A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O Concello de Cospeito duplícalle o IBI a máis de 700 persoas propietarias de fincas da parcelaria de Goá

O Concello de Cospeito duplícalle o IBI a máis de 700 persoas propietarias de fincas da parcelaria de Goá

19 de Outubro do 2015

Concello de Cospeito

O Sindicato Labrego Galego da Terra Chá vén de constatar a duplicidade no cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás fincas da parroquia de Goá (Cospeito) que participaron dun proceso de concentración parcelaria finalizado en 2013, ano en que se escrituraron as parcelas. O caso é que o Concello de Cospeito, responsable desta taxa que cobra a través dos servizos recadatorios da Deputación de Lugo, vén de impoñerlle ás persoas propietarias das fincas, que son máis de 700, o IBI das novas parcelas concentradas e o das antigas fincas antes do proceso de concentración.

Este feito agrávase porque moitas das persoas propietarias, ao duplicárselle o imposto, superan a contía estipulada para ter dereito á exención da taxa, de maneira que poderían perder esa gratificación. Isto acontece xusto nun concello que ten un tipo impositivo do IBI dos máis altos da bisbarra (o 0'74%, cando a lei permite cobrar entre o 0'3 e o 0'9%) e coincidindo cun proceso de revisións catastrais que disparou o que se lle está a cobrar ás familias de Cospeito neste concepto ao incrementarse o valor catastral dos seus bens e multiplicarse o número destes susceptibles de aplicárselle o imposto.

Dende o Sindicato Labrego Galego estamos agardando dende xullo unha xuntanza con persoal municipal para tratar a problemática do xa coñecido como “catastrazo”, polo que agora elevamos unha nova petición para falarmos desta nova chapuza vén engadirse aos serios problemas económicos de moitas familias gandeiras que o están a pasar francamente mal debido á situación crítica pola que atravesan sectores como o lácteo ou o vacún de carne pola caída dos prezos. Ademais, mentres non se solucione este problema, esiximos que o Concello de Cospeito se poña en contacto coa Deputación de Lugo para que paralice o cobro dos impostos duplicados até que non se emitan os novos recibos corrixidos. Mentres agardamos a reacción do Concello, dende o Sindicato Labrego Galego ofrecemos asesoramento ás persoas afectadas, tanto por esta duplicación de impostos como polas revisións catastrais, nas nosas oficinas da rúa do Cuartel nº 1, en Vilalba.