A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. As medidas da Comisión para enfrontar o veto ruso a produtos lácteos podería provocar unha burbulla no sector

As medidas da Comisión para enfrontar o veto ruso a produtos lácteos podería provocar unha burbulla no sector

8 de Septembro do 2014

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, criticou as medidas adoptadas pola Comisión Europea para afrontar a crise provocada polo veto ruso no sector lácteo comunitario. Isabel Vilalba participou no Consello Consultivo do Leite, celebrado o 3 de setembro en Bruxelas, en representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina, onde amosou a súa discrepancia co plan de intervención presentado polas autoridades comunitarias e que fundamenta, basicamente, en dúas accións:

  1. Retirada de manteiga polo mecanismo de intervención: A CE prolongará dous meses, de setembro a decembro, a retirada de manteiga do mercado. Isabel Vilalba criticou no Consello Consultivo os prezos miserentos aos que se está retirando a manteiga -20 céntimos por quilo- que nin sequera cobren os custes de produción.

  2. Almacenamento privado temporal de leite en po e queixos entre 90 e 210 días: Respecto desta medida, Isabel Vilalba dixo que supuña “pospoñer o problema. Se almacenamos temporalmente o leite sen facer nada para reverter o incremento de produción que se está a dar na UE, o único que estamos a facer é adiar e agravar un problema. As medidas da Comisión Europea van crear unha burbulla no sector lácteo que, tarde ou cedo, estoupará”.

Para argumentar as súas críticas ás medidas da Comisión Europea, Isabel Vilalba baseouse nos datos facilitados no Consello Consultivo sobre o contexto desfavorable que viña arrastrando o sector lácteo en 2014, cun aumento global da produción e baixada continuada de prezos. Neste senso, cómpre lembrar que, en xuño de 2014, a produción leiteira aumentou un 5'1% na Unión Europea, un 11% en Nova Zelandia e o 1'7% en Estados Unidos. Este incremento produtivo non respondeu a un aumento da demanda. Dende o sector comercial advertiron que pode comezar a haber problemas para que o mercado absorba a produción a partir de incrementos do 2% e do 2'5% da produción.

Este problema de sobreprodución complícase agora co veto ruso. Aínda que as exportacións de lácteos a Rusia supoñen só o 1,5% da produción total de leite comunitaria, a porcentaxe é preocupante se falamos de queixo ou manteiga, pois o 33% e o 28% das exportacións europeas destes produtos, respectivamente, tiñan como clienta a Rusia. A grande ameaza estriba en que os principais exportadores de produtos lácteos da UE a Rusia metan os seus excedentes a baixo prezo no mercado comunitario en canto caduquen as cativas medidas de intervención aprobadas. Estamos a falar de Alemaña, que exporta a Rusia o 14'2% dos seus produtos lácteos; Italia, 8,6%; Reino Unido, 7,5%; ou Francia, 6'4%. Estes países poderían inundar os nosos mercados de lácteos e afundir os prezos. Non esquezamos que as principais distribuidoras comerciais do Estado Español son de capital francés (Carrefour e Alcampo), alemán (Lidl) ou clientes directos de Francia por achegamento xeográfico (Mercadona e Eroski), polo que non sería de estrañar que se fornezan de leite, manteiga e queixo para vender baixo as súas marcas brancas e utilizar como produto reclamo a prezos inferiores aos custes de produción, práctica ilegal á que xa nos teñen afeitos.

En canto ao sector lácteo galego, con baixadas constantes no prezo dende comezos de ano, non pode encaixar un afundimento no valor do leite. Cos datos do mes de xullo publicados pola Consellaría de Medio Rural, o prezo medio que cobran máis do 80% das explotacións galegas (unhas 10.000 que producen 300.000 quilos ou menos), está ao redor dos 32 céntimos e non abonda para cubrir os custes de produción. Esta situación, cunhas políticas comunitarias erróneas para afrontar a crise, por unha banda; e co seguimento obediente e pasivo da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura ás decisións de Bruxelas, está levando ao sector lácteo ao borde do abismo.

Isabel Vilalba, como representante da Coordinadora Europea da Vía Campesina, defendeu no Consello Consultivo do Leite políticas de intervención e regulación dirixidas a equilibrar a oferta coa demanda de produtos lácteos na UE. A uns meses de que a Comisión Europea suprima o sistema de cotas que, até o de agora, controlaba a produción, xa se están a dar síntomas evidentes de que a falla de controis están a propiciar un aumento produtivo que ameaza con desequilibrar o mercado e afundir os prezos, situación agravada polo veto de Rusia. A maiores, dende o Sindicato Labrego Galego demandamos da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura que defendan diante de Bruxelas unhas políticas de intervención e de control máis ambiciosas. Nun prazo máis inmediato, reclamamos que se artellen mecanismos para compensar a baixada de prezos que están a sufrir as explotacións, do mesmo xeito que a Comisión Europea fixo con outros produtos afectados polo veto ruso, pero que aínda non fixo cos lácteos. Para iso hai fondos, como os máis de 400 millóns de euros da reserva de crise. Tanto a Coordinadora Europea da Vía Campesina coma o SLG, seguimos a rexeitar que sexan os produtores e as produtoras quen apanden coas consecuencias de estratexias e decisións xeopolíticas nas que non tiveron nada que ver.