A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Na Galiza e en Bruxelas, o SLG e a CEVC defendemos unha reforma da PAC que supoña garantía de rendas e alimentación

Na Galiza e en Bruxelas, o SLG e a CEVC defendemos unha reforma da PAC que supoña garantía de rendas e alimentación

26 de Marzo do 2010

labregas explotación

O pasado 27 de xaneiro o presidente da Xunta comprometeuse coas organizacións agrarias a consensuar unha reforma das políticas agrarias que incluíra os cambios normativos necesarios -aproveitando ademais a oportunidade que se presesenta coa presidencia do Estado español na UE- que garantira rendas xustas para os produtores e produtoras e alimentos sans e de calidade para a cidadanía, así coma o coidado do medio ambiente.

Logo deste encontro, o Sindicato Labrego Galego trasladou ao Goberno galego un documento pormenorizado coas nosas propostas coma organización integrante da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC), ao tempo que, canda as outras organizacións agrarias, dirixímoslle o 1 de marzo un documento consensuado no que se recollían as propostas do sector, establecendo coma cuestións fundamentais para os produtores e produtoras a necesidade de manter unha PAC forte, a demanda de regulación de mercados, a preferencia comunitaria, a necesidade de medidas de control da produción e a esixencia dunha garantía de rendas aos/ás produtoras, ao tempo que se fomenten os modos de produción sostíbeis.

 

Nembergantes, o documento presentado onte pola Administración no marco do Consello Agrario de Galiza, dista moito de contar coa valentía que precisamos para a creación dun marco regulador europeo xusto para produtores/as e consumidores/as.

 

O texto presentado coma borrador limítase a propostas continuistas do modelo de política agraria actual, obviando as nefastas consecuencias que conleva, a día de hoxe ben claras de apreciar con só botar unha ollada ás cifras destes últimos anos, que reflicten unha clara desestructuración do sector produtor de alimentos no noso país, ao tempo que se foi deteriorando a calidade dos alimentos postos no mercado por grandes multinacionais da distribución que exercen un monopolio global no tocante a subministro alimentar.

 

Malia a aseverar a súa disposición á elaboración dunha “posición de país” no tocante á PAC2013, dende o Sindicato Labrego Galego valoramos polo menos contraditorio o feito de que a Xunta presente agora un documento estancado na actual posición da PAC.

 

Non se pode mudar a política agraria presentando coma alternativa medidas que se ubican nos mesmos marcos de debate que até agora. Iso non é adecuarse ás necesidades actuais nin tentar correxir as negativas consecuencias que dende o sector produtor vimos denunciando practicamente dende a entrada do Estado español no mercado común europeo.

 

O Goberno galego segue a falar de mercado internacional, de contratos homologados sen prezo e, sobre todo, trátanse neste documento as axudas directas ás explotacións, cuestión na que o SLG está dacordo nalgúns aspectos, mais totalmente en contra de que sexa unha cuestión central da PAC, xa que para o Sindicato Labrego Galego o principal ten que ser a elaboración de medidas que incidan na garantía de prezos ao sector produtor, en aras do mantemento de explotacións agrarias e subministro de alimentos na Galiza e na UE.

 

Malia a que o texto debatido onte fica aberto, o que si se percibiu como pechada foi a posición do Goberno galego en canto a non querer plantexar cales son as necesidades e, polo tanto, os instrumentos políticos necesarios, para que a PAC signifique fixación de poboación no medio rural, produción de alimentos e preferencia comunitaria.

 

O Goberno galego manifestou onte claramente que non está disposto a defender o “necesario”, senón somentes o “posíbel”.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego, pola contra, consideramos que unha proposta política ten que elaborarse atendendo ás necesidades, non só ás posibilidades, e xa que consideramos que este razoamento responde ao sentido común, xórdenos a dúbida de se o que realmente está a pasar é que o Goberno galego está totalmente dacordo coas ferramentas de regulación existentes na actual PAC, as mesmas que están afundindo ao sector produtor da Galiza.