A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. As axudas pola seca da Xunta deixan os sectores agrogandeiros indefensos nunha situación catastrófica

As axudas pola seca da Xunta deixan os sectores agrogandeiros indefensos nunha situación catastrófica

16 de Outubro do 2017

Millo seco

O paquete de axudas para paliar os efectos da seca na agricultura que aprobou o último Consello da Xunta supón unha burla para o sector, habida conta que se trata de axudas que xa existían e que, a maiores, non van solucionar un problema como o da seca, asociado ao cambio climático, co que teremos que aprender a convivir no futuro.

Para o Sindicato Labrego Galego, dende o Goberno e a Xunta deberíanse tomar medidas que poidan axudar á xente a superar estas épocas adversas: por unha banda, axudas directas que contribúan a paliar os danos e perdas inmediatas provocadas pola seca, pero tamén por outras adversidades climatolóxicas como as xeadas ou a sarabia; e, por outra, medidas a longo prazo entre as que se debería incluír unha política de xestión e administración da auga cunha atención especial para a agricultura. En calquera caso, as axudas anunciadas pola Xunta -contratación de seguros agrarios, liquidez ás explotacións subvencionando xuros de préstamos, adianto do 70% da PAC e para infraestruturas de abastecemento de augas- son só parches que non suporán ningunha diferenza para o meirande das granxas e que non supoñen unha resposta planificada do problema.

MEDIDAS DIRECTAS

Entre as primeiras medidas, seguimos agardando que a Consellaría de Medio Rural sente a traballar con Enesa para adaptar os seguros agrarios á realidade das nosas producións agrogandeiras, de maneira que todas as granxas poidan acceder con facilidade a unhas pólizas que comezan a ser indispensables neste contexto de cambio climático; de pouco nos serve que subvencionen a contratación de seguros dende a Xunta, se eses seguros seguen sen adaptarse a Galiza e seguirán sen ser viables no futuro para moitas das nosas granxas.

Tamén seguimos agardando por indemnizacións para todas aquelas explotacións que foron arrasadas ao longo deste ano, especialmente na provincia de Ourense e en sectores como a castaña e o viño, pola sarabia e as xeadas serodias.

Nestes momentos, unha das partes máis prexudicadas son as explotacións nas que houbo incorporación de mozos e mozas nos últimos tempos, feito que, decotío, leva consigo incrementos de produción ou de dimensión das granxas. Moitas destas explotacións están nestes momentos vendo que non teñen forraxes para manter o gando e, ao mesmo tempo, teñen que cumprir coa obriga de aumentar o censo para cumprir cos compromisos dos expedientes de incorporación. Aprazar estes compromisos, por exemplo, sería unha medida que non custaría nada á Administración e que sería de grande axuda para moita xente nova que vén de incorporarse á actividade agraria.

O SECTOR DO VIÑO SEGUE DESAMPARADO E SEN AXUDAS ÚTILES

O sector vitícola da provincia de Ourense foi un dos grandes damnificados pola sarabia e as xeadas, e agora o está a ser tamén pola seca. Cando lle preguntamos sobre as axudas da Xunta a Bernardo Estévez, viticultor, adegueiro e responsábel do Viño no SLG, a súa resposta foi que “ningunha serve para nós”. E é que os viñedos son cultivos que, normalmente, non se regan, que non participan das axudas da PAC e nos que a discriminación á hora de contratar seguros é máis evidente. Nun sector como o vitícola, no que o meirande dos viticultores e das viticultoras teñen varios viñedos en diferentes situacións de risco climatolóxico, non é de recibo que se lles obrigue a subscribir seguros pola totalidade da explotación -o cal se fai inviable- e non por aquelas parcelas que realmente o precisan.

Agora mesmo, despois dos estragos das xeadas e a sarabia, a seca está a causar grandes prexuízos, sobre todo nas novas plantacións e nas cepas máis vulnerables, xa que o estrés hídrico está matando as plantas e causando grandes perdas económicas. Para Bernardo, as mellores axudas para o sector vitícola, ademais de ter uns seguros adaptados á realidade do país, deberían ir dirixidas a diminuír os gastos das explotacións, que se dispararon polas adversidades climatolóxicas (compra de novas plantas, abonado extra para reforzar as cepas que aínda sobreviven...) combinadas con outras axudas ao aforro como bonificacións ou condonación das cotas á Seguridade Social.

