A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Etiquetaxe de produtos supostamente galegos: unha burla para o noso país

Etiquetaxe de produtos supostamente galegos: unha burla para o noso país

15 de Marzo do 2010

Carme Freire Cruces

Na proposta de etiquetaxe realizada pola Consellaría do Medio Rural o pasado venres 12 de marzo, no marco da Comisión Permanente do Consello Agrario, a catalogación “FEITO EN GALICIA” non só se lle porá á materia prima producida na Galiza, senón que aquelas empresas que teñan razón ou sede social eiquí, polo tanto que elaboren, transformen ou comercialicen no país, xa terían dereito a empregala.

cArme Freire

Na mañá de hoxe Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, denunciou en rolda de prensa a grave fraude  para produtores/as e consumidores/as que suporá esta proposta de etiquetado de produtos supostamente galegos.

 

Co voto particular en contra do SLG, mais co voto favorábel das outras organizacións agrarias e da CMR, autora da proposta, aprobouse o pasado 12 de marzo unha iniciativa que pretende aproveitarse do prestixio dos produtos galegos, arestora fortemente lexitimados no mercado en base ao bon facer histórico do noso sector produtor, das características produtivas propias da nosa terra e dun cada vez maior sentimento de valoración e apoio por parte dos consumidores e consumidoras á produción e ao medio rural da Galiza.

 

A Consellaría do Medio Rural vén de poñer sobre a mesa un proxecto que se burla dos consumidores e consumidoras ao tentar confundir mediante unha etiqueta os produtos feitos con materia prima propia do país con aqueles feitos con materias primas de calquera latitude, xa que levarían a mesma identificación.

 

Polo tanto, se temos mel da China, con noces de California, envasado por unha multinacional que ten a industria instalada en Viana do Bolo, xa poderiamos dicir que é produto “ELABORADO EN GALICIA”.

 

Estas medidas dinamitan, polo tanto, unha personalidade produtiva construída polos nosos labregos e labregas ao longo dos séculos, unha sorte de valor engadido presente nos nosos produtos, que en troques de ser potenciado para axudar ao mantemento dun tecido produtivo e un mundo rural vivo neste país, vén de ser agora secuestrado e deturpado por unha proposta comercial que cede de balde todo o noso prestixio a aquelas empresas instaladas agora ou no futuro no noso territorio.

 

Carme Freire Cruces cualificou de “desfachatez” a actuación da Consellaría do Medio Rural “ao deixar en mans de calquera tipo de industria, galegas ou multinacionais, a posibilidade de comercializar con esta calidade”, ao tempo que de cara á opinión pública a CMR argumenta a defensa da agricultura e gandaría galega, apostando na realidade pola súa destrución, mediante accións de confusión no mercado das cales é bon exemplo esta medida de etiquetaxe proposta.

 

Os produtores e produtoras do Sindicato Labrego Galego iniciamos unha campaña de denuncia na que procuraremos a complicidade de toda a sociedade, ao tempo que barallamos a posibilidade de iniciar accións legais que bloqueen esta tentativa de confusión.

 

Para o Sindicato Labrego Galego, a única proposta de etiquetaxe válida, e que así foi trasladada a CMR o pasado venres, catalogaría como produtos “FEITO EN GALICIA” somentes aqueles que, frescos ou transformados, empregan unicamente materias primas criadas ou cultivadas na nosa terra.

 

Arquivo para descarregar: proposta íntegra da CMR

Ficheiro adxunto