A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Por unha Política Agrícola e Alimentaria Común 2013 no marco da soberanía alimentaria

Por unha Política Agrícola e Alimentaria Común 2013 no marco da soberanía alimentaria

23 de Marzo do 2010

COORDENADORA EUROPEA VÍA CAMPESINA

A PAC actual, así como a Organización Mundical do Comercio (OMC) que a enmarca, teñen demostrado non só ser incapaces de resolver os problemas, senón que conseguiron agravalos: as explotacións agrícolas desaparecen rapidamente, o paro aumenta cada vez máis, a fame alcanza xa a mil millóns de persoas, o planeta quéntase, a biodiversidade desaparece, os efectos negativos para a saúde dos métodos de produción e consumo dominantes aumentan con rapidez...

O ano 2009 tennos mostrado a amplitude das dificultades ás que se enfrontan as labregas e os labregos europeos. O sector leiteiro non é o único en crise, e os ingresos agrícolas caeron en case todos os sectores.

A pesar de todo isto, a Unión Europea (UE) non parece disposta a cambiar a política neoliberal que globalizou a nosa agricultura e a nosa alimentación. Tanto produtoras/es como consumidoras/es son as/os grandes perdedoras/es, mentres aumentan os beneficios da agro-industria e as grandes distribuidoras. Se a UE non actúa, a agricultura europea correrá un serio perigo, o que suporía unha catástrofe social e medio ambiental. Sen labregos/as, quen vai alimentar a poboación?. O fracaso de Copenhague demostra que os gobernos son miopes. Como agricultoras/es europeas/os que somos, necesitamos implicar ao meirande número posíbel de aliados dentro da sociedade para defender unha nova política agraria e alimentaria. O 2010 debe ser o ano dun amplo debate público dentro da UE para que sexan re-definidas as prioridades da política agrícola e alimentaria que se vai aplicar a partir do 2013, antes de que se decidan os orzamentos da UE para ese período.

  • Garantir o acceso aos alimentos para todas/os é un reto a nivel mundial na actualidade e seráo durante as próximas décadas1. A agricultura labrega é recoñecida hoxe en día como a que mellor pode responder a este reto2. Sen embargo, as políticas agrícolas e a OMC desaténdena, en beneficio das grandes explotacións industriais. O reto non é tecnolóxico, senón que se trata dunha cuestión de acceso á produción agrícola e de acceso aos alimentos.

  • Responder ao reto do emprego: máis agricultores/as e máis emprego no medio rural para alimentar a Europa. Co paro en aumento por toda Europa, a UE non pode permitirse seguir destruíndo as súas explotacións3 e os seus empregos rurais. Para manter aos labregos e labregas actuais e axudar a outros/as a establecerse, ten que dárselle á produción agrícola o recoñecemento económico e social que perdeu coa PAC actual.

  • Diminuír o quecemento global e conservar a biodiversidade. Debe cortarse a industrialización da produción agrícola e gandeira. As prácticas agrícolas e as formas de produción que son favorábeis ao clima e á biodiversidade son coñecidas. Poñelas en práctica supón romper co modelo actual.

 

2. Como responde a soberanía alimentaria a estes retos?

 

A soberanía alimentaria outorga aos pobos e á UE o dereito a definir a súa política agrícola e alimentaria a partir das necesidades da poboación e o seu medio ambiente, e non a partir das regras do comercio internacional inscritas na ideoloxía do libre comercio. Por exemplo, correspóndelle á UE prohibir o cultivo e a importación de OXM (transxénicos)4se a súa cidadanía non os quere, sen que a OMC (Organizacion Mundial do Comercio) poida impedilo. É a UE quen debe decidir pasar do actual déficit do 75% nas proteínas vexetais -para alimentar ao seu gando- á autonomía. Este é un paso totalmente realizable coas nosas superficies agrícolas, e indispensable, sabendo o que está en xogo desde un punto de vista medio ambiental. Para iso, é necesario volver a avaliar o acordo da OMC de 1994.

