A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG reuniuse co BNG na súa rolda de contactos para rematar cos abusos das industrias e das distribuidoras na cadea comercial dos produtos agrarios

O SLG reuniuse co BNG na súa rolda de contactos para rematar cos abusos das industrias e das distribuidoras na cadea comercial dos produtos agrarios

5 de Septembro do 2011

Xuntanza co BNG

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada de Xosé Manuel Calvo Rei, membro da Executiva desta organización agraria; reuníronse, o 5 de setembro, coa deputada polo BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, para falar da Lei de Funcionamento da Cadea Alimentaria.


Para o Sindicato Labrego, esta lei pode ser a resposta a unha demanda histórica desta organización agraria e de todos os labregos e labregas de Galiza e do Estado: normalizar as relacións comerciais das explotacións agrogandeiras con contratos que se deberían negociar de xeito colectivo no seo das interprofesionais, con presenza de todos os axentes da cadea comercial: produtores e produtoras, industria, consumidores e consumidoras e, nomeadamente, as distribuidoras, que nunca estiveron nas mesas negociadoras, amais da administración como mediadora. Tamén debería contemplar esta lei a fixación de prezos mínimos para que, nos diversos sectores agrarios e gandeiros, existan garantías e seguridade, amparadas por lei, para que o traballo nas explotacións dea unhas rendas dignas para vivir.

Neste senso, se lle expuxo a Dávila a posición que deberían defender, de xeito unánime, todos os partidos políticos galegos. Así, Carme Freire e Xosé Manuel Calvo indicaron que a lei abordará unha cuestión fundamental que aínda está por definir, e é de que xeito se vai lexislar para rematar coas prácticas abusivas das industrias e das distribuidoras, e como se van limitar as marxes de beneficio tamén abusivas que se lles traslada no prezo final a consumidores e consumidoras e que deixa no agro prezos de miseria que levan a que, cada ano, pechen miles de explotacións.

Carme Freire e Xosé Manuel Calvo avogaron por que todas estas cuestións estean reguladas por lei, para que non siga imperando, como até o de agora, a lei da selva na comercialización dos produtos agrarios, situación na que as partes máis prexudicadas son sempre os elos máis febles da cadea: as explotacións agrarias e os consumidores e consumidoras.

No encontro, a deputada nacionalista, Olaia Fernández Dávila, comprometeuse a pedir no Parlamento do Estado a comparecencia da Ministra de Medio Rural, Rosa Aguilar, para que clarifique a posición que defenderá o Goberno nesta cuestión transcendental para as nosas explotacións. Neste senso, Dávila fixo especial fincapé na importancia estratéxica de que se regulen as marxes comerciais, e se negocien os prezos mínimos no seo das interprofesionais, en sectores tan importantes para o noso país e o noso medio rural coma o lácteo.

Xuntanza co BNG