A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Isabel Vilalba: "A libre competencia defendida polo Goberno é liberdade das industrias para extorsionar ás explotacións"

Isabel Vilalba: "A libre competencia defendida polo Goberno é liberdade das industrias para extorsionar ás explotacións"

28 de Maio do 2013

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, xunto aos representantes das outras organizacións agrarias, mantiveron un encontro co delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez, o pasado 28 de maio. A intención desta xuntanza era expresarlle a Juárez o malestar dos sectores agrogandeiros galegos, especialmente o lácteo, por non terse introducido na Lei da Cadea Alimentaria a prohibición de vender por baixo dos custes de produción.

Esta postura fora adoptada polas organizacións agrarias e a Xunta, con compromiso persoal do presidente Feijóo, e obtivo o apoio unánime de todas as forzas políticas que integran o arco parlamentario galego.

Tamén se falou doutros temas relacionados con esta cuestión, como a necesidade de regular as poxas electrónicas de cara a controlar baixas temerarias con prezos que non cubran os custes de produción. Non hai que obviar que, en sectores coma o lácteo, na configuración dos prezos son as industrias as que impoñen de xeito unilateral as súas condicións, nunha relación comercial totalmente desequilibrada na que non existe a negociación, e na que non hai leis que amparen ás explotacións e controlen esta posición de abuso.

O delegado do Goberno volveu utilizar o argumento de que introducir na Lei da Cadea Alimentaria a prohibición de vender por baixo dos custes podería comprometer a libre competencia no mercado.

Isabel Vilalba replicoulle que “esa libre competencia da que fala o Goberno é hoxe liberdade entre as industrias para decidir como e de que xeito extorsionan aos produtores e produtoras, liberdade para competir a ver quen fixa unhas condicións peores ou máis ruinosas para as explotacións”.

Fronte á defensa que fixo Juárez das explotacións máis dimensionadas, Isabel Vilalba lembrou que polo camiño tiveron que pechar moitos miles que, se tivesen tido prezos dignos para continuar a súa actividade, teríanse mantido en activo. A libre competencia que tanto defenden dende o Goberno do Estado supuxo e supón o peche de miles de explotacións, coa perda conseguinte de miles de postos de traballo e a desertización agónica do noso medio rural.

O Sindicato Labrego Galego e o resto de organizacións agrarias non demos esta batalla por perdida. A Lei da Cadea Alimentaria segue o seu trámite parlamentario e ten que ser votada no Senado, polo que aínda non se aprobou o seu texto definitivo. Na xuntanza mantida o 29 de maio, pedímoslle a Samuel Juárez que traslade de novo as demandas de Galiza a Madrid, pois a inclusión da prohibición de vender a perdas ou por baixo dos custes de produción será determinante para o futuro do noso medio rural.