A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG solidarízase coa poboación e organizacións de La Vía Campesina en Honduras

O SLG solidarízase coa poboación e organizacións de La Vía Campesina en Honduras

29 de Xuño do 2009

O SLG solidarízase coa poboación e organizacións de La Vía Campesina en Honduras

O Sindicato Labrego Galego, reunido hoxe en Executiva Nacional, vén de acordar transmitir publicamente o seu apoio ao pobo e ás organizacións labregas de Honduras, desexando o pronto restablecemento da orde no país e a retoma do proceso consultivo democrático iniciado polo presidente Manuel Zelaya Rosales.

O goberno de Zelaya caracterizouse por defender aos labregos e labregas e á clase obreira, é un defensor da Alternativa Bolivariana das Américas (ALBA) e durante o seu mandato promoveu accións que beneficiaron ao campesiñado hondureño.

Co obxectivo de lograr unha maior participación democrática, dende algúns meses as organizacións sociais de Honduras, xunto a Zelaya, promoveron realizar un referendo para modificar a Constitución, que habería de ter lugar o pasado domingo 28 de Xuño.

Ás 05:00 am de devandito día as forzas armadas executaron un Golpe de estado. Dende este momento, as organizacións sociais de Honduras, incluíndo ás pertencentes á organización internacional labrega a Vía Campesina, da que o SLG forma parte, atópanse na rúa para amosar o seu rexeitamento e esixir o regreso do presidente Zelaya.

Dende a Vía Campesina valórase que o acontecido son accións desesperadas da oligarquía nacional e a dereita recalcitrante por preservar os intereses do capital, e en especial o das grandes empresas transnacionais, polo que fai uso da forza militar e das institucións do país como o Parlamento, ministerios, prensa neoliberal e outros.

 Rafael Alegría

 

Ante este feito, o SLG apoia totalmente as demandas da Vía Campesina Internacional1:

1. Reestablecemento da orde constitucional, sen derramamento de sangue
2. Chamamos ao Exército a que non reprima á poboación de Honduras que se atopa arestora nas rúas esixindo o retorno da democracia
3. Que se respecte a integridade física dos dirixentes sociais, incluíndo a Rafael Alegría , dirixente internacional da Vía Campesina en Honduras2
4. Esiximos o retorno do Presidente Zelaya ás súas funcións
5. Demandamos a garantía expresa por parte das autoridades hondureñas da realización da consulta popular ao respeito da Constitución prevista por Zelaya.

As organizacións que formamos parte da Vía Campesina Internacional estaremos pendentes das e dos nosos representantes e organizacións, así coma do pobo de Honduras, prestando o noso total respaldo nestes momentos tan difíciles.

1 Comunicado de prensa emitido dende Mali por La Vía Campesina Internacional o 28 de xuño do 2009.
2 Adxuntamos imaxe de Rafael Alegría nunha intervención durante a celebración da V Conferencia Internacional de La Vía Campesina en Maputo (Mozambique), o pasado ano 2008.

Ficheiro adxunto