A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Comeza en Vilar de Barrio “Aldeas Revoltas”, un encontro para dinamizar a mocidade labrega en busca de alternativas

Comeza en Vilar de Barrio “Aldeas Revoltas”, un encontro para dinamizar a mocidade labrega en busca de alternativas

24 de Septembro do 2016

Planeta aldea

O Sindicato Labrego Galego, tras manter varias xuntanzas con mozos e mozas durante o último ano en cidades e vilas como Lugo, Betanzos, Vilar de Santos ou Compostela; vai celebrar este sábado, 24 de setembro, un encontro de mocidade a nivel galego no albergue d'As Corcerizas, en Vilar de Barrio (Ourense), baixo o título “Aldeas revoltas: Encontro coa mocidade labrega”

En palabras dun dos organizadores, o mozo gandeiro Alberte Lamazares, “tras manter varias xuntanzas con xente nova que se dedica á agricultura por toda Galiza, temos un coñecemento bastante completo das súas inquedanzas e problemáticas particulares. Dende o SLG, percibimos que a mocidade labrega que cre nun modelo agrario alternativo ao imperante carece de foros ou estruturas organizativas a través dos cales poder expresarse e defender os seus posicionamentos e ideas. Con este encontro d'As Corcerizas pretendemos crear ese espazo onde conflúan os mozos e as mozas que participaron en anteriores encontros, amais doutra xente que non o fixo, xa que se trata dun evento aberto”.

Unha das actividades máis importantes do encontro será o intercambio de experiencias entre as persoas participantes, xa que para quen vivimos no medio rural non é doado coñecer outra xente con inquietudes semellantes coas que compartir profesión, azos, pensamentos e soños. E nese coñecer experiencias doutras persoas, haberá unha actividade destacada: a visita á granxa de Samuel Formoso, na parroquia de Bóveda, tamén en Vilar de Barrio.

Xa pola tarde, desenvolverase unha xeira de traballo en grupos baixo o título “A revolta será colectiva ou non será”. Nesta revolta de diálogo e ideas buscaranse vías para articular xeitos de organización colectiva dunha mocidade labrega rebelde que soña cunha Galiza rural na que conceptos como a agroecoloxía, a solidariedade ou a soberanía alimentaria sexan algo normal e non unha rareza como acontece hoxe en día.

Encontros mocidade SLG