A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Día da Loita Labrega: o SLG reafírmase na súa defensa da terra como recurso inviolable para alimentar a humanidade

Día da Loita Labrega: o SLG reafírmase na súa defensa da terra como recurso inviolable para alimentar a humanidade

17 de Abril do 2013

Via Campesina

O Sindicato Labrego Galego, como membro da Vía Campesina, está a participar activamente na celebración do 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega, que conmemora a masacre de 19 labregos do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil en 1996.

Neste senso, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou na asemblea xeral da Coordinadora Europea da Vía Campesina, que se celebrou estes días en Fuerteventura coincidindo co 17 de abril; e congregando representantes de vinte organizacións de Escocia, Inglaterra, Noruega, Holanda, Alemaña, Bélxica, Austria, Suíza, Francia, Italia, Turquía, Romanía, Portugal, Galiza, Euskadi e outras comunidades do Estado Español. Esta foi só unha das accións que as organizacións da Vía Campesina estamos a desenvolver ou xa desenvolvemos en diversos países de África, América, Asia e Europa.

Neste Día Internacional da Loita Labrega, as organizacións da Vía Campesina mantémonos firmes no noso compromiso de opoñernos á ofensiva internacional por parte dalgúns estados e multinacionais para expropiar e acaparar as terras que os labregos e as labregas levamos séculos traballando.

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, explica que “o acaparamento das terras, por parte das multinacionais, é un fenómeno que se está a dar a escala global, con macroproxectos que buscan o lucro inmediato a costa de contaminar dun xeito irreversible os territorios nos que se asentan e empobrecer á maioría da poboación. Grandes proxectos mineiros, plantacións forestais, monocultivos dedicados á produción de agrocarburantes, etcétera, que contan, ademais, coa conivencia de gobernos corruptos que non dubidan en comprometer o medio ambiente, os ríos, os postos de traballo de miles de familias que -de xeito directo ou indirecto- vivimos da produción de alimentos, e mesmo a saúde das persoas”.

No caso de Galiza, Isabel Vilalba recorda que “a mina de ouro de Corcoesto, as minas de seixo da Terra Chá, a de feldespato da Limia ou calquera dos outros proxectos que ameazan as nosas comarcas, preséntanse como a panacea coa que se van crear miles de postos de traballo, co mesmo discurso que outras industrias contaminantes, mesmo as instalacións nucleares, utilizaron historicamente en países empobrecidos. Multinacionais como a norueguesa Erimsa ou a canadense Edgewater pretenden instalar en Galiza explotacións mineiras que de ningún xeito lles serían permitidas nos seus países de orixe, debido aos enormes impactos sociais e ambientais. Galiza é para estas multinacionais unha sorte de colonia, coa complicidade do goberno da Xunta, que non obriga a restaurar o terreo no que se asentan as explotacións mineiras, aínda que así o pon a lei; que acepta proxectos nos que ninguén se responsabiliza de balsas con miles de toneladas de produtos tóxicos, sen seguros que cubran os danos; e que mesmo no ano 2010 modificou a Lei do Solo para permitir os usos mineiros no solo de especial protección agropecuaria”.

Por iso, o Sindicato Labrego Galego, neste 17 de abril, denuncia a ofensiva das transnacionais e dos seus cómplices sobre o agro e sobre o futuro das nosas comarcas, e reafírmase no seu compromiso de seguir loitando pola protección da terra como recurso para producir alimentos, xerar postos de traballo vinculados á agricultura e sustentar o tecido socioeconómico do noso medio rural.
17 de abril