A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Bota a andar a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, da que o SLG forma parte

Bota a andar a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, da que o SLG forma parte

14 de Marzo do 2012

Mira por elas

O 14 de febreiro de 2012, presentouse en Compostela a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, da que o Sindicato Labrego Galego forma parte. Con Lola Ferreiro e Cándido Pazó como portavoces, expuxéronse os motivos e leuse o manifesto fundacional que, de seguido, transcribimos. Ademais, púxose en marcha unha páxina web -www.miraporelas.com- na que é posible sumar novas adhesións e onde se dá cumprida información sobre a Plataforma.

Candido e LolaMANIFESTO EN DEFENSA DA CRTVG

Neste contexto, as persoas abaixo asinantes, representantes de organizacións sociais, sindicais, políticas, profesionais e académicas, e cidadás e cidadáns particulares, consideramos que a sociedade galega está ante un momento crucial para mellorar e afianzar o seu modelo de servizo público de comunicación, e expresamos a nosa vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública: 

1. Que defenda a identidade nacional de Galiza, promova o coñecemento e a difusión da súa historia e a súa cultura e impulse a normalización da súa lingua. O galego será a lingua vehicular de todas as emisións e contidos dos medios audiovisuais públicos, debéndose atender e coidar a calidade lingüística das mesmas.

2. Que impulse o coñecemento e o respecto aos dereitos humanos (dos homes, das mulleres e da infancia), cívicos e políticos recoñecidos nos tratados e normas internacionais.

3. Que promova a igualdade entre mulleres e homes, desde o uso dunha linguaxe non sexista, ata a introdución da perspectiva de xénero en todos os contidos (económicos, políticos, sociais, culturais, deportivos, etc), incluíndo o tratamento informativo da saúde, da educación e da violencia de xénero e, en xeral, a imaxe que se ofrece das mulleres.

4. Que dedique especial atención, pola súa importancia futura para a sociedade, á infancia e á mocidade, reforzando a función educativa e socializadora dos medios audiovisuais na transmisión dos valores cívicos e democráticos, incluíndo expresamente a promoción da igualdade de xénero.

5. Que ofreza gratuitamente un conxunto de programacións e servizos audiovisuais variados, equilibrados e de calidade para todos os públicos e que asegure aqueles contidos destinados a satisfacer as necesidades e demandas das minorías máis desfavorecidas da nosa sociedade, atendendo ás súas problemáticas específicas, a prol da integración e a cohesión social.

6. Que informe con veracidade, imparcialidade e independencia, con respecto á pluralidade de fontes e actores, afastándose da banalización e o sensacionalismo e coa profundidade e contextualización necesarias para a cabal comprensión dos feitos que se informan.

7. Que estimule a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva e sistemática do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos significativos, segundo criterios obxectivos de representación ou implantación social, sen que poida excluírse a expresión dos grupos sociais que representan as minorías lexítimas da sociedade nin as formacións políticas sen representación parlamentar, en atención ao respecto ao pluralismo.

8. Que fomente o acceso universal aos servizos relacionados coa Sociedade da Información, participando no progreso tecnolóxico e na utilización das novas técnicas de produción e difusión de programas e servizos audiovisuais, incluídos os dixitais e en liña, susceptíbeis de enriquecer e completar a súa oferta de programación.

9. Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas, mantendo en todo caso o equilibrio entre a utilización efectiva e eficiente dos seus propios recursos e o obrigado cumprimento das cotas que, conforme á lexislación vixente, lle corresponde á industria audiovisual independente.

10. Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente con transparencia, evitando as contratacións opacas e a concentración das compras nun número reducido de provedores.

Por último, instamos ao Parlamento de Galiza a regular por lei, á maior brevidade posíbel, a creación dunha autoridade audiovisual independente do goberno e dos operadores, que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente das obrigas de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados neste manifesto.

 

Alternativa Radio Galega (ARG)

Asemblea Republicana de Vigo (amigos da república)

Asociacion de Equipos de Fútbol de 3ª Preferente e 1ª Rexional

Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe en Galicia (APRADOGA)

Asociación Galega de Guionistas (AGAG)

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)

Associaçom Galega da Língua (AGAL)

Bloque Nacionalista Galego (BNG)

Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT)

Comisións Obreiras (CCOO)

Comité Interemrpesas da CRTVG

Confederación Intersindical Galega (CIG)

Encontro Irmandiño (EI)

Espazo Ecogaleguista

Esquerda Unida (EU)

Frente Popular Galega (FPG)

Galiza Cultura

Mesa Pola Normalización Lingüística (MNL)

Mocidade Nacionalista Galega (MNG)

Nova Escola Galega

Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE)

ProLingua

Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG)

Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG)

Sindicato Labrego Galego (SLG)

Unión General de Trabajadores (UGT)

Unión Sindical Obrera (USO)

 

Compostela, 14 de marzo de 2012