A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. A Vía Campesina conclúe a súa VI Conferencia Internacional incorporando 33 novas organizacións agrarias

A Vía Campesina conclúe a súa VI Conferencia Internacional incorporando 33 novas organizacións agrarias

17 de Xuño do 2013

Mpofu e Saragih

Entre o 9 e o 13 de xuño, a Vía Campesina celebrou a súa VI Conferencia Internacional en Iacarta (Indonesia). Neste encontro global, ao que precederon asembleas da mocidade e das mulleres, tomáronse decisións clave con respecto a estratexias futuras e formalizouse a incorporación de novos membros. Como principal novidade, o traslado a Zimbabue (África) da sede da Secretaría Operativa Internacional, que estivo en Asia durante os últimos oito anos. Tamén un motivo de celebración: a maioría de idade da Vía Campesina, que cumpriu, neste 2013, os seus primeiros vinte anos de vida dende a súa fundación en Mons (Bélxica) en 1993.

En efecto, na VI Conferencia ratificouse a incorporación de 33 novos membros, de maneira que, agora mesmo, na Vía Campesina estamos 183 organizacións de todo o mundo, incluíndo países novos como Palestina ou Taiwan. Non se trata só de sindicatos agrarios, tamén hai movementos de pobos indíxenas, de mulleres, urbanos e de persoas sen terra.

En canto ao desplazamento da coordinación da Vía Campesina de Asia a África, o coordinador xeral da Vía Campesina e presidente do Sindicato de Labregos e Labregas de Indonesia (Serikat Petani Indonesia-SPI), Henry Saragih, declarou: “Este ano, pasaremos o relevo a África, xa que é un continente importante. As transnacionais puxeron os seus ollos nel, están acaparando as terras e queren impoñer un modelo de revolución verde con transxénicos. En Asia, xa comprobamos que a revolución verde fracasou. Expresamos a nosa solidariedade e unidade cos movementos labregos africanos para deter esta recolonización e escoller o modelo de desenvolvemento que beneficie ao pobo africano e aos seus labregos e labregas”.

A organización que albergará a Secretaría Operativa Internacional da Vía Campesina será o Foro de Pequen@s Labreg@s Ecolóxic@s de Zimbabue (ZIMSOFF). Esta organización zimbabuense está formada por 19.000 familias e o seu obxectivo é mellorar os medios de subsistencia das pequenas explotacións e promover a agricultura labrega e ecolóxica. A directora do ZIMSOFF, Elizabeth Mpofu, adiantou algúns dos eixes de traballo que, dende África, se coordinarán para a Vía Campesina: “Nos vindeiros anos seguiremos intensificando os debates e renovando o noso compromiso para da resposta ás cuestións clave que se decidiron na última Conferencia Internacional de Maputo”. Neste senso, Mpofu sinalou que se ía reforzar a campaña Basta de Violencia contra as Mulleres, reforzar o papel da mocidade dentro da Vía Campesina e promover unha axenda positiva para a Campaña Mundial de Sementes. A Declaración de Maputo tamén recolle temas fundamentais como a construción do Movemento pola Soberanía Alimentaria Mundial ou a Declaración dos Dereitos Labregos pola ONU.

Mpofu e Saragih Quizais, o documento que mellor resuma esta semana de intensos debates e toma de decisións sexa o Chamamento da VI Conferencia Internacional da Via Campesina, que vimos de traducir ao galego:

"Nós, a Vía Campesina, vimos estender o noso chamamento urxente a tecer fío a fío a unidade a nivel global entre organizacións do campo e a cidade para participar activa, propositiva e decididamente na construción dunha nova sociedade, baseada na soberanía alimentaria, a xustiza e a igualdade. Atopámonos aquí convocados polo espírito dos nosos amigos e amigas, líderes e lideresas, e todos aqueles e aquelas cuxa afouteza e compromiso coas nosas loitas nos inspiran. A Vía Campesina, un movemento internacional labrego que reúne a máis de 200 millóns de labregos e labregas, pobos indíxenas, pescadores e pescadoras, recolectores e recolectoras, traballadores e traballadoras do agro, e coa creatividade das mulleres e o entusiasmo da nosa mocidade, vimos de 183 organizacións e 88 países. Estamos en Asia, fogar do meirande dos labregos e labregas do mundo, para festexar os nosos primeiros vinte anos de loita.

