por Sabela Facal, labrega.
Na sección de Mocidade do Fouce 323, Sabela Facal reflexiona sobre as difucultades da xente nova que se incorpora á agricultura, sexan mozos e mozas "neorrurais" que proceden de ámbitos urbanos ou que non tiveran antes relación co agro, sexan aqueles e aquelas que herdan o oficio de pais e nais. Sexan quen sexan, as dificultuades e os atrancos están asegurados...
O conto da sobrevivencia do noso agro anda a meio caminho entre neorrurais que tentan sacar as súas ideas de vida adiante e uma mocidade herdeira de feridas abertas.
As primeiras tenhen o terreo difícil. Transformar o baldío en colheita e abrir portas desconhecidas para a sobrevivencia económica require de técnicas e conhecementos que, para a xente principiante, moitas veces fican lonxe.
Para as segundas, a cousa é diferente, mais non por iso máis doado. Para comezar, hai que superar un trauma, ás veces agochado no subconsciente, que é a baixa autoestima ou a desvalorización (propia ou dos demais cara a nós) por ser labregas ou de familia labrega. A sensación de que este oficio é un dos últimos caminhos a escolher ou a única vía que che queda cando non hai outra posible.
Este é o froito duma sociedade que vive de costas á terra. Desconhecimento do que é a produción real de alimentos e da súa procedencia.
Vemos a fuxida de moitas irmás, vicinhas ou amigas que deciden ou son emocionalmente empurradas a rachar este pesado patrón, a desvestirse de labregas para encher de orgulho e da tan deficitaria dignidade as súas familias vestíndose de NON labregas. Todos os caminhos son lícitos, mais como e onde ficamos nós?
Ou o disimulo dalgún vicinho que fica, mais disfraza a súa vida de mil e unha maneiras com tal de que non se note a terra nos seus zapatos.
E nós imos sentíndonos máis soas e sós.
Logo está o trabalho. Non temos xefes, é verdade. Mais aínda que poda parecer uma vantaxe, disfraza un conflito bem grande: a autoexplotación. Sen ninguén que nos marque horarios, corremos o risco de trabalhar de sol a sol, como fixeron ou fan os nosos pais e as nosas nais. Uma realidade que case ninguén desexa. Mais, se entramos na roda, logo custa moito fuxir. Uma roda preestabelecida non tanto por decisión absoluta dos nosos pais e nais, mais si polo modelo de traballo e polo modelo de economía ao que se viron empuxados a caminhar coa modernización, co “progreso” do campo e coas mudanzas dos espazos e dinámicas econó- mico-sociais xurdidas de maneira moi rápida nas últimas décadas. Uma roda que agora atrapa a moitas coma uma rede da que non sabemos soltarnos.
“Fomos arrastradas, case sem tempo de escolher, por un sistema famento de cartos pero pobre en humanidade e benestar. Un sistema que nos cargou ás mulheres con demasiado peso e pouca reciprocidade”
O medo a dar un paso por caminhos diferentes, primeiro dos pais e nais e, por arrastre, dos filhos e filhas que deben compartir trabalho e, moitas veces, vida con esas persoas que comezaron a roda.
Posiblemente, fixérono coa ilusión e a esperanza dun futuro próspero, mais agora agonizan entre débedas e trabalho excesivo, paralizadas por esse medo a que outra alternativa pode ser aínda peor. Isto inmobiliza as novas xeracións para avanzar e melhorar realmente a súa calidade de vida.
Se es mulher e ficas e, ademais, tes filhos ou filhas, o feito de “trabalhar en casa’’ carga no mesmo saco trabalhar na explotación e os coidados da familia. E a carencia de servizos (garderías, profesionais da saúde, escolas…) dificulta aínda máis a tarefa. Consecuencia: Mozos e homes sós. Falta de crianzas nas aldeas e vilas. Iso leva a desmantelar servizos sociais por ter poucas usuarias e xa temos a pescada que morde a súa cola. Mergulladas neste panorama, tal vez nos sintamos aínda máis soas e, por riba, coa sensación de que a responsabilidade é só nosa. Tal vez coa culpa de ter feito algo mal.
Mais se utilizamos unha vista de páxaro, vemos que somos moitas no mundo as que estamos nesta situación ou parecida. E se analizamos un pouco a situación, reparamos en que HAI ALTERNATIVAS, que fomos arrastradas, case sem tempo de escolher, por un sistema famento de cartos pero pobre en humanidade e benestar. Un sistema que nos cargou ás mulheres con demasiado peso e pouca reciprocidade. Que baleirou as aldeas de vida e de servizos. Que nos empurrou cara a uma ilusión urbana na que non vemos a parte oculta de miseria humana, igualiña que a nosa na aldea.
Se analizarmos ben a situación, non se trata da miseria da aldea versus o brillo do urbano. Nin da autoexplotación versus a explotación do xefe. Quizais se trate, máis ben, de nomear as feridas abertas para saralas e auto-devolvernos iso arrebatado non sabemos moi ben cando, nin exactamente como, pero que, con maiúsculas, nos pertence: a DIGNIDADE de ser LABREGAS. A partir de aí, pode que o mundo vire máis ao noso favor.