A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG posiciónase contra unha reforma da PAC que non garante as rendas dos labregos e labregas da Unión Europea

O SLG posiciónase contra unha reforma da PAC que non garante as rendas dos labregos e labregas da Unión Europea

14 de Outubro do 2011

Rolda de prensa da PAC

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, e Isabel Vilalba en representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) ofreceron hoxe, 13 de outubro, unha rolda de prensa para amosar a frontal oposición destas organizacións á proposta de reforma da Política Agraria Común (PAC) que se presentou onte en Bruxelas.

Carme Freire criticou que o debate se estea centrando en como se van repartir as axudas, desviándose a atención de cuestións fundamentais para a supervivencia do agro como a renda que perciben os labregos e labregas pola venda dos seus produtos. Freire recordou que, segundo datos de Eurostat (Axencia Europea de Estatística) o 70% da renda das explotacións labregas provén da venda dos seus produtos, polo que a PAC debería tratar de garantir e protexer ese tipo de ingresos fronte ao derivado dunhas axudas que, de primeiras, están orientadas a favorecer a grandes propiedades e terratenentes.

Para Freire, e para o SLG e a ECVC, as rendas deben vir duns prezos xustos nos produtos agrarios, e iso só se pode conseguir con políticas de control dos mercados e da produción, non con axudas. A proposta de reforma da PAC presentada onte non contempla nin unha cousa nin outra; pola contra, afonda máis na liberalización dos mercados (desaparición de controis na produción como os dereitos de plantación de viñedo en 2015 ou o remate do sistema de cotas leiteiras) e na privatización de servizos. É dicir, continuarase con políticas na liña da PAC aínda vixente, que botou a andar no 2003 e que, segundo datos de Eurostat, provocou o peche do 20% das explotacións agrarias europeas. Por iso, Carme Freire instou a que ”se comece a falar en serio nesta reforma da PAC de cómo se van regular os mercados, de cómo acabar coa actual situación na que son as multinacionais da industria e da distribución as que marcan ao seu antollo os prezos que máis lles conveñen, levando á ruína a miles de explotacións. Está claro que as axudas non están servindo nin para manter o tecido produtivo no medio rural, nin para garantir unha alimentación sá e de calidade para a sociedade, nin para garantir a conservación do medio ambiente”.

Pola súa banda, Isabel Vilalba debullou polo miúdo algúns dos aspectos máis destacados da reforma da PAC. Vilalba cualificou a nova proposta de PAC como “decepcionante”, e denunciu que se contemplan as crises nos sectores agrarios como algo inevitable, propoñendo como solución a estas outro novo paso no proceso privatizador da PAC: artellar seguros privados para que as explotacións os contraten de cara a asegurar as súas rendas. “Parécenos unha burla”, sentenciou Vilalba, “aceptar sen máis os problemas da agricultura e permitir que haxa quen faga negocio a costa das desgracias da xente”.

Isabel Vilalba criticou con dureza que a nova PAC pretenda seguir dando cantidades millonarias do erario público aos terratenentes e grandes propietarios da terra. De feito, as axudas están deseñadas para iso: por exemplo, para ser agricultor ou agricultora en activo só hai que obter o 5% dos ingresos da agricultura, e á hora de conceder axudas se priman factores como as hectáreas de superficie; fronte a outros fundamentais como os postos de traballo que dependen das explotacións, ou a creación de tecido socioeconómico no medio rural. No reparto dos cartos proposto tamén se ve claro: fíxase un tope máximo para a percepción de axudas da PAC de 300.000 (cifra á que só poderán aspirar as grandes industrias e capitais que fixeron algún investimento en agricultura), fronte aos 500 euros que poderán cobrar as pequenas explotacións. Nin que dicir ten que unha PAC que beneficie ás grandes superficies, marxinará directamente a países coma Galiza, onde o meirande das explotacións son de pequena ou mediana dimensión.

Isabel Vilalba tamén criticou que se tente disfrazar a esta PAC como defensora do medio ambiente, cando o tipo de medidas propostas fomentan un modelo de explotación de carácter industrial e sobredimensionado que é insostible dende punto de vista ambiental e social.

Para concluír, Freire quixo deixar claro que “os labregos e labregas non queremos axudas a cambio de non termos rendas. Cremos que as axudas están ben para fomentar o emprego agrario, para apoiar a produción de alimentos ou para apoiar zonas rurais desfavorecidas. O que nos propón esta reforma da PAC para garantir as nosas rendas é que contratemos seguros. Isto é o mesmo que privatizar a política agraria, pagarlle a empresas privadas para que se garantan os nosos ingresos. E non imos pasar por iso”.

 

 

undefined