A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG apoia as mobilizacións en Bruxelas para defender o dereito a cultivar e intercambiar as nosas propias sementes

O SLG apoia as mobilizacións en Bruxelas para defender o dereito a cultivar e intercambiar as nosas propias sementes

20 de Xaneiro do 2014

Sementes

O Parlamento Europeo está a piques de votar un paquete lexislativo sobre a comercialización de sementes e a saúde das plantas e animais. Trátase dunha serie de normas nas que a cidadanía europea se xoga o control sobre a produción de alimentos. Moitas industrias e transnacionais vén nesta nova lexislación unha oportunidade para facer negocio e lucrarse, polo que están a exercer unha grande presión a través de lobbies sobre os parlamentarios, parlamentarias e partidos políticos que tomarán esta decisión por nós.

Dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que o Sindicato Labrego Galego forma parte, reivindicamos o recoñecemento do dereito dos labregos e labregas a producir e intercambiar as súas propias sementes. Pola contra, a nova lexislación restrinxe moito a comercialización e intercambio das variedades non rexistradas de sementes (denominadas “heteroxéneas” na nova norma) como as que se veñen utilizando tradicionalmente dende tempo inmemorial nas nosas bisbarras. A pretensión da industria é poñer tódolos atrancos posibles ás sementes non rexistradas e impoñer as variedades patentadas para facer negocio; o problema é que, de facerse isto, as variedades patentadas acabarían impoñéndose ao cabo do tempo, o cal provocaría unha perda irreversible no noso patrimonio agrícola e alimentario.

Outro dos perigos do novo regulamento é a privatización do control público do mercado das sementes, que se pretende substituír por estruturas privadas pertencentes ás empresas do sector; ou o establecemento de normas de produción e comercialización inaccesibles para os labregos e labregas ou para a produción ecolóxica de sementes.

Tamén perigarían experiencias como a da Rede Galega de Sementes, un movemento xurdido hai varios anos na Galiza que traballa na busca e recuperación das variedades tradicionais e que promove o intercambio desinteresado das mesmas entre as persoas que queiran utilizalas, así como actividades formativas nas que se ensina a reproducilas e conservalas. Nunha entrevista realizada no periódico Fouce a Belén Fervenza, da Rede Galega de Sementes, esta declaraba que “a nova lexislación facilita que as empresas do sector poidan entrar tamén aí, pois nós para elas somos un nicho de mercado sen explotar. Seguimos sen ter a seguridade de que as sementes labregas non vaian rematar en mans das empresas privadas, polo que imos seguir loitando. Ao final é o de sempre, os distintos gobernos, sexa na UE ou aquí, fan políticas para favorecer que as empresas se fagan con control da alimentación. Contra iso, a nosa idea é de resistencia e de xerar cultura sobre as sementes, de facer saber á xente que cando intercambia e traballa con sementes labregas está a facer un acto de desobediencia civil”.

Diante de todo isto, a Coordinadora Europea da Vía Campesina está a desenvolver unha campaña de mobilizacións, dentro da cal se encadra a manifestación de hoxe, luns 20 de xaneiro, diante da sede do Parlamento Europeo, na praza de Luxemburgo (Bruxelas), ás 13:00 horas.

Pancarta Zimbawe

Pancarta da Vía Campesina nun seminario sobre sementes celebrado en Zimbawe en novembro do ano pasado. O slogan reza: "Defendendo as sementes labregas pòla vida e o futuro da humanidade"