A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG denuncia ante Medio Rural os abusos de Facenda nas axudas de incorporación e na transmisión de granxas

O SLG denuncia ante Medio Rural os abusos de Facenda nas axudas de incorporación e na transmisión de granxas

12 de Xaneiro do 2018

Xuntanza SLG Belén Do Campo

O Sindicato Labrego Galego mantivo, o 11 de xaneiro, un encontro de traballo coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo, no que se denunciaron as prácticas abusivas da Axencia Tributaria ao gravar as axudas de incorporación de xente moza á actividade agraria ou o traspaso de granxas entre familiares. Por parte da organización agraria asistiron ao encontro Conchi Docampo e María Ferreiro, ambas integrantes da Executiva do SLG.

Esta xuntanza prodúcese despois de que, o pasado 11 de novembro, o Sindicato Labrego realizase unha concentración de protesta diante da sede da Consellaría de Medio Rural e solicitase formalmente unha reunión para tratar esta problemática.

Concentración SLGImaxe de arquivo con detalle da concentración do 11 de novembro de 2017 diante da Consellaría de Medio Rural

 

Como xa ten denunciado o SLG noutros encontros co director da Área de Agricultura da Delegación do Goberno en Galiza, José Álvarez Robledo, ou coa delegada especial de Facenda, Imelda Capote, a Axencia Tributaria está a cobrar fortes impostos en casos nos que non debería sequera aplicalos.

Por exemplo, cando se traspasa unha granxa aos fillos ou fillas, a Axencia Tributaria considera que os dereitos de pagamento básico da Política Agraria Común (PAC) que van aparellados á explotación son unha ganancia patrimonial, como se fose unha operación de compravenda, polo que lle aplican unha taxa impositiva superior ao 15% sobre o suposto valor deses dereitos. Rizando o rizo, isto tamén acontece entre cónxuxes en réxime de gananciais cando un deles se dá de alta como titular dunha granxa da que, en teoría, xa tiña o 50% da propiedade.

Outro problema que denunciamos ante Belén do Campo foi o da excesiva fiscalidade que a Axencia Tributaria imputa ás primas de incorporación -os impostos poden chegar a un terzo do importe da axuda- e a enorme carga burocrática que supoñen. Coñecemos casos concretos de mozos e mozas a quen se lles concedeu unha prima de incorporación de 22.000 € que, ao ser considerada ganancia patrimonial, tivo que tributar entre 5.000 e 6.000 €. A isto, engádese o agravante de que Facenda cóbrache eses impostos no ano da concesión, cando o ingreso efectivo da prima é no seguinte ano.

O problema vaise agravar porque a contía das axudas aumentou nos últimos anos

Unha das cuestións sobre a que incidiron as representantes do SLG no seu encontro con Belén do Campo, é que esta fiscalización excesiva estase aplicando a axudas concedidas no ano 2015. En anos posteriores, o importe das axudas de incorporación incrementouse considerablemente, polo que os cartos a pagar polas subvencións concedidas a partir de 2016 poden dispararse e ocasionar problemas de liquidez insalvables para os mozos e mozas que as recibiron.

Por parte da Consellaría de Medio Rural, comunicáronnos que xa lle transmitiron esta problemática á Axencia Tributaria, Ministerio de Agricultura e Delegación do Goberno; pero, dende o SLG, insistimos que é necesario dar un paso máis á hora de implicarse e incluír esta problemática na axenda de traballo coas institucións centrais para tratar de resolvelo de maneira inmediata. Hai que ter en conta que, agora mesmo, é necesario buscar solucións concretas e urxentes para ducias de mozos e mozas están a facer fronte a estes impostos abusivos, agravados por multas e sancións, e mesmo con casos que xa levaron a Facenda diante dos tribunais; ao tempo que teñen que responder ás obrigas dos investimentos realizados nas súas granxas.

"Agora mesmo, é necesario buscar solucións concretas e urxentes para ducias de mozos e mozas están a facer fronte a estes impostos abusivos, agravados por multas e sancións, e mesmo con casos que xa levaron a Facenda diante dos tribunais; ao tempo que teñen que responder ás obrigas dos investimentos realizados nas súas granxas"

Dende o Sindicato Labrego Galego levamos anos denunciando esta fiscalidade inxustificable que atenta contra o espírito de apoiar e incentivar a incorporación de xente nova á profesión agraria. Precisamente, os primeiros pasos nunha explotación agrogandeira supoñen, decotío, ter que acometer gastos extraordinarios para garantir uns determinados ingresos a medio e longo prazo, e neses primeiros meses ou anos de actividade é de vital importancia ter unha mínima liquidez garantida. Pero, a pesares de telo explicado e denunciando diante de responsables da Axencia Tributaria, do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, segue sen facerse nada ao respecto.

Xuntanza Belén do Campo SLG

Instantánea da xuntanza entre Medio Rural e o SLG. De esquerda a dereita: Belén do Campo, María Ferreiro e Conchi Docampo