A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG convoca mobilizacións pola modificación das políticas agrairas para os vindeiros 20 e 21 de novembro

O SLG convoca mobilizacións pola modificación das políticas agrairas para os vindeiros 20 e 21 de novembro

9 de Novembro do 2009

Carme Freire Cruces

Diante da situación de baixísimos prezos que nestes últimos meses están a vivir todos os sectores do agro galego, sendo a situación da produción de leite a máis coñecida, -cobrándose arestora un 25cnt/L. de media, moi lonxe dos 0,31€ prometidos baixo acordo no verano pasado en Madrid-, o Sindicato Labrego Galego convoca mobilizacións para os vindeiros 20 e 21 de novembro, participando deste xeito ás xornadas de mobilización a nivel estatal.

Se ben a situación do sector leiteiro é á que publicamente se lle foi facendo un maior seguimento, a imposibilidade para cubrir nin tan sequera os custos de produción non é unha inxustiza que estea a ocorrer só neste sector. Na semana pasada, nunha asemblea que o SLG realizou na comarca da Limia, soubemos que as patacas de variedades non recollidas polo Consello Regulador están a ser cobradas polo sector produtor a 4 céntimos por kilo, supoñendo este baixo prezo en orixe un 1.500% de marxe de beneficio para a distribución a tenor do prezo establecido en tenda.

Dende o Sindicato Labrego Galego tamén faciamos nas pasadas semanas un recordatorio dos prezos actuais no vacún de carne e na produción de horta, importes que se manteñen nas cantidades que se pagaban fai máis de dez anos .

Fronte a esta situación e diante da convocatoria unitaria lanzada fai unhas semanas por parte das organizacións que teñen representación en todo o Estado, dende o SLG, organización que só ten representación na Galiza, convocamos á mobilización de produtoras e produtores para denunciarmos a brutal reconversión e perda de postos de traballo sufrida no agro galego e europeo, no que cada minuto desaparece unha explotación gandeira*.

A solución á actual situación de baixos prezos ao sector produtor, agravada por atoparse enmarcada na total liberdade para o establecemento de marxes comerciais, só pode vir da man dun cambio profundo da política agraria común (PAC), e neste sentido a presencia do Estado español na presidencia da UE no primeiro semestre do 2010.

Coas mobilizacións por comarcas convocadas para o vindeiro día 20 na Galiza e a manifestación unitaria que terá lugar en Madrid o 21, esixiremos a regulación de mercados e produción, co establecemento dunha Lei de marxes comerciais que poña coto dunha vez por todas a esta situación, ao tempo que se fixen mecanismos para garantir aos produtores e produtoras prezos mínimos para podermos viver do noso traballo.

* Dato proporcionado pola Coordenadora Europea Vía Campesina

 

Arquivo para descarregar: audio declaracións Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG.

Ficheiro adxunto