A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG alerta da posible perda de axudas da PAC debido a un sistema electrónico de tramitación desastroso

O SLG alerta da posible perda de axudas da PAC debido a un sistema electrónico de tramitación desastroso

8 de Maio do 2015

SGAPAC

O Sindicato Labrego Galego denuncia o colapso total na tramitación das axudas da Política Agraria Común (PAC) en Galiza debido ás graves deficiencias do sistema informático que o Ministerio de Agricultura ten para esta finalidade: o SGAPAC.

Trátase dun sistema obsoleto e moi deficiente no que a persoa que tenta tramitar unha axuda pode pasar unha xornada enteira sen dalo feito, debido á súa extrema lentitude e a que o programa queda colgado en canto comezas a subir fotografías das fincas obxecto da solicitude ou arquivos dixitais cun mínimo de peso. Estas deficiencias no SGAPAC están a consumir unha cantidade inxente de tempo e xornadas laborais enteiras ás organizacións agrarias e outras entidades que se dedican a prestar servizos de apoio neste tipo de trámites, traballo que están obrigadas a facer para cubrir unha función que debería xestionar a Consellaría de Medio Rural a través das oficinas agrarias comarcais.
    Nestas circunstancias, dende o Sindicato Labrego advertimos que, a pesares de terse ampliado o prazo de solicitude das axudas da PAC até o 15 de xuño, moitos e moitas profesionais da agricultura e da gandería poderían perder as subvencións ás que teñen dereito por mor destas deficiencias, xa que vai resultar imposible tramitalas todas a tempo a este ritmo e con estes atrancos, e mesmo a pesares de terse contratado persoal extra por parte de moitas entidades para axilizar o proceso. Por iso, dende o SLG pedimos que, de maneira urxente, o Ministerio de Agricultura amañe a aplicación informática do SGAPAC ou lle busque alternativas para capear o mellor posible o actual período de solicitude, e encargue a persoal competente o desenvolvemento dunha nova aplicación informática para que este problema non se volva repetir en anos sucesivos. Os labregos e labregas estamos fartos e fartas da asfixiante burocracia a que se nos somete dende tódalas administracións para que, por riba, nos fagan perder tanto tempo por unha xestión que, no caso da tramitación electrónica das axudas da PAC, só podemos cualificar de caótica e desastrosa.

sgapac