A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG apoiou a manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará este domingo en Compostela

O SLG apoiou a manifestación en defensa da sanidade pública que se celebrará este domingo en Compostela

1 de Xuño do 2012

SOS Sanidade Pública

O Sindicato Labrego Galego apoiou a manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, o pasado 3 de xuño en Santiago, asumindo na súa totalidade a táboa reivindicativa que se defendeu ese día nas rúas compostelás.

Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que os últimos recortes impostos polo Goberno Central, en complicidade coa Xunta de Galicia, supoñen a morte da sanidade entendida como un dereito universal, público e gratuíto. A maiores, o SLG xa ten denunciado que os recortes que se están a levar a cabo na sanidade pública nos están a afectar de xeito dramático nas zonas rurais, nas que xa viñamos padecendo uns servizos reducidos que agora se limitarán aínda máis.  Por todo o devandito, o SLG tamén denuncia que as políticas de recortes sanitarios do Goberno Central:

 

  1. Acaban co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurado”, deixando fora aos que non reúnan esa condición.
  2. Deixan fóra da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora aos maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
  3. Reducen a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago (repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha Carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes nos servizos afectarán especialmente ás mulleres.
  4. Establecen un sistema de copagos que afectan esencialmente aos pensionistas e enfermos crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensables para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.
  5. Inclúen un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada das prestacións farmacéuticas da carteira básica, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
  6. Incorren en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galicia, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.
  7. Cambian as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade no servizo prestado.
  8. Privatizan a xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.