ser as petroleiras, pois o Estado Español importa cada día unha media 3.500 porcos vivos e, de xeito paralelo, exporta 3.000.

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba conclúe que “orientar a política agraria europea cara á exportación e os mercados internacionais é un grave erro. Afondar en suprimir os poucos instrumentos de control de produción e de mercado que existen agora mesmo na UE, como as cotas lácteas, sen alternativas nin outras medidas que protexan a produción en orixe de alimentos de primeira necesidade coma o leite, é unha grave responsabilidade. Por iso, amais de tomar as medidas correctoras que precisamos hoxe a curto prazo, tamén pedimos medidas que garantan un funcionamento ordenado da produción e comercio de alimentos, que manteñan viva a produción leiteira e o emprego gandeiro en amplas zonas rurais da UE e que non nos fagan tan vulnerables como o somos na actualidade. Por todo o devandito, cremos que a UE ten que revisar as súas políticas agrarias e comerciais e comezar a valorar opcións como a soberanía alimentaria, a preferencia comunitaria, a permanencia de pequenas e medianas explotacións familiares que xeran e garanten emprego rural en todo o territorio, e o fomento dunha cultura da paz entre países e non do enfrontamento”.

Conflito Rusia UE