A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. 17 abril: Labrar, sementar e apañar ideas transformadoras por dereitos! É o momento de esixir Soberanía Alimentaria!

17 abril: Labrar, sementar e apañar ideas transformadoras por dereitos! É o momento de esixir Soberanía Alimentaria!

17 de Abril do 2020

La Vía Campesina

[Comunicado de La Vía Campesina] Este 17 de abril de 2020, Día Internacional das Loitas Labregas, camiñamos cara á memoria de Eldorado dos Carajás e contra toda impunidade, esiximos reformas estruturais dos sistemas agroalimentarios a nivel mundial; a crise do Covid19 estanos amosando que o tempo é agora.

Os estados deben garantir comida sa, culturalmente axeitada e impedir a escaseza de alimentos para as súas poboacións, loitando contra a fame e contra toda práctica de especulación dos oligopolios transnacionais. É urxente investir en agricultura labrega e manter vivos os mercados labregos e feiras de proximidade, coas medidas sanitarias pertinentes, orientadas á Soberanía Alimentaria dos pobos e a respectar os Dereitos Labregos. Neste contexto, ademais é inminente promover políticas públicas a favor das maiorías, que dean prioridade á atención a sectores vulnerables como os traballadores e traballadoras agrícolas, mulleres, emigrantes e a clase traballadora das cidades.

La Vía Campesina, este #17Abril2020, afirma #QuedaNaCasaPeroNonEnSilencio e denuncia os múltiples asasinatos, desaloxos, bloqueos económicos, criminalización da loita despidos masivos, precarización da vida, neglixencia dos estados, e mesmo prácticas fascistas, patriarcais e militares contra os pobos en tempos de Covid19, e antes tamén. Esta crise amósanos, unha vez máis, a urxencia dun cambio profundo do sistema capitalista, que non funciona e que é insostible e incompatible coa natureza e a vida.

É o intre de propoñer mudanzas estruturais nos sistemas agroalimentarios e no só programas asistencialistas. Avecíñase fame en moitos países pola corentena, e a falta de investimentos na agricultura labrega pode traer graves consecuencias.

A nosa tarefa como La Vía Campesina é alimentar os pobos, e queremos seguir facéndoo. Entendemos que a produción de alimentos sans non pode parar, e que é a primeira liña de loita contra o Covid19. Pero para iso precisamos que, durante e despois da crise, se proporcionen condicións dignas e seguras para o campesiñado.

Como La Vía Campesina este 17 de abril comprometémonos a seguir traballando de forma colectiva en cada curruncho do planeta, e con toda a nosa vocación solidaria e internacionalista. Convocamos á sociedade para tres tarefas improrrogables que temos para saír da crise e que teñen que ver co día a día dos pobos rurais: Labrar respostas á emerxencia, sementar alianzas e solidariedade, e apañar en tempo de recesión económica polos nosos dereitos como campesiñado e clase traballadora. A resistencia continúa!

Labrar, respostas á emerxencia!

Precisamos trazar regos mediante fondas transformacións das sociedades, traballar na minga é fundamental; sociedade civil, pobo organizado e estados, a favor das grandes maiorías por xustiza e dignidade:

Políticas públicas: Cómre entender a integralidade das políticas públicas na vida das persoas, sobre todo defender a educación, a saúde e mellores condicións de vida para a clase traballadora do campo e da cidade. Temos a tarefa de recuperar os servizos públicos privatizados. Os gobernos que desmontaron os sistemas públicos agora están enfrontando os seus graves erros.

A Soberanía Alimentaria é clave para alimentar as poboacións de maneira sa e sostible. É urxente abrir os mercados labregos e feiras de proximidade para fornecer as cidades e evitar a fame. Os estados deben garantir a compra pública de alimentos da agricultura labrega durante a emerxencia, mentres os labregos e labregas producen alimentos coa agroecoloxía para elevar a inmunidade das poboacións sen velenos, nin agrotóxicos, algo que as grandes cadeas de supermercados non garanten.

É tarefa dos estados garantir e investir en saúde pública de calidade. Neste contexto de Covid19, é urxente facilitar probas gratuítas e tratamentos completos, sen discriminación, no rural e nas cidades, cun firme compromiso pola vida. Denunciamos intentos de aproveitar a crise para privatizar servizos ou para lucrarse.

