O Sindicato Labrego Galego apoiou a mobilización convocada en Madrid na mañá de onte, mércores 25, polas organizacións Coordenadora de Agricultoras/es y Ganaderos (COAG), a Unión de Consumidores/as de España (UCE) e a Organización de Consumidores/as CEACCU, visibilizada mediante a celebración do III Mercado da Transparencia.
Esta acción reivindicativa, na que participaron labregas e labregos de todo o Estado, gozou dunha grande acollida por parte da cidadanía propiciando reflexións conxuntas entre consumidoras/es e produtoras/es sobor das políticas agrarias que na actualidade están a refrendar, no canto limitar, as marxes especulativas que as empresas multinacionais da alimentación nos impoñen a labregas/os e consumidoras/es.
Estas marxes afectan fortemente a produtos base da nosa alimentación, coma o leite, que arestora conleva un incremento de prezo na venta ao consumidor/a dun 288%, as patacas (incremento de prezo nun 470%) ou as leitugas (nun 775%).
Carme Freire Cruces denunciou na súa intervención a necesidade de elaboración dunha normativa que fixe prezos “de abaixo a arriba”, é dicir, o establecemento nun primeiro termo de prezos mínimos que cubran os custes de produción e o traballo para produtoras e produtores, a partir do cal se limiten as marxes comerciais co obxectivo de rematar co enriquecemento mediante a aplicación de prácticas especulativas sobre os alimentos que están a levar a cabo as multinacionais da alimentación.
Asemade, salientou tamén a responsabilidade que o Goberno central ten na elaboración destas normativas, lembrando unha vez máis que o propio Parlamento de xeito maioritario lle instou a facelo xa no pasado mes de novembro do 2008.
*Adxuntamos táboa de prezos orixe e destino. Fonte: COAG, UCE, CEACCU
OBTERÁN MÁIS INFORMACIÓN CONTACTANDO CON Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, TLF: 619 348 426 |