A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. La Vía Campesina, protagonista nun decenio da agricultura familiar para garantir a soberanía alimentaria no mundo

La Vía Campesina, protagonista nun decenio da agricultura familiar para garantir a soberanía alimentaria no mundo

7 de Agosto do 2019

Decenio FAO

O 20 de decembro de 2017, a Asemblea Xeral da ONU declaraba 2019-2028 como o Decenio da Agricultura Familiar. Máis recentemente, o pasado 29 de maio, a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola (FIDA) expuxeron o Plan de Acción Mundial para levar esta empresa a cabo. Neste acto inaugural celebrado en Roma, ao que asistiron máis de 300 representantes de diversos países e entidades labregas, participou tamén La Vía Campesina.

As granxas familiares representan máis do 90% de todas as explotacións agrícolas do planeta e producen o 80% dos alimentos do mundo en termos de valor. Para a ONU, “son os principais impulsores do desenvolvemento sostible, incluíndo a erradicación da fame e todas as formas de malnutrición”.

Dáse o paradoxo de que, a pesares de producir a maior parte dos alimentos, as familias labregas deben facer fronte á pobreza, sobre todo nos países empobrecidos. Estas familias enfróntanse a desafíos, xa que carecen de acceso a recursos e servizos para apoiar a produción e comercialización de alimentos; porque as súas infraestruturas non son axeitadas; porque non se lles escoita nos procesos políticos; e porque as condicións ambientais e climáticas das que dependen atópanse ameazadas.

Polo xeral, as mulleres labregas enfróntanse aínda a maiores limitacións, vulnerabilidade que se estende á mocidade rural.

Precisamente, o Plan de Acción Mundial do Decenio da Agricultura Familiar da ONU pretende enfrontar este tipo de desafíos, implicando gobernos, organismos das Nacións Unidas, institucións financeiras internacionais, organizacións agrarias, institucións académicas e de investigación, organizacións da sociedade civil e tamén o sector privado, incluídas pequenas e medianas empresas. Estas medidas inclúen:

  • Desenvolver normativas que apoien a agricultura familiar a nivel local, nacional e internacional.

  • Apoiar á xente moza e ás mulleres das zonas rurais, permitíndolles acceder aos activos produtivos, recursos naturais, información, educación e mercados.

  • Fortalecer as organizacións agrarias.

  • Mellorar os medios de subsistencia dos labregos e das labregas e reforzar a súa resiliencia fronte a múltiples perigos co acceso a servizos sociais e económicos básicos, así como promover a diversificación das producións para reducir os riscos e aumentar os beneficios económicos.

  • Promover a sostibilidade da agricultura familiar para contar con sistemas alimentarios resilientes fronte ao cambio climático; e con acceso, xestión responsable e uso da terra, a auga e outros recursos naturais.

A agricultura familiar en cifras

A ONU ofrece estes datos para ilustrar a importancia fundamental da agricultura familiar no mundo:

  • Máis do 80% das granxas do mundo teñen menos de 2 hectáreas.

  • As granxas familiares ocupan entre o 70 e o 80% das terras agrícolas e producen máis do 80% dos alimentos do mundo en termos de valor.

  • As mulleres supoñen case o 50% da man de obra agrícola, pero só posúen o 15% das terras agrarias.

  • O 90% das persoas que viven da pesca fano a pequena escala e abranguen a metade da produción da pesca de captura nos países en desenvolvemento.

  • Até 500 millóns de persoas dependen do pastoreo de gando para gañar a vida.

  • A agricultura de montaña é en grande medida agricultura familiar.

  • A agricultura familiar inclúe as comunidades forestais. Ao redor do 40% da poboación rural que vive na pobreza extrema reside en zonas forestais e de sabana.

  • Os territorios indíxenas tradicionais abranguen un 22% da superficie terrestre e coinciden con áreas que atesouran o 80% da biodiversidade do planeta.

Por parte de La Vía Campesina falaron Edgardo García e Elizabeth Mpofu. García aventurou que o Decenio da Agricultura Familiar ía ter dúas vías posibles: “Podería repoboar o campo, recuperar a terra, a biodiversidade e a xustiza; ou podería, como até agora, continuar coa miseria e o despoxo que levan ao amoreamento urbano. Para nós, o Decenio debe garantir as nosas demandas históricas expresadas nas directrices voluntarias sobre o goberno responsábel da tenza da terra e, sobre todo, na Declaración dos Dereitos Labregos”.

Pola súa banda, a secretaria xeral de La Vía Campesina, Elizabeth Mpofu, invitou ás persoas e institucións asistentes “a facerse responsables e levar a cabo esforzos concretos para dotar de recursos o Decenio da Agricultura Familiar. E isto só será posible se o Decenio pon no centro as necesidades dos labregos e das labregas, das comunidades indíxenas e das familias campesiñas fronte ás prioridades institucionais. Isto só será posible con fondas transformacións estruturais, incluída a transición cara a agroecoloxía; unha verdadeira reforma agraria; ou a defensa, protección e conservación dos territorios -terra, océanos, sementes, bosques, etc.- baixo o control dos labregos e das labregas, dos pescadores e das pescadoras e outras comunidades rurais”.

Decenio Agricultura Familiar FAO

A secretaria xeral de La Vía Campesina, Elizabeth Mpofu, no centro da imaxe con vestido vermello na presentación que fixo a FAO en Xenebra do Decenio da Agricultura Familiar