A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Mercado transparente, concentracións reivindicativas e manifestación: reclamamos a modificación da actual política agraria.

Mercado transparente, concentracións reivindicativas e manifestación: reclamamos a modificación da actual política agraria.

19 de Novembro do 2009

mob201109

Na mañá de hoxe a Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire Cruces, deu conta en rolda de prensa en Santiago das accións reivindicativas que terán lugar o vindeiro venres 20 en toda Galiza. Ditas mobilizacións a prol da modificación das actuais políticas agrarias, en demanda de prezos mínimos e regulación das marxes comerciais, enmárcanse na convocatoria que será secundada en todo o Estado español e que fará cumio o vindeiro sábado 21 cunha grande manifestación multisectorial en Madrid .

O SLG como organización de ámbito galego que leva moito tempo denunciado de maneira intensa a situación na que se atopan absolutamente tódolos sectores do agro, e que está a supoñer a desaparición dunha explotación agrogandeira cada minuto en Europa, convoca unha xeira de mobilizacións comarcais para mañá venres na Galiza.

191109freire Carme Freire, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego.

Tódolos sectores do agro galego (leite, hortalizas, patacas, viño, carne, etc.) mobilizaranse unidos nas accións comarcais que terán lugar ao longo da mañá (a partires das 12:00hrs) en forma de mercados transparentes na Coruña (Obelisco), Santiago de Compostela (praza do Toural), Lugo (diante do edificio administrativo da Xunta), e Pontevedra (na praza da Peregrina) e que, no tocante á provincia de Ourense, terá lugar en forma de manifestación con tractores que terá lugar en Xinzo*.

Non só está en xogo o mantemento do sector produtor de alimentos deste país, senón que tamén está en xogo o feito de que a cidadanía toda poidamos seguir alimentándonos con produtos sans e de calidade, así coma impedir o monopolio das multinacionais da alimentación, que conlevaría a imposición de prezos pola súa parte. É ben coñecido que na actualidade atopámonos con marxes comerciais escandalosas, como é o caso do 1500% de beneficio para a distribución extraído da pataca.

Mediante os mercados transparentes, nos que indicaremos o prezo ao que se lle paga a produtores e produtoras así coma a marxe comercial que lle aplican seguidamente a distribución, queremos amosar que o prezo que pagan os consumidores e consumidoras non é para o sector produtor, senón que o beneficio a costa dunha e doutra parte segue a ser para as multinacionais da distribución.

Esiximos ao goberno do Estado que aposte pola modificación das políticas agrarias actuais en aras da regulación producións e mercados, de maneira que os labregos e labregas teñamos un prezo mínimo para os nosos produtos e a cidadanía acceso aos alimentos producidos por nós sans e a prezos non especulativos.

 

*Enlace google maps cos 5 puntos da mobilización:

 http://maps.google.es/maps/ms?ie=UTF8&hl=es&msa=0&msid=111621052341392496225.0004789349dccb39d05a4&ll=42.875964,-7.772827&spn=1.839604,3.532104&z=8

 

*Arquivo de audio para descarregar:

Carme Freire dá conta das mobilizacións que haberá en cada unha das  vilas e cidades.

Ficheiro adxunto