A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O galego, o noso existir.

O galego, o noso existir.

18 de Maio do 2010

A NOSSA LINGUA É INTERNACIONAL

Un ano máis, o Sindicato Labrego Galego participou na manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas, reivindicando o orgullo que sentimos pola nosa fala e a firme  vontade de loitarmos por ela.

 

                         MANIFESTO

 

O idioma é para a inmensa maioría das galegas e dos galegos un patrimonio propio, único, insubstituíbel. Sentimos o galego como algo noso, independentemente da lingua que empreguemos no noso día a día. É a nosa creación máis valiosa e perténcenos.

 

Poucas dúbidas hai de que se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias, é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias. Lamentabelmente, desde hai un ano temos un presidente e un goberno da Xunta que parecen non decatarse de que se están aí é grazas a termos un idioma de noso.

 

Incumpren de forma incívica o mandato estatutario de promover o galego e andan ás patadas con el. O mellor exemplo desta política tan lesiva é o decretazo contra o galego, que, por exemplo, varre a nosa lingua da educación infantil nas cidades e prohibe ao profesorado o seu uso nas materias do ámbito científico-técnico.

 

A sociedade galega está a responder mobilizándose contra a extinción da nosa lingua e reclamando ás institucións que cumpran coa súa obriga de promovela, para garantir a igualdade de coñecemento, a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades.

 

A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e integrada por máis de 700 entidades de todo tipo, chama á sociedade a manter aceso o facho da defensa do noso idioma. Ademais, anima ao conxunto da cidadanía a que apoie coa súa sinatura a proposición de lei de garantía dos dereitos lingüísticos.

 

Gañar as eleccións non significa poder exercer o poder de maneira absoluta. Merecemos uns gobernantes responsábeis que non estean a xogar co noso existir e que cumpran coa súa obriga de usar, defender e promover a lingua que nos une como galegas e como galegos. Só en galego Galiza ten futuro!

 

 

O Sindicato Labrego Galego forma parte da plataforma "Queremos galego". Na imaxe, a Secretaria de Organización, Lídia Senra, na faixa de cabeceira da manifestación.

 

lídia senra

 

17maio

Vista dende a Catedral de Santiago aproximadamente unha hora antes de que chegaran todas as persoas presentes na manifestación.

máis fotos na galería...