A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. A voz labrega de Europa únese a voces de todo o mundo en Iacarta pola soberanía alimentaria

A voz labrega de Europa únese a voces de todo o mundo en Iacarta pola soberanía alimentaria

13 de Xuño do 2013

20 anos de Vía Campesina

 Máis de 500 labregos e labregas procedentes de 70 países de todos os continentes están a participar, do día 6 ao 13 de xuño, na VI Conferencia da Vía Campesina en Iacarta, Indonesia, coincidindo co seu 20 aniversario.

Compartimos a constatación de que hai un novo colonialismo agrario, onde todo -terra, auga, sementes, natureza e biodiversidade- se converteu en produtos, en prexuízo da xente, especialmente os pequenos labregos e as pequenas labregas, os e as indíxenas, os xornaleiros e as xornaleiras ou os agricultores e as agricultoras sen terra.

O obxectivo do congreso é construír un modelo alternativo á agricultura que impón o capitalismo. Unha agricultura ecolóxica e sostible, con respecto aos dereitos dos labregos e das labregas e contra o poder das grandes corporacións e a complicidade dos gobernos con estas.

Dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina mantense a visión de ocupar espazos de poder que pertencen lexitimamente ao pobo, polo que non se renuncia a tratar de influír nos debates de organismos multilaterais como a FAO para defender as loitas dos labregos e das labregas.

A agroecoloxía e a defensa das sementes labregas e crioulas tiveron un papel destacado na Conferencia de Iacarta, a través dun mercado de intercambio de sementes no que tódolos continentes achegaron variedades autóctonas. Continuando coa súa loita contra os transxénicos, a Vía Campesina Europa expresa o seu rexeitamento á proposta da Comisión Europea coñecida como Lei de Reprodución Material Vexetal (Plant Reproductive Material Law). Trátase dunha normativa que beneficia só á agroindustria, perpetuando un sistema de dependencia e control sobre os labregos e as labregas.

Os labregos e as labregas de Europa tamén exporán no encontro internacional o seu rexeitamento ao modelo extractivo que trata de explotar os recursos naturais, especialmente o problema das novas técnicas coma o “fracking” ou creba hidráulica.

Un dos principais retos deste movemento labrego é a loita contra o patriarcado, así como asegurar a participación de mulleres e mocidade. Foi precisamente a Asemblea de Mulleres o fito que deu arranque á Conferencia da Vía Campesina, con trescentas participantes que puxeron enriba da mesa os problemas comúns aos que se enfrontan as mulleres decotío en todos os currunchos do planeta.

Outro dos retos da Vía Campesina é garantir o relevo xeracional no campo. Durante os días 8 e 9 de xuño, 200 mozos labregos e mozas labregas compartiron experiencias e loitas, reivindicando o orgullo do rol de alimentar á poboación e defendendo que 2014 sexa o ano da Mocidade Labrega.

Durante o encontro, no que a nivel internacional se renovarán os e as representantes, tamén se producirá un relevo de portavoces na rexión Europa da Vía Campesina. A delegación europea na conferencia propuxo a Mari Carmen García, do Sindicato Andaluz de Obreros del Campo (SOC) e a Unai Aranguren, labrego de EHNE, de Euskadi, como representantes do Comité Coordinador Internacional da Vía Campesina.

A delegación europea en Iacarta, que está composta por 40 persoas de 13 países da Unión Europea, en representación dun total de 20 organizacións, reafirma o seu compromiso coa loita pola soberanía alimentaria e unha reforma agraria máis social a nivel internacional, tendo establecido alianzas de solidariedade e cooperación con labregos e labregas de todo o mundo.

Tratados de libre comercio entre a Unión Europea e Canadá

Tras unha xuntanza, os labregos e labregas de Canadá e países da Unión Europea que están participando na sexta Conferencia Internacional da Vía Campesina en Iacarta denunciaron as negociacións comerciais que están a ter lugar entre os seus gobernos.

“Do mesmo xeito ca nós, as familias de labregos e labregas de Europa non ven beneficios procedentes do Acordo Económico e Comercial Global (CETA, en inglés), só un gran sufrimento”, asegurou Nettie Wiebe, unha labrega de Saskatchewan (Canadá). “O asalto ao dereito dos labregos e das labregas a empregar as súas propias sementes, as ameazas á oferta de xestión dos sectores en Canadá, máis a orientación xeral destas negociacións que dan aínda máis control sobre a produción e a seguridade alimentaria ás empresas transnacionais, é unha dirección errónea”.

“Mentres que algunhas empresas europeas están a presionar para reducir os atrancos comerciais, socavando aínda máis a agricultura familiar; os labregos e as labregas, xunto co meirande da cidadanía, non queremos que os regulamentos sobre a nosa comida e agricultura se debiliten máis. Non imos aceptar baixo ningún pretexto a carne de vacún tratada con hormonas ou cultivos transxénicos de Canadá ou procedentes de calquera outro eido”, exclamou Javier Sánchez, un labrego español que representa a Coordinadora Europea da Vía Campesina.

Mentres que o debate se centrou no Acordo Económico e Comercial Global, as delegacións da Vía Campesina de Estados Unidos e India expresaron a súa oposicióni aos acordos que os seus gobernos están tratando de negociar coa Unión Europea que afectan á produción leiteira nacional e xeran aínda máis dificultades para o comercio desenvolvido pola agricultura familiar.

VI Conferencia VC 2

VI Conferencia VC 1Se queres visitar as galerías fotográficas da VI Conferencia da Vía Capesina faino a través deste enlace