A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. A CEVC apela á responsabilidade da UE para mudar o marco actual da política agraria

A CEVC apela á responsabilidade da UE para mudar o marco actual da política agraria

13 de Abril do 2010

Foto de grupo co comisario Ciolos

Esta mañá tivo lugar a primeira xuntanza entre a Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC) e o Comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, centrada na reforma da Política Agraria Común (PAC) que será posta en marcha a partires do 2013, así coma na situación do sector leiteiro de xeito específico.

ciolos ciolos

Intervención de Lídia Senra durante a xuntanza e foto de grupo da delegación da Coordenadora Europea Vía Campesina co comisario Dacian Ciolos.

 

A CEVC prantexou ao comisario as súas propostas* facendo especial fincapé na necesidade de mudar o marco da actual política agraria común, alertando de que se a UE segue en dar preferencia á exportación e ao mercado internacional, avogando pola liberalización, aos labregos e labregas quédalles pouco futuro.

 

Para a Coordenadora Europea Vía Campesina os cambios da Política Agraria Común, en aras do mantemento da agricultura labrega en Europa, pasan obrigatoriamente por priorizar políticas agrarias para producir alimentación para a cidadanía europea, nun marco de producións e mercados regulados, garantindo que produtores e produtoras vivan no seu traballo.

 

Lídia Senra Rodríguez, Responsábel dos Sectores Gandeiros na CEVC e presente na delegación que se entrevistou con Ciolos, dirixiuse á equipa da Comisión de Agricultura durante a xuntanza aseverando que as persoas que teñen a capacidade de decisión nos gobernos, e neste caso marco europeo, teñen a responsabilidade de pararse a reflexionar cara a onde nos conduciron as decisións tomadas na política agraria e leiteira, para aprender dos erros e sentar as novas bases. É responsabilidade destas persoas que no futuro teñamos a PAC que precisa a cidadanía ou que, pola contra, sigamos a facer política agroalimentaria para as multinacionais.

 

O Comisario de Agricultura, pola súa banda, manifestou interese polas propostas achegadas pola CEVC, así coma por seguir mantendo contactos para continuar coas achegas e o debate, tanto sobre a reforma da PAC, coma sobre a proposta que o propio Dacian Ciolos elaborará unha vez que o “Grupo de expertos e expertas da UE en materia de Sector Leiteiro” lle presente as súas conclusións.

 

 

*Adxuntamos documento coas propostas da Coordenadora Europea Vía Campesina para a reforma da PAC 2013.

Ficheiro adxunto