 

A soberanía alimentaria establece para a agricultura a prioridade de producir para alimentar á poboación, en lugar de producir para o comercio internacional. A UE, que se converteu no maior importador e á vez no principal exportador de produtos alimentarios, debe por tanto revisar a fondo as súas prioridades. Exportar leite en po á vez que se importa soia para alimentar ás vacas, producir as nosas froitas e verduras -mesmo as ecolóxicas- en países do Sur porque a man de obra alí é máis barata... todo iso arrástranos ao calexón sen saída social e ambiental no que nos atopamos agora. A soberanía alimentaria, pola contra, volve situar a produción agrícola preto dos consumidores e consumidoras.

 

A soberanía alimentaria, ao situar ás labregas e labregos nun rol central na alimentación da xente do seu país e da súa área xeográfica mais próxima, outórgalles un sentido e unha lexitimidade social que a PAC actual a miúdo lles negou. A soberanía alimentaria de feito oponse á concentración actual do poder sobre a alimentación que está en mans da industria e as grandes distribuidoras. Correspóndelle ao poder político, por exemplo á UE, regular a produción, os mercados e a distribución tendo en conta a todos os actores da cadea alimentaria. Tamén é responsabilidade das/os produtoras/es e das/os consumidoras/es acurtar esta cadea, pondo en práctica fórmulas de comercialización máis directa, cada vez máis frecuentes, que deberían ser fomentadas pola política agrícola e alimentaria (PAAC). Deberán adaptarse as normas sanitarias, hoxe industriais, para os produtos elaborados nas explotacións agrarias.

 

Non hai que confundirse: a soberanía alimentaria non é autarquía, nin un peche das fronteiras. Tampouco se opón aos intercambios internacionais: cada rexión do mundo ten produtos específicos cos que pode comerciar; pero a seguridade alimentaria é demasiado importante como para permitir que dependa das importacións. En cada rexión do mundo, a alimentación básica debe ser producida localmente, sempre que sexa posible. Cada rexión debe por tanto ter o dereito de protexerse das importacións a baixo prezo que arruínen a súa propia produción.

 

A soberanía alimentaria non só implica un dereito, senón tamén un deber: o de non prexudicar ás economías agrícolas e alimentarias doutras rexións do mundo. Todo dumping, é dicir, toda axuda que permita exportar a un prezo inferior ao custo de produción5, debe prohibirse. Isto debería aplicarse tanto ás axudas á exportación como aos pagos únicos, cando estes signifiquen vender ou exportar a un prezo inferior ao custo de produción.

 

A soberanía alimentaria non só se ocupa de alimentar á poboación actual, senón tamén ás xeracións futuras, e por tanto a conservación dos recursos naturais e o medio ambiente. É por iso que debe desenvolver modos de produción agrícola que diminúan as emisións de gases de efecto invernadoiro e favorezan a biodiversidade e a saúde. Diminuíndo a necesidade de transporte e cambiando os modos de produción demasiado intensivos, abórdanse directamente os retos climáticos e ambientais.

 

Ao redor da soberanía alimentaria poden confluír en Europa quen traballa no cambio da política agrícola e alimentaria, e quen traballa nunha re-localización do sistema alimentario. Esta confluencia poderá influenciar a orientación da futura política agrícola.

 

3. Unha nova PAAC que abra camiños aos actuais camiños sen saída6.

 

Os nosos obxectivos:

 

  • Manter e desenvolver unha agricultura labrega social e sustentábel que alimente á poboación, preserve o medio ambiente e a saúde e manteña paisaxes rurais vivos. Para iso as/os labregas/os deben poder vivir principalmente da venda dos seus produtos, grazas a uns prezos agrícolas estables e remuneradores. É unha condición indispensable para o seu recoñecemento económico, e para así atraer ás persoas novas a esta profesión.

  • Reservar o apoio público aos métodos de produción e ás explotacións que son beneficiosas para o emprego e o medio ambiente.

  • Re-localizar o máis posíbel a alimentación e cortar o dominio da gran distribución e a industria sobre a cadea alimentaria.

 

As nosas prioridades:

 

1ª.- Renda, prezos agrícolas: prezos agrícolas remuneradores e estábeis implican:

 

  • O control da produción e a regulación dos mercados agrícolas, a transparencia ao longo de toda a cadea alimentaria, e a limitación das marxes de beneficios da transformación e da distribución. Deben establecerse prezos agrícolas mínimos para facer fronte aos excedentes de produción que poidan derivarse das variacións climáticas.

