A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Carta aberta da ECVC a prol da regulación dos mercados

Carta aberta da ECVC a prol da regulación dos mercados

10 de Decembro do 2009

COORDENADORA EUROPEA VÍA CAMPESINA

Onte, mércores 9 de decembro, a Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC), da cal o SLG forma parte, realizou o envío dunha carta aberta ás ministras e ministros de agricultura dos  22 países da UE,  reunid@s hoxe en París para tratar o futuro da PAC a partires do 2013.

  •                                                       ecvc

 

Carta aberta ós 22 ministros/as  de agricultura reunidos en París o 10 de decembro do 2009

PAC 2013: A soberanía alimentaria, a agricultura labrega e a  solidariedade ofrecen una resposta mellor ós desafíos das próximas décadas que a OMC, a gandaría industrial e a competencia.

 

Señoras e Señores Ministros,

A Coordinación Europea Vía Campesiña alégrase da súa reunión do día 10 de decembro a cal contribuirá a preparar unha PAC post-2013 na que se integre a regulación dos mercados agrícolas. A crise láctea é un exemplo de até que punto a desregularización da produción e dos mercados que hai en funcionamento desde 1992 na UE non serve para “asegurar o futuro agrícola europeo”1, e menos aínda das explotacións campesiñas.

Controlar a crise láctea

O Consello Agrícola de outubro distribuíu algunhas axudas para acougar aos/ás manifestantes, pero isto non axudou a controlar a crise e moitos produtores e produtoras non pasarán o inverno. O seu grupo de 22 Estados Membros debe intervir urxentemente para evitar que a concentración da produción láctea nalgunhas rexións e nalgunhas grandes explotacións non vaia a máis.

Os gandeiros e gandeiras precisan que o prezo do leite sexa estable: o prezo ioió da especulación

global non pode continuar. Necesitan un prezo xusto que cubra os custos de produción.2 O mundo rural necesita moitas explotacións labregas que estean adecuadamente distribuídas por todas as rexións de vocación láctea agroclimática. A maneira de saír da crise láctea será determinante para a configuración da PAC 2013.

Non se poderán regular os mercados cos seguros de risco e a contractualización

O seu G22 está a favor da regulación dos mercados, o cal está moi ben, aínda que tendo en conta que o marco actual da PAC desregula os mercados, acompañar dita directiva cos seguros de risco non impedirá os excedentes ou a escaseza e custaranos caro. O pasar dunha regulación pública a privada en forma de contratos entre os produtores/as e a industria é como pór a eses produtores/as a mercede da industria, sobre todo os pequenos produtores/as. Non se poderá alcanzar unha regulación efectiva da produción e dos mercados sen unha regulación pública europea.

O marco actual da PAC (OMC) quedouse obsoleto e non pode facer fronte aos desafíos actuais: atrévanse a cambialo.

Desde 1992, as normas da OMC son as que dan forma á PAC e ás políticas agrícolas doutros países. Este marco está avariado (a Rolda de Doha) xa que a ideoloxía de “libre” comercio non puido resolver os problemas do planeta senón que os agravou e quedou descualificado á hora de responder os obxectivos alimentarios, climáticos e de biodiversidade. ...

A PAC actual carece de lexitimidade no plano internacional (o branqueo de dumping grazas á disociación e ao 2º pilar: continúan as exportacións a prezos inferiores aos dos custos de produción), no plano social (distribución inxusta das axudas da PAC), no plano ambiental (cada vez máis gandaría industrial e invernadoiros industriais e cada vez menos biodiversidade), no plano da saúde (pesticidas = bomba de tempo). Por medio do axuste de prezos agrícolas europeos con respecto aos prezos mundiais especulativos cada vez máis frecuentemente por baixo dos custos de produción europeos, e por medio da compensación, soamente parcial, dos ingresos agrícolas con axudas directas, a PAC levou a moitas explotacións á ruína, sobre todo nas rexións desfavorecidas, e fixo que os labregos e labregas pasen a ser os socorridos e socorridas, sen suficiente recoñecemento económico e social que motive aos mozos e mozas a elixir esta profesión indispensable para a alimentación.

As nosas prioridades por unha política agrícola e alimentaria lexítima, xusta e sustentable que valore os cidadáns

Vivir do traballo nun mundo rural vivo:

- Necesitamos unha política agrícola europea pública que estea definida polos europeos/as e non pola OMC.

- Os campesiños e campesiñas deben vivir primeiro da venda dos seus produtos, non de subsidios. Para iso precisan prezos xustos e estables, sen excedentes de produción nin importacións a prezos baixos. A produción e os mercados agrícolas teñen que ser regulados.

- Acurtar a cadea alimentaria. Achegar os produtores/as aos consumidores/as relocalizando a produción alimentaria e o consumo.

- Para manter un mundo rural vivo en todas as rexións fai falta,

 

# apoio ás pequenas explotacións e ás explotacións campesiñas en rexións desfavorecidas.

# a produción agrícola ten que estar mellor distribuída xeograficamente.

# manter e mellorar os servizos públicos nas zonas rurais,

 

- As regras de comercio internacional deberían estar baseadas nos principios da soberanía alimentaria, os dereitos humanos e os dereitos laborais internacionais.

 

Producir e traballar con dereitos:

- O emprego agrícola e rural debe ser unha prioridade: hai que promover a instalación de mozas e mozos.

- O acceso á terra, á auga, ás sementes, ao crédito debe ser un dereito.

- Os traballadores agrícolas migrantes deben ser tratados e tratadas sen discriminación, cos mesmos dereitos que os seus homólogos/as europeos/as.

- Os dereitos das campesiñas deben ser recoñecidos e postos en práctica.

Coidar do medio ambiente

- Favorecer unha agricultura campesiña sustentable económica en enerxía e en uso de insumos e reorientar os modos de produción industriais. Favorecer os métodos de produción que almacenan o carbono no chan (materia orgánica), en particular a agricultura ecolóxica.

- A biodiversidade debe ser protexida: non aos transxénicos e ás patentes de organismos vivos. Si aos dereitos de gardar e reproducir as sementes.

- A utilización das terras agrícolas debe consagrarse prioritariamente á produción alimentaria e non aos agrocombustibles.

Señoras e Señores Ministros, é importante definir ben as prioridades da PAC segundo 2013, antes do orzamento da UE post 2013. Pedímoslles que inicien un gran debate público nos seus países. A alimentación debe ser un asunto de todos os cidadáns e cidadás.

1.Cf Bruno Le Maire, conferencia de prensa, 30 novembre

2. Ver carta aberta da ECVC do 1/9. www.eurovia.org