A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG trata coa subdelegada do Goberno na Coruña cuestións de Estado para o agro galego

O SLG trata coa subdelegada do Goberno na Coruña cuestións de Estado para o agro galego

18 de Septembro do 2018

Pilar Rioboo

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, acompañada por Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do SLG, mantiveron onte, 14 de setembro, unha xuntanza coa subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo Ansorena, para tratar diversas problemáticas que afecta directamente aos labregos e labregas e que dependen, directamente, da xestión do Goberno do Estado.

Estes temas foron a excesiva fiscalidade dos traballadores e traballadoras que padecen os labregos e as labregas, a obriga de telematizar tódalas xestións coa Administración, a reforma do Paquete Lácteo ou o desenvolvemento e aplicación da Lei de Titularidade Compartida.

Telematización: O 60% das persoas requeridas carecían de correo electrónico

A primeira cuestión que tratamos”, relata Isabel Vilalba, “foi a da obriga de telematizar as xestións administrativas a partir de outubro (Ver antecedentes en: bit.ly/BurocraciaXunta). Neste caso, a subdelegada do Goberno pediunos que lles presentásemos unha proposta alternativa por escrito para poder estudala, comprometéndose a trasladarlle as nosas demandas a instancias superiores. Dende o Sindicato Labrego insistímoslles en que hai unha grande cantidade de xente que vai quedar fóra do sistema. E a mellor confirmación disto é que a Seguridade Social estivo enviando cartas informando da nova obriga e solicitando o enderezo electrónico das persoas destinatarias para rexistralo, co resultado de que ao redor do 60% das persoas non facilitaron ese enderezo porque carecían del. Cremos que este dato, por si só, debería ser suficiente para obrigar ao Goberno a habilitar vías alternativas á xestión administrativa telemática. Neste senso, fixemos fincapé nas dificultades que existen para acceder a Internet no rural ou na complexidade de facer os trámites de maneira telemática para unha parte importante da poboación do campo, especialmente aquela máis envellecida que non está familiarizada coas novas tecnoloxías. De ir para adiante esta obriga, poderían conculcarse os dereitos de miles de traballadores e traballadoras por conta propia

Próxima xuntanza con persoal da Axencia Tributaria pola excesiva fiscalización no agro

Outra das cuestións tratadas por Cendán, Vilalba e López-Riobóo foi a da excesiva fiscalidade, e moitas veces inxusta, á que se está a someter aos labregos e as labregas (antecedentes en: bit.ly/STOPimpostos ou bit.ly/SLGaeat). Un dos exemplos que lle expuxemos á subdelegada foi o imposto por transmisión patrimonial que se lle cobra a persoas dunha mesma unidade familiar se fan o cambio de titularidade da granxa, algo que roza o absurdo cando ese cambio se produce entre cónxuxes que están en réxime de gananciais. Isto afecta especialmente ás mulleres e á xente moza, dous sectores da poboación especialmente castigados polas diversas políticas das administracións. “A subdelegada emprazounos a tratar esta cuestión con persoal especializado da Axencia Tributaria”, explicou Vilalba, “e expresounos a vontade de convocalo a unha xuntanza para tratar todas estas problemáticas”.

O fracaso da titularidade compartida: Na Galiza houbo 18 altas en oito anos, cando poderían solicitala unhas 35.000 mulleres

Tamén nesta xuntanza falamos da nula vontade que houbo, nos últimos anos, para desenvolver a titularidade compartida nas granxas. A pesares de termos un marco legal que facilita a posibilidade de que as mulleres compartan a titularidade da granxa co seu cónxuxe, dende 2011, ano en que entrou en vigor a Lei de Titularidade Compartida, só se deron de alta 18 mulleres na Galiza, cando as estimacións apuntan a que hai 35.000 que se poderían beneficiar desta medida. “O feito de que o persoal administrativo que debería tramitar estas solicitudes non está formado nin informado ao respecto, ou de que non existan campañas de divulgación e promoción, demostra a nula vontade da Xunta, no caso galego, de levar a práctica esta lei coa que se podería rematar coa flagrante situación de desigualdade que padecen miles de labregas”.

Paquete Lácteo: máis do mesmo

Consideramos que a reforma do Paquete Lácteo que presenta o Ministerio de Agricultura segue a ser máis do mesmo, ao non contemplar ningunha ferramenta que realmente reforce ou defenda a posición de debilidade e indefensión dos gandeiros e gandeiras fronte ás industrias e distribuidoras.