En materia de políticas públicas a favor da clase traballadora, denunciamos prácticas abusivas de empresas privadas e transnacionais, despidos masivos, traballo escravo de xornaleiros e xornaleiras, con longas xornadas e sen seguridade, fumigacións directas, pago de até o 60% do salario, etc. Os estados non poden deixar que esta decisión quede en mans das empresas. Ao contrario, deben regular a favor das maiorías, na crise e despois da crise. É importante actuar con rapidez, decisión e coordinación. As medidas correctas e urxentes poderían ser a difernecia entre a supervivencia e o colapso.

Dereitos Humanos e Dereitos Labregos: En medio de ventos de guerras, militarización, criminalización e morte, mesmo dentro da corentena, é urxente defender a bandeira dos Dereitos Humanos, a paz, a protección da vida das persoas que defenden os territorios. Basta de violencia, morte e impunidade en Colombia, Brasil,  Ecuador, Honduras, Palestina, Filipinas e no resto do mundo!

É indispensable garantir os Dereitos Labregos tal e como recolle a declaración aprobada pola ONU en 2018. Precisamos terras, sementes e todas as condicións para alimentar de forma segura as poboacións. Neste sentido, mellorar as infraestruturas no campo, incrementar a dispoñibilidade de alimentos, facilitar o acceso a servizos financeiros rurais, como créditos e financiamento, permitiría investir na produción agroecolóxica, promovendo o aumento da produtividade da terra e do traballo. Nesta crise, precisamos expandir a área de cultivo e aumentar a produtividade a través dunha reforma agraria popular e da agricultura labrega en harmonía coa natureza, proporcionando alimentación saudable ás poboacións e arrefriando o planeta.

Sementar alianzas e solidariedade!

Esta crise tamén é unha oportunidade de espallar sementes, preparar o terreo para outro modelo de sociedade e de sistema agroalimentario, e para iso precisamos alianzas que xermolen, a solidariedade e o internacionalismo deben ser os valores motores da nosa construción:

  • Alianza Campo-Cidade: Debemos propiciar un tecido forte e resistente a favor dos dereitos da clase traballadora do campo e das cidades, en contra da precarización da vida, da perda de dereitos, dos despidos masivos e dos desafiuzamentos.
  • Produción e consumo: Contra a especulación e a avaricia das transnacionais debemos propiciar as nosas formas de comercialización, xa sexan por medio dos mercados labregos e as feiras de proximidade, así como innovando noutros sistemas baseados no comercio xusto, troco e outras formas solidarias.
  • Sectores vulnerables: Co firme compromiso coa vida e o respecto ás diversidades, debemos esixir o respecto dos dereitos das poboacións máis vulnerables, sectores empobrecidos, colectivos LGTBIQ, persoas discapacitadas, maiores, mulleres e e persoas con enfermidades terminais.
  • Contra o bloqueo e a inxerencia: Debemos ser solidarios e solidarias con países como Cuba, Venezuela, Palestina ou Irán, e denunciar o brutal bloqueo económico e a inxerencia militar do imperio dos EEUU, que pon en risco a vida de grandes poboacións por falta de insumos médicos. Porén, Cuba dá exemplo ao mundo de solidariedade enviando as súas brigadas médicas a centos de países e ofrecendo os seus servizos e experiencia sen discriminación algunha. #CubaSalvaVidas

Apañar! En tempo de recesión económica polos nosos dereitos como campesiñado e clase traballadora, a resistencia continúa!

En medio da recesión económica que vén tralo Covid19, é urxente apañar bos froitos para a clase traballadora, o campesiñado e as grandes maiorías. O tempo é agora!

Demandamos dos estados:

  • Cobro real de impostos ás elites e corporacións transnacionais, contra a evasión e paraísos fiscais e o lavado de cartos.
  • O non pago das débedas externas e reinvestir en políticas públicas de saúde, educación e traballo para o campo, como prioridade.
  • Rexeitar a receita neoliberal do FMI e do Banco Mundial que dominou o mundo durante os últimos cincuenta anos. O FMI participou activamente na depredación dos recursos de África, Asia e América Latina e na creación de desertos institucionais nun país tras doutro.
  • Demandar dereitos non exclusivos e igualdade de acceso aos medicamentos para combater o Covid19.
  • Decretar unha renda básica universal como dereito de toda a cidadanía que, polo menos, cubra as necesidades vitais. Isto sería un apoio real para millóns de familias que están sen traballo, traballando de forma informal en condicións de suma precariedade.

O tempo é agora! Labrar, sementar e apañar! #DereitosLabregosXa

Internacionalicemos a loita, internacionalicemos a esperanza!