  • O dereito a protexerse das importacións a prezos baixos, incluídos os pensos animais, así como acabar co dumping para a exportación, con todas as súas formas actuais7. O nivel variable de protección arancelaria debe estar ligado ao custo de produción europeo8.

  • Pagos directos, con máximos por activo agrícola, serán establecidos, por unha banda ás pequenas explotacións que xustifican un papel social e medio ambiental9, e por outra banda ás explotacións sustentables das rexións desfavorecidas agro-climaticamente, que teñen gastos de produción máis elevados que as referencias elixidas no punto precedente.

  • Os asalariados agrícolas, europeos ou inmigrantes, benefícianse dos mesmos dereitos. Os Estados están obrigados a fixar un salario mínimo.

 

2ª.- Medio ambiente: Todas as explotacións deben respectar normas de produción que economicen enerxía, insumos químicos, auga, emisións de carbono e que favorezan a biodiversidade e a saúde. Deben outorgarse primas ás explotacións que vaian máis aló das normas a nivel ambiental e social (como a agroecoloxía a pequena escala). Por exemplo, deben promoverse e apoiarse as prácticas agronómicas que aumentan a taxa de materia orgánica no chan, que reteñen carbono e permiten a fertilidade a longo prazo. A investigación e a formación deben orientarse neste sentido.

 

3ª.- Medidas a nivel europeo e nacional que faciliten o acceso á terra e a incorporación á actividade agraria, permitindo a un maior número de mozas e mozos facerse labregas/os. A concentración e a urbanización das terras agrícolas suprimirase.

 

4ª.- Debe establecerse unha política de desenvolvemento rural que complemente as medidas anteriores. Tal política debe dar prioridade ao emprego rural, ao equilibrio xeográfico das producións, ao comercio local e aos servizos de proximidade.

 

5ª.- As regras actuais do comercio agrícola internacional10 deben cuestionarse. A Rolda de Doha da OMC e os acordos de “libre” comercio da UE con países terceiros deben abandonarse. Imponse a necesidade dunha nova gobernabilidade alimentaria mundial, con novas regras de comercio internacional, baseadas na soberanía alimentaria e o dereito á alimentación.

 

6ª.- A produción ou importación de OXM en agricultura e alimentación animal deben ser prohibidos. Fomentarase a utilización, o intercambio e a reprodución de sementes labregas.

 

7ª.- A UE deixará de apoiar o uso e o cultivo dos agro-combustíbeis industriais. A súa pegada enerxética é demasiado deficiente, e a súa produción compite coas superficies agrícolas dedicadas á alimentación. Mais pode reforzarse a autonomía enerxética das explotacións utilizando aceite puro obtido a través do prensado de plantas oleaxinosas cultivadas na mesma granxa ou nas veciñas.

 

1 Sen esquecer que 40 millóns de pobres en Europa non teñen suficiente para comer.

 

2 Ver o informe IAASTD – http://www.agassessment.org/

 

3 Pequenas e medinas explotacións e tamén grandes explotacións (de leite p.ex.) desaparecen.

 

4 Os OXM son inútiles, ademais de perigosos para a biodiversidade e a saúde, especialmente polos pesticidas asociados.

 

5 Ao contrario do que define a OMC/OCDE, quen defende a exportación a un prezo inferior que o prezo ao que se vende no país exportador, o cal xustificou a baixada de prezos agrícolas na UE desde 1992, substituídos por pagos desaxustados, intocables para a OMC!!

 

6 Os conceptos ligados ao marco da OMC como o desacoplamento, o primeiro/segundo alicerce,... desaparecen.

 

7 Axudas á exportación e pagos únicos do primeiro e segundo piar aos produtos exportados.

 

8 Nivel a debater: rexión máis favorecida, nivel medio, mediana. O custo de produción inclúe o traballo de produción.

 

9 Criterios a definir a nivel de cada Estado membro?

 

10 Acordo da OMC de 1994.