A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O Sindicato Labrego Galego crea unha Coordinadora de cara a constituír a súa Secretaría das Persoas Xubiladas

O Sindicato Labrego Galego crea unha Coordinadora de cara a constituír a súa Secretaría das Persoas Xubiladas

7 de Xullo do 2018

Olga Otero

O Sindicato Labrego Galego celebrou hoxe, 7 de xullo, unha asemblea en Lugo na que creou unha Coordinadora que guiará o proceso para constituír, no seu vindeiro congreso, a que será a Secretaría das Persoas Xubiladas, un órgano dentro da organización sindical que centrará o seu traballo naquelas cuestións propias deste sector da afiliación.

Inicialmente, serán responsábel e vicerresponsábel desta Coordinadora Olga Otero Gómez, de Arcos (Chantada); e Cándido Iglesias Turnes, de Cabana (A Baña). Xunto a estas dúas persoas, estarán tamén na Coordinadora Cruz Valle, Carme Veiga, Rosario Villadóniga, Jorge Pacio e Araceli Pillado; estando previstas novas incorporacións nas asembleas comarcais que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses.

Previamente á elección desta coordinadora, houbo unha palestra na que se analizou a fondo a problemática das pensións como unha das cuestións centrais nas que terá que traballar, a Secretaría das Persoas Xubiladas do SLG. Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG, foi a primeira en intervir, destacando o peso cada vez maior que están a ter as persoas xubiladas, tanto na sociedade galega en xeral, como na propia organización sindical. De feito, hoxe en día o 25% da poboación está xubilada, e estímase que, en 2031, esa porcentaxe chegará ao 33%. De aí que sexa moi necesario crear un espazo de participación a estas persoas no seo do SLG, porque a súa achega, por experiencia e capacidade, segue a ser fundamental.

A seguinte intervención foi a do escritor, mestre e sindicalista, Xabier Pérez Davila, que explicou brevemente o funcionamento do sistema público de pensións e subliñou as cinco principais ameazas que se cernen sobre el: as pensións son moi baixas, con 4 millóns de persoas que perciben unha paga inferior ao salario mínimo interprofesional (735'90 €); o propio sistema de pensións reflicte a desigualdade de xénero que se dá no mundo laboral, cunha pensión media para os homes de 1.250 € fronte aos 800 € que cobran as mulleres; tamén existe unha desigualdade territorial ao termos na Galiza unha pensión media de 898 €, fronte aos 1.078 € da media estatal e os 1.271 € da Comunidade de Madrid; e, finalmente, é previsible que todo vaia a peor se, tal e como agora, tralas últimas reformas, as pensións só se incrementan un 0'25% anual en troques de subir o IPC, e segue a haber déficit na recadación da Seguridade Social. A única solución fronte a estes problemas é a mudanza das políticas, especialmente en áreas como a reforma laboral ou a recadación de impostos. Un dos exemplos que puxo Davila ao respecto é que, se o Estado Español recadase unha media de impostos igual á da UE podería ingresar 81.000 millóns de euros adicionais aos que recada agora.

En canto a Victoria Portas, coordinadora do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), centrou a súa intervención en analizar a discriminación que sofren os labregos e as labregas co actual sistema de pensións. En 2007, os traballadores e traballadoras que cotizaban pola Seguridade Social Agraria pasaron ao Réxime de Autónom@s; ese ano, na Galiza cotizaban 200.000 persoas pola Agraria, pero só 36.000 pasaron a facelo como autónom@s. Portas denunciou que o meirande das persoas que deixaron de cotizar foron mulleres labregas, xa que as familias non podían asumir o aumento do custe da Seguridade Social. Hoxe en día, a media das pensións labregas están por baixo da pensión mínima entre un 13 e un 15%, o que fai que moitas persoas que traballaron toda a vida na agricultura, ao xubilarse sigan traballando porque a pensión non lles chega para subsistir. Unha das consecuencias disto, denunciou Victoria Portas, é que o índice de sinistralidade no agro se disparase dende 2011.

A eurodeputada Lidia Senra falou, pola súa banda, das reformas que se están a facer na Unión Europea, centrando a súa intervención no chamado Sistema Paneuropeo de Pensións, que pretende regular o mercado comunitario dos sistemas de pensións privados. Senra denunciou que este sistema pretende financiarse a través de incentivos fiscais nos diversos estados da UE, o cal repercutirá no descenso da recadación de impostos e, polo tanto, nos orzamentos públicos. Ademais, criticou a europarlamentaria, isto incidirá nas desigualdades sociais porque favorecerá sempre ás persoas con maior poder adquisitivo, que serán as que poderán contratar plans de pensións privados complementarios.

A única solución a todas estas problemáticas, coincidiron as relatoras, non está en apoiar os plans de pensións privados; senón en apostar fortemente polo Sistema Público de Pensións para melloralo e tentar minimizar as fendas que, na actualidade, o fan tan desigual e inxusto: a fenda territorial (as pensións galegas son máis baixas), de xénero (as pensións das mulleres máis baixas cás dos homes) e profesional (as pensións labregas máis baixas có resto das profesións).

Asemblea Persoas Xubiladas