A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. A falla de persoal na oficina agraria de Ordes provoca serios atrasos no cobro dos plans de mellora

A falla de persoal na oficina agraria de Ordes provoca serios atrasos no cobro dos plans de mellora

17 de Outubro do 2011

Non hai imaxe

As explotacións de Ordes que solicitaron un plan de mellora estanse atopando con que a falla de persoal técnico na oficina agraria comarcal está atrasando varios meses o cobro destas axudas. No Sindicato Labrego Galego constatamos a existencia de expedientes que xa foron completados e xustificados en xuño, pero que permanecen sen certificar nin resolver dende aquela.

Na conxuntura agraria actual, cos custes de produción disparados debido ao impacto da seca; e os prezos en orixe estancados en niveis de miseria en sectores estratéxicos para esta comarca coma o lácteo, o atraso no cobro destas axudas supón un grave problema de liquidez para as explotacións afectadas. Así llo fixo saber hoxe, 17 de outubro, o secretario de Ordenación Territorial e Infraestruturas do SLG, Xosé Manuel Calvo Rei, ao director xeral de Produción Agropecuaria, Xosé Álvarez Robledo. Na conversa mantida entre Xosé Manuel Calvo e Robledo, o director xeral admitiu coñecer o problema e afirmou que a Consellaría de Medio Rural estaba facendo xestións para que os plans de mellora fosen certificados antes de que remate o ano. Así e todo, o Sindicato Labrego Galego manterase vixiante de cara a comprobar que se realizan as xestións necesarias para axilizar e sacar adiante os plans de mellora de maneira que as explotacións beneficiarias poidan cobrar os cartos a que teñen dereito o antes posible.