A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. A aplicación da PAC ameaza sectores estratéxicos galegos como a horta, o viño ou a carne de vacún

A aplicación da PAC ameaza sectores estratéxicos galegos como a horta, o viño ou a carne de vacún

22 de Xaneiro do 2014

Estafa PAC

Tralas xuntanzas do Ministerio de Agricultura co Comité Asesor Agrario onte, 20 de xaneiro, e coas comunidades autónomas hoxe, 21 de xaneiro, o departamento que dirixe Miguel Arias Cañete fará ouvidos xordos ás propostas de COAG e Sindicato Labrego Galego e consumará unha Política Agraria Común (PAC) para o Estado Español que fará unha foto fixa da dilapidación millonaria de fondos comunitarios que se perpetrou en anos pasados e que de pouco serviu para apoiar as actividades agrogandeiras e ás explotacións profesionais.

O Sindicato Labrego Galego defendeu medidas destinadas a que os cartos da Política Agraria Común vaian realmente a apoiar ás pequenas e medianas explotacións que manteñen con vida o medio rural e xeran emprego agrario. Propostas como definir quen é agricultor activo / agricultora activa para que as axudas vaian realmente a profesionais da agricultura, ou facer un reparto progresivo no que o groso das subvencións vaia parar ás explotacións e á produción de alimentos, caeron en saco roto. A decisión final do Ministerio foi considerar agricultor activo a aquela persoa ou empresa que teña, polo menos, o 20% dos seus ingresos provenientes da actividade agraria, unha porcentaxe a todas luces insuficiente.

Con estes vimbios, o Ministerio de Agricultura manterá un reparto de fondos semellante ao do ano 2011, no que case 900.000 persoas e empresas cobraron axudas da PAC, cando o número cotizantes á Seguridade Social Agraria no Estado andaba ao redor das 300.000. É dicir, dous terzos dos perceptores das axudas seguirán sen ter relación coa actividade agraria. Ademais, seguirase mantendo a fonda desigualdade que supón que só o 16% das persoas ou empresas beneficiarias quedasen en 2011 co 75% dos máis de 5.000 millóns de euros que se repartiron. Isto é doado de explicar vendo as sumas que ingresaron por axudas algunhas empresas e familias terratenentes, segundo denunciou o informe “Unha PAC para o 1%”, publicado por Veterinarios sen Fronteiras (pódese descargar completo a través da icona que hai ao final desta páxina). Por citar algúns exemplos:

  • Empresas:

    • Zumavesa (Zumos Valencianos del Mediterráneo): Case 17 millóns de euros en 2010-2011

    • Ebro Foods (Ibex 35, máis de 150 millóns de euros de beneficio neto en 2011): máis de 7 millóns en axudas entre 2010-2011.

    • Pastas Gallo (máis de 200 millóns de facturación): 14,7 millóns en 2010-2011

    • Grupo Siro (galletas, 490 millóns de facturación): 7,1 millóns en 2011.

    • Nutrexpa (Cola Cao, Nocilla, La Piara, Granja San Francisco...): 5,5 millóns en 2011.

    • Galletas Gullón (1º produtor estatal de galletas): 3,7 millóns en 2011.

    • García Carrión (zumes e viños, con actividade en 130 países, 1ª adega de Europa e 5ª do mundo): 10,3 millóns en 2010-2011.

    • A lista é demasiado longa: Vega Sicilia (3,5 millóns), Adegas Torres (1,25 millóns), Domecq e Osborne (case 1 millón), Unilever (3,2 millóns), Nestlé (2,7 millóns), Campofrío (2,5 millóns); ou Gallina Blanca, El Pozo, Pascual, Argal, Puleva, Forlasa (ao redor de 1 millón cada unha).

  • Terratenentes

    • Casa de Alba: máis de 2 millóns en 2011.

    • Familia Mora-Figueroa Domecq: máis de 8 millóns de euros entre 2010 e 2011.

    • Familia Osuna García: 1 millón en 2011.

Como colofón, o exemplo da esposa do propio ministro de Agricultura, Micaela Domecq, que ingresou 400.000 euros de axudas da PAC entre 2010 e 2011.

Resulta difícil xustificar que tantos miles de millóns das arcas públicas comunitarias, provenientes dos impostos de todos e de todas e que se supón que deberían destinarse a apoiar a agricultura e o desenvolvemento rural, se utilicen no meirande para engrosar as millonarias contas bancarias dalgunhas familias e empresas. É inxustificable que fiquen fóra da percepción de axudas sectores estratéxicos para Galiza e o Estado que abranguen un millón de hectáreas de terras produtivas, como o da horta, a froita ou o vitícola. É inxustificable que se reduza á metade o orzamento para as primas por vacas nutrices, indispensable para a supervivencia das explotacións de vacún de carne en zonas desfavorecidas de montaña nas que non existen outros medios de vida. Tamén é inxustificable que cun paro xuvenil superior ao 50% e cada vez máis xente nova optando polo agro para ter un posto de traballo -as solicitudes de incorporación aumentaron un 79% no último ano- que o 40,57% das axudas da PAC vaian parar a persoas maiores de 65 anos, e que os mozos e mozas que comezan unha vida laboral na agricultura ou na gandería queden excluídos e excluídas das axudas da PAC.

Outra das eivas do acordo entre o Ministerio e as comunidades autónomas é que a achega estatal aos fondos de desenvolvemento rural redúcese do 50% ao 30%, quedando o resto en mans das autonomías, algo moi perigoso nesta época de drásticos recortes que pode pór en perigo os fondos de Bruxelas se as comunidades non cumpren coa súa parte. Cómpre lembrar que só en 2012, o Estado Español perdeu 70 millóns de euros comunitarios neste concepto correspondentes a 2010 por deixar pasar máis de 2 anos sen utilizalos; nestes intres, o Ministerio de Agricultura xa recibiu varias advertencias de Bruxelas por facer o mesmo con 165 millóns de euros do Feader, dos cales a Galiza lle corresponden máis de 29. Todos estes fondos que corren perigo de perderse pola falla de compromiso do Ministerio son vitais para a incorporación de xente nova, modernización das explotacións, medidas agroambientais ou apoio a zonas desfavorecidas.

Con todos estes datos a man, resulta tamén inxustificable o triunfalismo da Consellaría de Medio Rural, servil cos mandados de Arias Cañete en detrimento dos intereses de Galiza, e falaz ao afirmar que a aplicación da PAC no Estado recolle “en esencia todo o que en Galicia se tiña consensuado coas organizacións agrarias”1. Medio Rural mente, pois obvia propostas básicas e irrenunciables do SLG e outras organizacións agrarias como definir a figura do agricultor activo como profesional da agricultura e poñela de requisito para poder acceder ás axudas da PAC, ou facer que estas subvencións sexan de carácter progresivo para primar ás explotacións agrogandeiras fronte á especulación.

Estafa PAC

Ficheiro adxunto