A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Día da Loita Labrega 2016: Celebración, resistencia e dó

Día da Loita Labrega 2016: Celebración, resistencia e dó

18 de Abril do 2016

17 de abril de 2016

Pasaron xa vinte anos dende o tráxico día no estado do norte de Brasil, Pará, onde 19 labregos e labregas foron asasinados polas forzas de seguridade do goberno. Considerado por moitos como o apoxeo da persecución rexional e mundial contra as persoas que defenden as súas terras contra o interese das empresas, hoxe en día a persecución e a violencia perpetradas en contra nosa aínda non cesou.

Tanto non norte coma no sur globais, a ofensiva contra os dereitos e terras labregas foi impacable. Dende comezos de 2016, o asasinato de líderes labregos medrou e segue a medrar. Catorce en Honduras, seis nas últimas semanas en Colombia e dous Sem Terra no Brasil que foron asasinados a semana pasada. @s mártires labreg@s seguen a medrar ao mesmo ritmo que a represión e desaparición de terras agrícolas.

Aquí, en Europa, gobernos e estados asedian as granxas pequenas e familiares. Esta situación leva a favorecer as empresas privadas e a concentración de terras. O 3% das granxas controlan a metade do total de terra cultivable. Pero a resistencia é fértil en exemplos. En Francia, a pesares da violenta represión e persecución xudicial, a comunidade de Notre Dame des Landes segue a resistir. Durante os últimos 40 anos, opuxéronse á construción dun aeroporto en 1.200 hectáreas das súas terras de cultivo. Na Galiza, a resistencia cidadá contra a minaría salvaxe levounos a gañar varias batallas como a da veciñanza de Bergantiños contra a mina de Corcoesto ou a resistencia contra a tentativa da empresa norueguesa Erimsa de destruír 5.700 hectáreas de terras fértiles para extrae seixo na Terra Chá.

O panorama tamén ten sombras, como a condena a tres anos e medio de prisión ao compañeiro Andrés Bodalo por participar nunha manifestación contra a agroindustria. En Romanía, as grandes compañías privadas sostidas polo Estado seguen a acaparar terras e, en consecuencia, se lles arrebata aos labregos e labregas millóns de hectáreas de terras de cultivo. En Turquía, sen ter en conta o desacordo local, o goberno reprime a labregos e labregas para poder executar os seus plans e proxectos de desenvolvemento en terras agrícolas. Na Galiza, temos o triste exemplo de como unha empresa condicionou nas últimas décadas a dedicación de boa parte do noso territorio ao monocultivo descontrolado de eucalipto, destruíndo miles de hectáreas de terras agrícolas fértiles e deixando as nosas granxas con serios problemas para ter suficiente base territorial para producir alimentos.

A cuestión da terra é fundamental para a soberanía alimentaria. Segundo as Nacións Unidas, unha das causas principais de fame e malnutrición é a falla de acceso á terra. O feito de que un número crecente de labregos e labregas estean a ser expulsados das súas terras, cando a pequena agricultura é responsábel de producir o 70% da alimentación mundial, non só representa un perigo para os sistemas alimentarios locais, senón tamén a nivel global. En Europa, coma no resto do mundo, a desposesión dos labregos e labregas está a ter efectos sociais, ambientais e económicos desastrosos. Á luz desta situación, agárdase unha reacción política. En Euroa, xa é hora de que a Comisión europea e o Consello da UE tomen conciencia fronte á crise que afecta a agricultura. No Día Internacional da Loita Labrega, a Coordinadora Europea da Vía Campesina quere reiterar a necesidade dunha directiva europea sobre a tenza da terra, baseándose nas directrices voluntarias aprobadas polo Comité de Seguridade Alimentaria Mundial ou, en termos máis simples, queremos a reforma agraria.

Este 17 de abril, reafirmando as nosas demandas de terra e dereitos, en honra a aqueles e aquelas que pagaron esta loita coas súas vidas e celebrando o noso movemento, a ECVC e os seus membros están a levar a cabo unha serie de accións, conferencias e mercados labregos por toda Europa, do mesmo xeito que se organizaron en diferentes partes do planeta. A loita dos labregos e labregas pola terra e os seus dereitos é mundial.

17 abril