SECTOR HORTÍCOLA: O GRAN ESQUECIDO

Un dos sectores máis prexudicados e do que ninguén fala é o sector hortícola. A responsábel das producións de horta no SLG, Belén Fervenza, explica que boa parte do sector leva sen regar dende agosto. Neste caso, só se están a salvar as granxas que teñen pozos de barrena, non así as que teñen pozos artesáns. Nesta situación, hai unha demanda masiva para afondar pozos que as empresas que se dedican a isto non dan atendido. “A nós tardaron un mes e medio en atendernos para facer máis fondo o noso pozo artesán, e comezamos a regar de novo agora en outubro, cando levamos dende agosto sen facelo”. Os mananciais, pozas e regatos levan máis dun mes secos e, naqueles concellos onde hai restricións de auga, é imposible regar. Isto non só afecta á horta, senón que pode causar estragos nas explotacións gandeiras cando comecen a quedar os animais sen posibilidade de abeberar. En concellos como o de Redondela, onde cada familia ten a auga restrinxida a 200 litros diarios, a actividade gandeira comeza a ser un imposible.

Así, explica Belén Fervenza, “temos toda a horta de inverno sen plantar e a de verán terma a duras penas. E a xente que pode regar, faino para manter vivas as plantas. Sexa cal sexa o caso, está a haber perdas importantes na produción, xa que as plantas non se desenvolven completamente e, coa chegada do inverno, as baixas temperaturas impedirán que alcancen un tamaño e peso idóneos”. Fervenza tamén lembra que a seca terá “un forte impacto na horta de autoconsumo” e advirte que “estamos nun punto de inflexión. A actual situación é unha voz de alarma sobre o que nos pode pasar no futuro nun país, como Galiza, onde non existen políticas de xestión da auga: non hai campañas de aforro, nin unha planificación de cultivos en función das súas necesidades hídricas. Agora mesmo, todo o mundo está facendo pozos de barrena, o meirande sen permiso, e exercendo unha presión sobre a auga das capas freáticas sen ningún tipo de planificación. Esta falta de racionalización na xestión da auga dá orixe a situacións aberrantes, como que a cidade de Vigo estivese a regar rúas e xardíns ao tempo que a agricultura do sur de Pontevedra agonizaba pola seca”.

A FALTA DE POLÍTICAS AGRARIAS DA XUNTA TRADÚCESE NA AUSENCIA DE PLANIFICACIÓN PARA GARANTIR O ACCESO Á AUGA

O investimento de un millón de euros anunciado pola Xunta para construír estruturas de abastecemento de augas pode levar ao efecto contrario se non hai políticas de xestión e administración deste recurso finito que, por desgraza, na Galiza tamén comeza a ser escaso.

Respecto a outras axudas, como subvencionar os xuros de préstamos para ter liquidez nas granxas, dende o SLG cremos que pode resultar contraproducente que as familias labregas asuman novos endebedamentos. Sabemos que o endebedamento é un dos maiores lastres das nosas granxas e, aínda que sexan sen xuros, a liquidez de agora non deixará de traducirse nun aumento desa débeda e dos gastos de amortización mensuais para miles de explotacións.

Respecto a que se adiante o 70% da PAC, que son cartos cos que xa contaban algúns sectores, non afectará á súa conta de resultados e, en sectores dos máis damnificados como horta e viño, xa non teñen dereito a eles.

Dende o SLG, seguimos defendendo axudas directas como a condonación das cotas á Seguridade Social, subvencións para a adquisición de forraxes ou indemnizacións para paliar os danos provocados por fenómenos meteorolóxicos adversos. Outras, como apoiar a construción de infraestruturas para o abastecemento de augas ou os seguros agrarios, non serán positivas senón van acompañadas dunha planificación da xestión dun recurso finito e escaso como a auga, e unha renegociación para que as pólizas se adapten á realidade das nosas producións.

En resume, a Xunta e a Consellaría de Medio Rural seguen a responder ás crises que afectan os nosos sectores agrogandeiros da mesma maneira que fan sempre: sen políticas, sen planificación e sen accións útiles que resolvan os problemas.