Comezamos o noso camiño en Mons (Bélxica) no ano 1993 e articulamos a nosa visión radical da Soberanía Alimentaria en 1996 en Tlaxcala (México), acadando unha nova posición para o campesiñado, homes e mulleres como actores e actrices sociais centrais nos procesos de resistencia á axenda do comercio neoliberal e na construción de alternativas. Os pobos da terra somos actores indispensables na construción, non só dun modelo de agricultura distinto, senón dun mundo xusto, diverso, igualitario. Somos nós quen alimentamos á humanidade e coidamos da natureza. As xeracións futuras dependen de nós para o coidado da terra.

Hoxe máis ca nunca, outro mundo é urxente e necesario. A destrución do noso mundo a través da sobreexplotación e desposesión dos pobos e a apropiación dos bens naturais está producindo a actual crise climática e fondas desigualdades que ameazan á humanidade no seu conxunto e á vida mesma. A Vía Campesina di un non rotundo a esta destrución impulsada polas corporacións.

Nós estamos construíndo novas relacións entre os seres humanos e coa natureza sobre a base da solidariedade, a cooperación e a complementariedade. O corazón da nosa loita está na formulación dunha ética para a vida que atravesa todas as nosas accións e buscas. A Vía Campesina comprometeuse a dar visibilidade a todas as loitas locais ao redor do mundo, asegurando que sexan entendidas dende unha perspectiva internacional e contribúe a involucralas nun grande movemento global pola soberanía alimentaria, o cambio social e a autodeterminación dos pobos do mundo.

Chamamos a todas as nosas organizacións, aos nosos aliados, amigos e amigas, irmáns e irmás en loita, e a todas aquelas persoas comprometidas cun futuro mellor, a continuar camiñando xuntos e xuntas e a rexeitar a axenda da “Economía Verde” e a continuar construíndo a Soberanía Alimentaria.

As nosas loitas: Soberanía Alimentaria xa – Transformando o mundo

A Soberanía Alimentaria é o eixe central da loita por un proxecto de xustiza social que hoxe convoca a amplos sectores do campo e da cidade. A Soberanía Alimentaria é o dereito fundamental de todos os pobos, nacións e estados a controlar os seus alimentos e os seus sistemas alimentarios e a decidir as súas políticas asegurando a cada un alimentos de calidade, axeitados, accesibles, nutritivos e culturalmente apropiados. Isto inclúe o dereito dos pobos para definir as súas formas de produción, uso e intercambio, tanto a nivel local como internacional.

Durante as últimas décadas a nosa visión da Soberanía Alimentaria inspirou a unha xeración de activistas comprometidos e comprometidas coa mudanza social. A nosa visión do mundo implica unha revolución agrícola que significa fondas transformacións agrarias, socioeconómicas e políticas. A Soberanía Alimentaria salientou a importancia crucial da produción local e sostible, o respecto polos dereitos humanos, prezos xustos para os alimentos e a agricultura, comercio xusto entre países e a salvagarda dos nosos bens comúns contra a privatización.
Hoxe estamos fronte á maior crise da nosa historia e a mesma é unha crise sistémica. As crises alimentaria, laboral, económica, climática, ecolóxica, ética, social, política e institucional están levando ao colapso en moitas partes do mundo. Asemade, a crise enerxética agudízase día a día fronte ao esgotamento dos combustibles fósiles e enfróntase con falsas solucións que van dende os agrocarburantes á enerxía nuclear, a cal demostrou ser unha das peores ameazas para a vida sobre a terra.

Rexeitamos o capitalismo, que neste intre se caracteriza por un agresivo fluxo de capital financeiro e especulativo cara a agricultura industrial, a terra e a natureza. Isto xerou un inmenso acaparamento de terras, a expulsión de labregos e labregas da súa terra, a destrución de pobos, comunidades, culturas e os seus ecosistemas, provocando migracións e desemprego masivos. Isto xera masas de emigrantes económicos e refuxiados climáticos e persoas desempregadas, incrementando as inequidades existentes.

