A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. A suba da electricidade anunciada polo Goberno porá contra as cordas ás explotacións agrogandeiras de Galiza

A suba da electricidade anunciada polo Goberno porá contra as cordas ás explotacións agrogandeiras de Galiza

31 de Marzo do 2011

Non hai imaxe

O Sindicato Labrego Galego quere expresar o seu rexeitamento á nova suba da electricidade que se aplicará a partir de 1 de abril, superior ao 10% na tarifa, e que afectará a aqueles contratos da modalidade “mercado libre” e aos da “tarifa de último recurso (TUR)” que teñan unha potencia contratada de 10 Kw ou máis. Dado que o meirande das explotacións están obrigadas a ter unha potencia eléctrica superior á devandita, sufrirán unha nova suba do recibo da luz; e as que non teñan esa potencia contratada, xa padeceron unha suba do 9’8% a comezos de ano. O prezo da electricidade incrementouse máis do 60% dende a liberalización do sector en 2008.

O encarecemento da electricidade vense sumar a un incremento brutal dos custes de produción que, no último ano, foi do 43’8 % nos fertilizantes, do 27’8% nos pensos para gando vacún ou do 40’6% na alimentación porcina, e sen esquecermos a suba do gasóleo agrícola, que pasou dos 0’70 de 2010 aos 0’90 céntimos de agora, o que supón un 27%. Tamén habería que engadir a todo isto a suba do 6% no butano a partir de mañá, pois o meirande das explotacións utilizan esta fonte de enerxía para quentar auga. Estes incrementos xeneralizados dos custes, unido a uns prezos agrarios en orixe estancados ou á baixa, sitúa a miles de explotacións ao borde do peche.

A suba xeneralizada da electricidade demostra que a liberalización do mercado eléctrico e a privatización da enerxía, quitándolle o control público, non redundou en beneficio da cidadanía, senón todo o contrario, pois os prezos non deixan de subir, tendo un tremendo impacto, coma sempre, sobre as familias con rendas máis baixas da sociedade e sobre aqueles sectores económicos máis agredidos e vulnerables ás políticas neoliberais imperantes, como os agrarios e os gandeiros.

Dende o Sindicato Labrego Galego reclamamos que o Goberno poña freo e esta escalada privatizadora, desautorizando este novo abuso das empresas eléctricas, e que faga o posible para manter os custes enerxéticos a prezos asequibles para toda a sociedade.