A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Comeza "O rural galego sobre a mesa" en Ourense cun posicionamento sobre a PAC e os xurros na Limia

Comeza "O rural galego sobre a mesa" en Ourense cun posicionamento sobre a PAC e os xurros na Limia

7 de Marzo do 2020

Charla Xinzo PAC

Tras poñerlle un marcado acento labrego á manifestación convocada por Galegas 8M o pasado 1 de marzo en Verín, o SLG continuou esta semana coas accións que ten programadas na campaña “O rural galego sobre a mesa” na provincia de Ourense. En concreto, o 6 de marzo, organizou unha charla aberta informativa sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC) e como afectará esta a unha comarca eminentemente agraria como A Limia.

A encargada de falar foi Ana Rodríguez, experta en PAC do Sindicato Labrego Galego e ex-asesora da GUE/NGL no Parlamento Europeo.

Cun previsible recorte de fondos europeos, e aínda en fase de negociación no Ministerio de Agricultura, coa reforma da PAC o agro limiao xógase moito, xa que os seus principais sectores produtivos, como a gandería en extensivo ou a pataca, dependen destas subvencións para sobrevivir. É moi importante que Galiza se pronuncie para defender os seus intereses agrarios nesta reforma, da mesma maneira que continuar denunciando, como vimos facendo dende hai anos no SLG, que a PAC exclúa importantes sectores agrogandeiros como o apícola, o viño ou a horta.

A afiliación do SLG na Limia posiciónase sobre a desastrosa xestión dos xurros na comarca

Tamén participou Sonia Vidal Lamas, da Executiva do SLG e membro da directiva da Coordinadora Europea da Vía Campesina, que presentará a campaña “O rural galego sobre a mesa” e unha táboa reivindicativa acordada por labregos e labregas da Limia centrada na xestión dos xurros na bisbarra. De seguido, compartímola con vós:

  1. A galiñaza e o xurro ben empregados son abonos con propiedades excelentes que se deben valorizar como tales nas explotacións agrícolas, sendo empregados polos labregos e labregas dende tempos inmemoriais. Ben compostados e nas doses xustas incrementan a cantidade de materia orgánica nos solos. Non se poden considerar polo tanto como un residuo.

  2. Ao mesmo tempo, os labregos e as labregas non se poden considerar xestores de residuos polo simple feito de transportar estes abonos até as súas fincas, dado que a inmensa maioría empregan os estercos fermentados e compostados.

  3. Existen empresas mal chamadas xestoras de residuos, que retiran os xurros das explotacións intensivas sen base territorial -dado que non teñen ningún centro de tratamento- e verten de forma indiscriminada e a cachón (abrindo directamente a cisterna sen dosificador) en cunetas, canles, fincas abandonadas, montes veciñais, e onde lles cadre. Por iso demandamos que se lles poña couto a estas empresas que non están a realizar de forma eficiente a xestión destes xurros.

  4. Débese de permitir realizar esterqueiras en fincas agrícolas, distintas dos recintos da explotación gandeira. Facilitando o emprego de estercos compostados en fincas afastadas das explotacións gandeiras.

  5. Grazas ao uso do esterco de galiña en cultivos de patacas e cereais nos últimos tempos, puidose diminuír o emprego de abonos químicos. Pero no último ano, debido as sancións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ás moreas de esterco fermentado nas fincas agrícolas, rompeu esa tendencia e estase volvendo a optar polo emprego de abonos químicos, máis prexudiciais para o medio ambiente. A Confederación Hidrográfica, máis que dar unha solución, o que fixo foi acrecentar o problema medioambiental.

  6. A provincia de Ourense, en xeral, está en fase de declive, cun grande abandono de fincas agrícolas que acaban sendo pasto do lume. Proponse dende as administracións fomentar a recuperación destas zonas agrarias e montes veciñais para poñelas en produción e a disposición de agricultores e agricultoras mozas. Estas fincas necesitarían un abonado racional, no que pode encaixar perfectamente o xurro de porcino, empregado en doses adecuadas en base a criterios técnicos. Nunca como fincas castigo.

  7. Polo tanto, as inxentes cantidades de cartos públicos que se van empregar en construír plantas de tratamentos, para despois darlle a concesión a unha empresa amiga para que xustifique a xestión e saque un rendemento económico nunha economía circular mal entendida; deberían destinarse a recuperar zonas abandonadas e postas a disposición a novos agricultores e novas agricultoras, que xestionarían os xurros e os estercos producidos na explotacións gandeiras intensivas, como se fixo toda a vida.

Ademais, o Sindicato Labrego Galego ten programadas outras accións de carácter informativo por diversas comarcas ourensás encadradas nesta campaña como O Ribeiro, Trives ou Chandrexa de Queixa.

Charla PAC Xinzo