A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Indignación pola cancelación do Mercado do Alimento Labrego de Teo polas autoridades gobernamentais

Indignación pola cancelación do Mercado do Alimento Labrego de Teo polas autoridades gobernamentais

21 de Marzo do 2020

Mercado de Teo

A menos de 24 horas de que, como cada sábado, se celebrase o Mercado do Alimento Labrego de Teo, a Garda Civil advertiu ao concello que non estaba permitido o desenvolvemento desta actividade de venda directa da que depende a economía de ducias de familias labregas da comarca compostelá. Isto provocou a indignación dos labregos e das labregas, pois contaban coa autorización do concello e as instrucións sanitarias necesarias para evitar contaxios.

Os labregos e labregas que dan vida a este mercado expresaron publicamente: “o noso desacordo coa cancelación do Mercado de Alimento Labrego que se celebra cada sábado nos Tilos, pese a que xa contabamos cunha orde do concello referente ás medidas de seguridade e hixiene que debiamos adoptar. Con esta cancelación de última hora, estase a privar aos consumidores e consumidoras dun produto local de calidade, seguro e respectuoso co medio, mentres nos supermercados de todo o Estado se suceden as aglomeracións. Grazas a todos os clientes e clientas que nos visitades semanalmente. Continuamos co servizo a domicilio, e volveremos instalar os postos na praza do mercado en canto se nos autorice”.

Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos que, da mesma maneira que en Teo, hai outros moitos mercados municipais na Galiza que se prohibiron polo estado de alarma, contravindo as recomendacións da Comisión Europea (bit.ly/MercadosLocaisCOVID19) e mesmo recomendacións do Goberno noutras comunidades que, a través da súa Delegación en Valencia respondeu que “...sobre a posibilidade de autorizar a venda ambulante de mercadorías en mercados autorizados (...) Autorízanse unicamente a venda de produtos de primeira necesidade. Enténdese por produtos de primeira necesidade a alimentación e a droguería (hixiene e limpeza)”.

No caso concreto de Teo, o concello non o prohibiu, pero foi a Garda Civil quen advertiu que non se podía celebrar debido ao estado de alarma. Sorprende esta advertencia cando a propia Consellaría de Medio Rural di, nunha nota de prensa publicada o 18 de marzo, dirixíndose ao Ministerio de Agricultura: “Así, o conselleiro puxo sobre a mesa, por exemplo, a posibilidade da venda ambulante para as persoas que se dedican á distribución de produtos alimentarios de proximidade e para os vexetais a por maior e menor para a plantación en hortas, xa que o peche dos mercados lles está dificultando -dixo- chegar aos seus clientes. Neste aspecto, tamén trasladou que a Administración autonómica entende posible permitir a celebración de mercados municipais só con este tipo de produtos básicos e sempre respectando as distancias de seguridade entre os postos e evitando aglomeracións”. Ver comunidado.

Os mercados de alimentos de proximidade comercializan produtos de primeira necesidade e, polo tanto, poden seguir funcionando durante o estado de alarma. Ademais, fano nunhas condicións máis idóneas que os supermercados e comercios en locais pechados, sen aglomeracións e ao aire libre. Os concellos deben reabrir os seus mercados de alimentos municipais e dotalos de toda a información e materiais precisos e necesarios para garantir o seu normal funcionamento sen riscos de contaxio e, desta maneira, contribuír a garantir o subministro duns bens de primeira necesidade á cidadanía.

Mercado de Teo