As transnacionais, en complicidade cos gobernos e as institucións internacionais, están impoñendo baixo o pretexto da Economía Verde, monocultivos transxénicos, a megaminaría, as grandes plantacións forestais, a imposición de plantacións de agrocarburantes, a construción de grandes encoros, o fracking e os oleoductos ou a privatización dos nosos mares, ríos, lagos e os nosos bosques. A Soberanía Alimentaria arrebata o control sobre os nosos bens comúns devolvéndoos a mans das comunidades.
A Agroecoloxía é a nosa opción para o presente e para o futuro

A produción de alimentos baseada na agricultura labrega, o pastoreo e a pesca artesanal segue a ser a principal fonte de alimentos no mundo. A agricultura labrega de base agroecolóxica constitúe un sistema social e ecolóxico que está conformado por unha grande diversidade de técnicas e tecnoloxías adaptadas a cada cultura e xeografía. A agroecoloxía elimina a dependencia dos agrotóxicos; rexeita a produción animal industrializada; utiliza enerxías renovables; permite garantir alimentación san e abundante; baséase nos coñecementos tradicionais e restaura a saúde e integridade da terra. A produción de alimentos no futuro estará baseada nun crecente número de persoas producindo alimentos en forma diversa e resiliente.

A agroecoloxía protexe a biodiversidade e arrefría o planeta. O noso modelo agrícola non só pode alimentar a toda a humanidade, senón que tamén é o camiño para deter o avance da crise climática arrefriando o planeta a través da produción local en harmonía cos nosos bosques, alimentando a biodiversidade e a reincorporación da materia orgánica aos seus ciclos naturais.
Xustiza social e climática e solidariedade
A medida que avanzamos e construímos a partir da nosa diversidade cultural e xeográfica, o noso movemento pola Soberanía Alimentaria vese reforzado integrando a xustiza e a igualdade social. Practicando a solidariedade por riba da competencia, rexeitamos o patriarcado, o racismo, o imperialismo e loitamos por sociedades democráticas e participativas, libres da explotación das mulleres, os nenos e as nenas, os homes ou a natureza.
Demandamos xustiza climática xa. Os que máis sofren este caos climático e ecolóxico non son os que o provocaron. As falsas solucións da economía verde para continuar o crecemento capitalista están a empeorar a situación. Créase unha débeda ecolóxica e climática que debe ser corrixida. Por esta razón demandamos a inmediata detención dos mecanismos de mercado de carbono, xeoenxeñería, REDD e os agrocarburantes.

Ratificamos a necesidade e o noso compromiso de loitar en forma permanente contra as corporacións transnacionais, actuando entre outras formas, boicoteando os seus produtos e rexeitando cooperar coas súas prácticas de explotación. Os tratados de libre comercio e os acordos de investimento crearon condicións de extrema vulnerabilidade e inxustizas para millóns. A implementación destes tratados trae como resultado a violencia, a militarización e a criminalización da resistencia. Outra consecuencia tráxica destes é a creación dunha grande masa de emigrantes mal pagados e mal pagadas, con traballos inseguros e insalubres e con violacións dos seus dereitos humanos e discriminación. A Vía Campesiña logrou colocar os dereitos dos labregos e das labregas na axenda do Consello dos Dereitos Humanos da ONU e chamamos Aos gobernos a poñelos en práctica. A nosa loita polos dereitos humanos está no corazón da solidariedade internacional e inclúe os dereitos e protección social dos agricultores e agricultoras, emigrantes e traballadores e traballadoras da alimentación.
As loitas polo dereito á terra, á alimentación, ao traballo digno, contra a destrución da natureza, son criminalizadas. Son centos os compañeiros e compañeiras que foron asasinados e asasinadas nos últimos anos e outros moitos ven ameazadas as súas vidas ou son perseguidos e encarcerados, frecuentemente co apoio ou a complicidade das autoridades públicas. 
Un mundo sen violencia e discriminación contra as mulleres
A nosa loita é para construír unha sociedade baseada na xustiza, na igualdade e na paz. Esiximos o respecto de todos os dereitos das mulleres. Rexeitando o sistema capitalista, patriarcal, a xenofobia, a homofobia e a discriminación baseada en cuestións raciais, étnicas, reafirmamos o noso compromiso en lograr unha igualdade total entre homes e mulleres e os seus dereitos. Isto require a fin de toda forma de violencia contra as mulleres: doméstica, social e institucional, tanto nas zonas rurais como nas zonas urbanas. A nosa Campaña contra a Violencia cara ás Mulleres está no corazón das nosas loitas.
Paz e desmilitarización
Vivimos un incremento de conflitos e guerras para a apropiación, proliferación de bases militares e criminalización da resistencia. A violencia é intrínseca a este sistema capitalista mortal baseado na dominación, a explotación e a pillaxe. Nós estamos comprometidos e comprometidas co respecto, a dignidade e a paz.
Dóenos e hónrannos os centos de campesiñas e campesiños que foron ameazados e ameazadas, perseguidos e perseguidas, encarcerados e encarceradas, asasinados e asasinadas polas súas loitas. Continuaremos esixindo rendición de contas e castigo para quen violan os dereitos humanos e os dereitos da natureza. Demandamos tamén a liberación inmediata de todos os presos políticos e presas políticas.

