A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Isabel Vilalba denuncia que a Comisión Europea e os gobernos comunitarios seguen sen crear mecanismos para garantir prezos dignos no leite

Isabel Vilalba denuncia que a Comisión Europea e os gobernos comunitarios seguen sen crear mecanismos para garantir prezos dignos no leite

20 de Novembro do 2014

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou, o 19 de novembro, no Grupo de Diálogo Civil para o Sector Lácteo (Civil Dialogue Group on Milk), que se celebrou en Bruxelas convocado pola Comisión Europea. Isabel Vilalba formou parte deste grupo consultivo como unha das representantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina.

Dunha sesión máis breve do habitual, a secretaria xeral do SLG destacou que se nomearon novos presidente e vicepresidente para que as cousas sigan coma antes. Respecto disto, Isabel Vilalba aclarou que “a presidencia e a vicepresidencia seguen ocupadas por representantes da industria e do comercio, e o sector industrial é, precisamente, o que está maiormente representado neste órgano consultivo para velar polos seus propios intereses, normalmente contrarios aos dos labregos e das labregas e da cidadanía. E o mesmo acontece coa nova Comisión Europea, cos gobernos e cos dous grandes partidos políticos que pactaron a súa composición. Todos traballan en complicidade para manter o status actual no que industrias e distribuidoras exercen unha posición de abuso e dominio na cadea comercial”.

Así, no Grupo de Diálogo Civil achegáronse datos do sector que confirman o que todos e todas sabemos: que na Unión Europea tódolos países -agás Grecia- están producindo por riba da súa cota láctea asignada (un incremento global do 5'6%), que a supertaxa se vai aplicar con total seguridade de acordo coa lei vixente, que o veto ruso afecta ao 1,5% da produción leiteira europea ou que mercados coma China seguen a esborrallarse, polo que non hai perspectivas de que o exceso de produción vaia ser absorbido porque non hai demanda para facelo. Agora mesmo xa se están a dar serios desaxustes entre a oferta e a demanda, cun derrube paulatino dos prezos que se vén producindo dende comezos de ano e que está a deixar ao meirande das explotacións con prezos por baixo dos custes de produción. A pesares da gravidade da situación, que se agudizará a partir de abril de 2015 coa fin do sistema de cotas, a Comisión Europea segue sen tomar ningunha medida efectiva e sen impulsar ningunha acción lexislativa para solucionar este grave problema que ameaza un sector estratéxico para o medio rural de toda a Unión Europea e sen que os diversos gobernos estatais ou rexionais fagan nada tampouco por evitalo. “Este problema semella non preocupar á nova Comisión Europea nin aos gobernos e partidos políticos que pactaron a súa composición”, asegurou Isabel Vilalba, “o único obxectivo desta xente é manter as actuais condicións de cara a garantir que a industria siga tendo materia prima barata para facer negocio, sen importar que iso poida supor a destrución de miles de postos de traballo ou o desmantelamento do tecido socio-económico en amplas zonas rurais comunitarias como Galiza”.

En nome da Coordinadora Europea da Vía Campesina, Isabel Vilalba expresou as súas críticas e o seu rexeitamento á actitude suicida da Comisión Europea para co sector lácteo, e abstívose de votar os novos nomeamentos.