A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. 280 organizacións de Europa, Canadá e EEUU denuncian a inclusión de privilexios aos inversores estranxeiros no TTIP

280 organizacións de Europa, Canadá e EEUU denuncian a inclusión de privilexios aos inversores estranxeiros no TTIP

23 de Febreiro do 2016

TTIP

Diante da duodécima rolda de negociacións do TTIP, 280 organizacións da sociedade civil europea, co apoio de grupos canadenses e dos EEUU, reclamamos á Comisión Europea e ao representante de Comercio estadounidense, a eliminación do Mecanismo de Resolución de Disputas entre Inversores Estranxeiros e Estados (ISDS polas súas siglas en inglés); e tamén a eliminación da súa alternativa, o chamado Sistema Xudicial de Investimentos (ICS) do TTIP, do CETA e de calquera outro tratado de comercio. Esta cuestión volve á mesa de negociacións logo tras dous anos.

Como xa temos explicado, o ISDS é un mecanismo de resolución de conflitos entre as corporacións privadas e os estados que está por riba de calquera tribunal. Trátase dunha sorte de tribunais privados que resolverán conflitos comerciais cando as leis dos países atenten contra os intereses económicos das empresas. Por exemplo, a tabaqueira ianqui Philip Morris interpuxo unha demanda contra Uruguai por 25 millóns de dólares para compensar as perdas provocadas polas leis antitabaco deste país.

As organizacións asinantes desta declaración condenamos a redefinición que fixo a Comisión Europea do vello ISDS, xa que o ICS tamén confire un enorme poder para sancionar aos gobernos nacionais cando lexislen coa intención de protexer a saúde pública, o medio ambiente ou a propia sociedade.
As principais preocupacións que motivaron a 145.000 persoas enquisadas a dicir non ao ISDS na consulta aberta pola Comisión Europea sobre o TTIP fican sen resolver co ICS:

  • Tanto o ISDS como o ICS dan dereitos exclusivos aos inversores estranxeiros, discriminando aos inversores nacionais e á cidadanía, e segue sen demostrarse que isto beneficie á sociedade no seu conxunto.

  • Tanto o ISDS como o ICS poden forzar aos gobernos a gastar miles de millóns de euros dos do erario público para compensar aos inversores estranxeiros por decisións gobernamentais e mesmo por sentenzas xudiciais tomadas en beneficio da saúde pública, dos traballadores e traballadoras, do medio ambiente e de calquera outra política de interese xeral. Nin o ISDS nin o ICS permiten que prevaleza o interese público sobre o privado.

  • Nin o ISDS nin o ICS están sometidos a principios democráticos nin a control público, nin tampouco os parlamentos poderán lexislar en contra das decisións que adopten a través destes mecanismos.

  • Tanto o ISDS como o ICS socavan a xurisdición dos tribunais dos estados europeos, xa que os inversores estranxeiros poderían sorteala.

  • Nin o ISDS nin o ICS teñen en conta que os sistemas legais europeos, canadense e dos EE.UU. son perfectamente capaces de resolver as disputas cos inversores estranxeiros aplicando as mesmas leis que se aplican ao resto da sociedade.

Fundamentalmente, o ICS é peor para os estados membros que a actual práctica imposta polos tratados de investimentos, dos cales un estado membro pode retirarse, non afectando ao resto da Unión Europea, para a cal seguiría sendo vixente o tratado. Co TTIP e co CETA isto non sería posible para un estado membro, a non ser que decida abandonar a Unión Europea.

Se a Comisión Europea porfía e asína o TTIP, o mecanismo de resolución de disputas entre inversores estranxeiros e estados (ISDS/ICS) permitirá que, entre 47.000 e 51.495 filiais estadounidenses en Europa ataquen as políticas sociais comunitarias e dos seus estados membros.

ISDS