Terra e territorios
Defendemos unha Reforma Agraria Integral que ofreza plenos dereitos sobre a terra, recoñeza os dereitos legais dos pobos indíxenas aos seus territorios, garanta ás comunidades pesqueiras o acceso e o control das zonas e ecosistemas de pesca e recoñeza o acceso e o control das terras e as rutas de migración de pastoreo. Este é o único xeito de asegurar un futuro para os mozos e mozas do campo.
A Reforma Agraria Integral, vista como unha distribución masiva de terras xunto con apoio e recursos para a produción e o sustento, debe garantir o acceso permanente á mocidade, ás mulleres, ás persoas desempregadas, as sen terra, para complementar as pequenas leiras, as persoas desprazadas e todos aqueles e todas aquelas que estean dispostos e dispostas a participar na produción a pequena escala de alimentos agroecolóxicos. A terra non é unha mercadoría. Deben reforzarse as leis existentes e crear novas para protexernos da especulación e un marco xurídico que impida a especulación con elas e o seu acaparamento. Continuaremos a nosa loita en defensa das terras e os territorios.

Sementes, bens comúns e auga
As sementes, o corazón da Soberanía Alimentaria, enaltecémolas co principio Sementes Patrimonio dos Pobos ao servizo da Humanidade reafirmado hoxe por centos de organizacións en todo o mundo. O noso desafío pasa hoxe por seguir mantendo as nosas sementes vivas en mans das nosas comunidades, por multiplicalas no marco dos nosos sistemas labregos. Continuaremos a loita contra a súa apropiación a través de diversas formas de propiedade intelectual e a súa destrución pola súa manipulación xenética e outras novas tecnoloxías. Opoñémonos aos paquetes tecnolóxicos que combinan transxénicos co uso masivo de pesticidas.,
Seguimos hoxe enfrontando a leis de sementes que da man dos intereses das corporacións son privatizadas e mercantilizadas. Seguimos enfrontando os transxénicos e loitando por un mundo libre de transxénicos.
Os ciclos da vida flúen a través da auga e ela é unha parte esencial dos ecosistemas e a vida. A auga é un ben común e como tal debe ser protexido.

Construíndo dende as nosas fortalezas
A nosa gran fortaleza é crear e manter unidade na diversidade. Nós temos unha visión do mundo inclusiva, ampla, práctica, radical e esperanzada como convite a unirnos na transformación da nosa sociedade e a protección da Nai Terra.
As mobilizacións populares, a confrontación cos poderosos, a resistencia activa, o internacionalismo, o compromiso cos movementos de base locais son esenciais para lograr cambios sociais efectivos.
Na nosa heroica loita pola Soberanía Alimentaria continuaremos construíndo alianzas esenciais cos movementos sociais tales como os traballadores e as traballadoras, as organizacións urbanas e das periferias, con emigrantes,  con quen loitan contra a megaminaría e os megaencoros, entre outras.
As nosas principais ferramentas son a formación, a educación e a comunicación. Estamos a fomentar o intercambio de coñecementos acumulados ata o presente con metodoloxías e contidos de formación cultural, política e ideolóxica e técnica; multiplicando as nosas escolas e experiencias de educación das nosas bases e desenvolvendo as nosas ferramentas de comunicación dende as nosas bases.
Comprometémonos a crear espazos especiais para potenciar os nosos mozos e as nosas mozas. A nosa maior esperanza cara ao futuro é a paixón, enerxía e compromiso articuladas na mocidade do noso movemento.
Ímonos desta VI Conferencia Internacional da Vía Campesiña dando a benvida ás novas organizacións que se integraron, seguros e seguras das nosas fortalezas e cheos e cheas de esperanzas co futuro.
Pola terra e a soberanía dos nosos pobos! Con solidariedade e loita!"

Xente