A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Conchi Docampo: "Precisamos un plan integral para que a mocidade poida e queira vivir no rural"

Conchi Docampo: "Precisamos un plan integral para que a mocidade poida e queira vivir no rural"

21 de Maio do 2019

Conchi Docampo

Conchi Docampo foi das primeiras labregas que, tras denunciar a fiscalidade abusiva sobre as axudas de incorporación, recibiu unha sentenza favorable do Tribunal Superior Administrativo de Galicia. Este foi só un dos atrancos que tivo que superar para poder vivir da terra en Vedra, onde se afincou coa súa parella no ano 2005 para dar vida ao proxecto Burbullas de Sol, centrado na produción de hortalizas e froitas ecolóxicas e do que viven traballando dúas hectáreas de terras e mil metros de invernadoiro.

Por que tomastes a decisión de afincarvos en Vedra e vivir da terra?

Traballabamos en Compostela cando decidimos mercar a casa en Vedra e en 2005 mudámonos. De fondo latexaba xa a intención de facer profesionalmente algo vinculado ao agro. Pasaron varios anos, a participación nunha cooperativa de consumo reponsable e un par de fillas ata que decidimos dar o paso de facer alimentos agroecolóxicos, non soamente para autoconsumo, senón para outras familias. Tiñamos claro que se vivíamos no rural tamén tiñamos que xerar emprego no rural. O proxecto ten vocación de ser algo real, útil, froito do esforzo e o traballo e con capacidade de amosar alternativas. Os atrancos para que isto sexa así tamén son grandes.

En que consistía o proxecto para o que solicitaches a subvención

Cando dimos o paso eu aínda entraba no rango de moza, polo que decidimos solicitar a axuda de incorporación para poñer os invernadoiros, que nos parecían fundamentais para garantir os alimentos ás nosas familias consumidoras durante todo o ano.

Fóronche útiles eses cartos recibidos para dar os primeiros pasos na actividade agraria?

Moito. Xa que puidemos ter 1000 metros cadrados de invernadoiro dende o inicio da actividade, cousa que, sen o diñeiro, teríamos que ir facendo máis amodo.

Que tipo de apoios ou servizos botaches de menos á hora de iniciarte na profesión labrega?

Unha das dificultades que atopamos foi o acceso á terra. Cando pides a axuda á incorporación pídenche un documento ante notario de arrendamento ou cesión. Atopar fincas que cumpran os requisitos para facer este documento non é doado, e persoas dispostas a ir ao notario, tampouco. Nós tivemos moita sorte cun veciño do que traballamos dúas fincas.

Outra ferramenta existente, pero ineficaz. que podería solucionar esta problemática é o Banco de Terras, pero non funciona. Recordo cando saíu a convocatoria da axuda á que me acollín: Foi en febreiro, chamei ao Banco de Terras e dixéronme que só abrían o prazo en marzo e novembro, polo que non podía facer ningunha solicitude fóra de prazo. Alucinante.

Os apoios que recibimos e resultaron fundamentais para nós foron os dos nosos compañeiros e compañeiras labregas da zona que xa estaban producindo en ecolóxico e facendo venda directa, que nos serviron de guía, aprendizaxe e axuda en moitos aspectos. A colaboración foi e é esencial.

Cando decides que o teu proxecto teña como vía de comercialización a venda directa, tampouco é algo doado, xa que falta concienciación na sociedade do consumo de produto local ou de quilómetro cero, agroecolóxico e de tempada. Dende as administracións poderían concienciar co consumo de produto fresco local por medio dos comedores públicos (escolas, residencias, hospitais,…).

Cres que estas axudas para a incorporación de xente nova á actividade agraria son suficientes? Pensas que a Xunta está a facer todo o necesario para que a mocidade opte polo agro e por vivir rural

As axudas nunca son suficientes pero, ademais, creo que habería que facer un plan integral, onde se recollera o acceso a terra, o acceso a vivenda, garantir unha renda mínima, ter uns servizos básicos cubertos, entre outras demandas, para que a mocidade queira e poida vivir e traballar no rural.

Cada vez imos perdendo máis servizos no rural e non se valora a función social e medioambiental da nosa actividade, sempre que esteamos facendo o noso traballo dunha maneira sostible, xa que hai outras actividades no rural que o que fan é depredar o medio. É fundamental que dende as administracións promovan a produción agroecolóxica, para vivir todos e todas en espazos más limpos e respectuosos coas persoas e co medio.

Conchi Docampo