A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. A secretaria xeral do SLG denuncia ante Cañete os agravios que discriminan a Galiza nas axudas da nova PAC

A secretaria xeral do SLG denuncia ante Cañete os agravios que discriminan a Galiza nas axudas da nova PAC

16 de Xaneiro do 2014

Isabel Vilalba con Cañete

O 15 de xaneiro, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, mantivo unha xuntanza co ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, na subdelegación do Goberno en Ourense. Ao encontro tamén asistiron representantes das demais organizacións agrarias galegas, así como a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.

Boa parte da intervención de Isabel Vilalba centrouse en defender que a nova Política Agraria Común (PAC) se deseñe para manter e xerar emprego e riqueza no medio rural. Neste senso, chamouse a atención sobre o criterio de reparto das axudas en base ao número de hectáreas que teña cada explotación, o cal discrimina a Galiza, xa que no noso país predominan as pequenas superficies. Unha das consecuencias de todo isto é que a contía en axudas por activo máis pequena de todo o Estado é a dos labregos e labregas da Galiza. A pesares desta inxustiza, Cañete amosouse partidario de conservar o status quo actual no que o 20% dos perceptores levan o meirande dos fondos comunitarios para axudas e grandes fortunas como a duquesa de Alba, a familia Domeq ou Mario Conde seguen a estar entre os máximos beneficiarios.

En relación co anterior, insistiuse na necesidade de que se defina que é un activo agrario para que as axudas vaian, exclusivamente, a explotacións que se dediquen a actividades agrogandeiras e non a grandes propietarios que, de cotío, non desenvolven traballos relacionados coa agricultura ou coa produción de alimentos. Outra das propostas que Isabel Vilalba defendeu ante o ministro foi a posibilidade de que as axudas sexan progresivas, dirixidas a apoiar máis ás pequenas explotacións que, na situación actual, fican discriminadas.

En canto aos sectores produtivos galegos:

  • Leite: Vilalba chamou a atención sobre o impacto que terá a fin do sistema de cotas no sector lácteo no ano 2015; para daquela, insistiu a secretaria xeral do SLG, deberíamos ter artelladas outras medidas reguladoras do mercado alternativas que garantan un nivel de prezos dignos, xa que máis do 80% dos ingresos das explotacións depende do prezo a que cotiza o leite.

  • Carne de vacún: Caso distinto é o das explotacións de vacún de carne, a miúdo situadas en zonas desfavorecidas de montaña, onde son un factor fundamental de vertebración do territorio. Estas explotacións enfróntanse a un recorte da metade dos orzamentos destinados a axudas por vaca nutriz, un tipo de prima indispensable para as súas economías. Neste senso, Isabel Vilalba expresou a súa preocupación ao ministro polo futuro deste sector e das comarcas que dependen del.

  • Horta e viño: Outro dos sectores sobre o que incidiu Isabel Vilalba foi o hortícola, que está cobrando cada vez máis importancia no noso país habida conta de que é o maioritariamente elixido pola xente moza que se incorpora á actividade agraria, sendo unha saída laboral con futuro nestes tempos de crise e cun grande peso económico en moitas bisbarras galegas. A pesares da súa importancia, a nova PAC non recolle ningún tipo de apoio ao sector hortícola. Algo semellante acontece con sector do viño, onde se fala de quitar as axudas ou manterllas só a aqueles viñedos que as cobraron no pasado como primas á destilación de alcol de uso de boca; en calquera dos dous casos, os viñedos galegos tampouco cobrarían nin un céntimo da PAC.

Isabel Vilalba con Cañete