A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Loitamos polo dereito a seguir falando das nosas aldeas

Loitamos polo dereito a seguir falando das nosas aldeas

15 de Maio do 2009

monumento

No Sindicato Labrego Galego estamos loitando arestora por seguir producindo leite, pero é irrenunciábel seguir muxindo en muxidoras, non en ordeñadoras; e non estamos dispostas a mudar a corte polo establo. ACTUALIZADA CON IMAXES DA MANIFESTACIÓN A PROL DA LINGUA O 17 de maio.

 

monumento

 O Sindicato Labrego Galego considera fundamental a participación de toda a cidadanía galega nas manifestacións a prol da nosa lingua que terán lugar o vindeiro domingo 17 de maio en Santiago de Compostela.

A lingua é un dos nosos sinais de identidade máximo como pobo e temos a obriga e responsabilidade de potencialo, garantindo a conservación deste noso patrimonio tan prezado, tomando con seriedade o deber de trasladarllo ás futuras xeracións.

Aos labregos e labregas deste país correspondeulle grande parte de responsabilidade no mantemento da nosa lingua. Do contacto coa terra ao longo dos séculos xurdiron as verbas para nomear todo o que nos rodea. A nosa xente devanceira tiña un nome para cada cousa, e chamaba cada cousa polo seu nome.

Do mantemento dun medio rural vivo, depende a conservación dunha parte fundamental do noso idioma. Queremos seguir levando as vacas a pacer, indo apañar castañas, aciñar nas patacas, ensilar, debullar e levar a abeberar o gando á fonte.

No Sindicato Labrego Galego estamos loitando arestora por seguir producindo leite, pero é irrenunciábel seguir muxindo en muxidoras, non en ordeñadoras; e non estamos dispostas a mudar a corte polo establo.

No Sindicato Labrego Galego partimos de que un pobo só pode respectar as culturas dos demais se é quen de respectar a identidade propia, é por iso que ao orgullo de ser labregas e labregos produtoras e produtores de alimentos engadímoslle o feito de selo en galego.

Atopámonos nun momento no que a nosa lingua, ao igual que as nosas posibilidades de futuro, están fortemente ameazadas. O modelo neoliberal alienante e simplificador ataca na riqueza da multiculturalidade, na propia existencia dos recursos naturais e na biodiversidade, nos dereitos sociais e humanos.

Nós, as labregas e labregos da Galiza, procuramos un outro modelo, baseado no respecto ás persoas e á súa identidade.

Os argumentos empregados polos sectores que atacan o galego son absolutamente falsos e só se explican dende a concepción que teñen, mesmo sendo galegos de nacemento, de que todo o que é da Nosa Terra ten menor valor e que o progreso vén de fóra.

Esta idea da Galiza como colonia fai que unha vez e outra descubramos nestes sectores como prioridade a defensa de intereses foráneos, e o esquecemento total dos intereses económicos, sociais e culturais da Galiza.

Rexeitamos ademais as mensaxes insultantemente demagóxicas que levamos aturando nestes últimos meses. O galego é a única lingua na Galiza que está experimentando un alarmante retroceso no número de falantes, así como unha perigosísima contaminación por parte do castelán e unha significativa perda na súa riqueza de vocabulario, asociada á perda de aspectos intrínsecos da nosa cultura.

Preocúpannos todas as mensaxes que están saíndo publicamente e que atacan á nosa lingua, e agardamos que a clase política que está hoxe no Goberno estea á altura de non dinamitar por cuestións partidarias un ben patrimonial do pobo galego.

Dende o SLG animamos a todas as persoas a que fagan da defensa da nosa lingua unha cuestión fundamenta na súa vida, todos os días, a ser universais falando das nosas aldeas, e para iso cómpre que loitemos xuntas e xuntos, todo o noso pobo, por manter as nosas aldeas, e a nosa lingua.

MONTAXE LETRAS2